(Interpretación) Prácticas

1. Análise fílmica

Propoñémosche que analices unha das seguintes curtas: Persoas (do IES Cacheiras, e gañador do premio Olloboi Peleón 2015) ou Tourettes (CPFP A Farixa, Ourese, gañador do premio Olloboi 2011). Escolle unha e responde ás cuestións que aparecen a continuación.

 

 

Na curta Persoas só hai un alumno actuando, o resto das interpretacións son de integrantes da compañía de teatro Chévere, quen se prestaron, sen coñecer o guión, a colaborar co equipo do IES Cacheiras. O primeiro contacto directo foi na rodaxe, e para o alumnado foi unha experiencia moi enriquecedora, pois aprenderon moito dos profesionais: aínda que non houbo unha formación específica actoral, a propia experiencia de ver ós profesionais plantexando ó alumnado solucións de posta en escena e ter que tomar decisións de dirección foi unha formación en si mesma.

Tourettes é un proxecto do CIFP A Farixa, Ourense. Foi rodada integramente na cidade de Ourense nun apretadísimo plan de produción que incluía unha ducia de localizacións en 3 días de rodaxe. Dirixiu a curtametraxe Martín Fiallega, que viña de facer a popularísima Toxic Percebe xunto con Xabier Jácome. Martín Fiallega é montador de video na productora CTV Plato 1000, cunha moi ampla experiencia e adicación ó sector audiovisual. A súa colaboración co centro educativo A Farixa enmarcábase dentro do programa de coprodución Canle4, mediante o cal se intentaba facer traballar en conxunto ó alumnado con profesionais en activo do sector audiovisual en proxectos relativamente ambiciosos. O director pediu asesoramento a unha Asociación de afectados polo síndrome de Tourettes, o cal redundou, evidentemente, na credibilidade das interpretacións.


Cuestións guía para análise

  1. Analiza o reparto da curta: cres que o casting está ben feito? por que?
  2. Os actores e actrices da curta son profesionais do sector, e saben ben a diferencia entre interpretar para a cámara ou facelo noutros contextos (teatro, performances…) Que indicativos ves ti de que están interpretando para a cámara?
  3. Existe algún momento onde vexas que os intérpretes se pisen entre si, tanto en movementos como no diálogo? cres que é deliberado?
  4. Escolle un primeiro plano da cara de calquera intérprete e indica qué expresa coa mirada
  5. Atopa un silencio no medio dun diálogo e interpreta o seu sentido.

2. Creación

Como verás en todos os capítulos, de forma xenérica facémosvos a proposta de crear unha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitas persoas que gravar, e se tedes a sorte de vivir cerca dunha feira, tedes tamén animais. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

A práctica que vos propoñemos é gravar probas de casting para un personaxe da historia que estades creando, preferiblemente de vendedor ou vendedora. Para isto tedes que facer unha convocatoria pública no voso centro, pasar o guión (ou separata dunha secuencia, tal como se recomendou no capítulo de Guión) ós aspirantes, e gravar as probas nun lugar tranquilo, preferiblemente o decorado que creastes no capítulo de Arte e Estética. Debedes dar instrucións ós aspirantes do tipo de interpretación que buscades, o cal ha de constar aparecer nas gravacións de casting. A separata pode ser dunha secuencia curta, na que interveña só o personaxe do que se fai o casting ou outros (para isto tedes que ter alguén que dea as réplicas).

Para dar por rematada a práctica tedes que clasificar as probas elaboradas e entregalas debidamente equiquetadas, incluíndo nelas as indicacións de interpretación que foron suxeridas.