Esta é a primeira Olloclase, e con ela pretendemos que vos fagades unha idea xeral do proceso audiovisual ó completo, desde a preprodución ata a distribución pasando polas fases creativas intermedias. Para isto contamos con dous realizador@s cómplices de Olloboi: Alfonso Zarauza e Jaione Camborda. Nas próximas Olloclases, cada parella de profesionais incidirá sobre os contidos que se bosquexan neste primeiro capítulo.
Se non queres ampliar contidos, podes acceder xa á páxina de Actividades de Facer unha película.
Ampliación de contidos (non é necesario para facer as actividades)
A vida dunha película é como demos en chamar ó ciclo de produción dun filme: o conxunto de etapas e que transcorren desde que sabemos que imos contar unha idea ata que a distribuímos en salas ou circuítos alternativos.
Di Alfonso Zarauza que facer cine é unha das profesións máis marabillosas que existen, pois une loxística e creatividade ó servizo de transmitir emocións. Ó longo da Olloclase, tanto Zarauza como Jaione Camborda nos dan algunhas das súas claves no manexo dos equipos humanos e técnicos, así como dos seus recursos artísticos á hora de afrontar a realización dunha película.
Antes de comezar, queremos explicar por qué escollemos a esta parella de creador@s para iniciar o Aprendo con Olloboi. Existe unha triple razón para isto:
- O equilibrio de xénero, que en realidade, non se dá no cine como tampouco o fai no resto da sociedade. Toda a xente coa que falamos para este proxecto lamentou que os postos de mulleres no audiovisual estean maiormente circunstritos ós ámbitos de estilismo e interpretación. Tod@s sabemos que a situación é difícil de revertir por máis que se apele a axudas da administración e políticas igualitarias: a verdade é que o relato está escrito por homes, e iso significa que os protagonistas, as historias, a mirada, corresponde ós homes. Paralelamente, este sector é un dos máis abertos a buscar un equilibrio, como o demostra o emerxente número de produtoras, realizadoras, técnicas de iluminación/son e montadoras. A nosa intención, como docentes, é sumarnos a ese empuxe dando a ver que en cada área da produción existen profesionais mulleres e homes. Paralelamente, queremos aportar a diferente mirada que do seu traballo tén cada quen.
- Dende que nos anos 70 se comezara a ter consciencia dun audiovisual propio, existen dúas correntes ben diferenciadas en canto ó seu obxectivo formal e funcional: unha entende o cine como elemento de reivindicación social, coa forma supeditada á función; a outra aspira á creación de historias e á profesionalización do sector. Hoxe por hoxe non existe unha fenda entrambos mundos, pero é innegable que en Galicia temos un cine máis experimental ou de autor, e outro máis de gran equipo e perfil industrial. Nun sentido amplo, Jaione Camborda representa ese primeiro sector e Alfonso Zarauza o segundo.
- Ambos os dous creadores adoitan traballar xuntos desde que se coñeceran hai oito anos na serie da Galega “Nordés”. As súas diferentes formacións e orixe (a pesar do seu notable bo uso do galego, Jaione leva só oito anos con nós) e o seu complementario punto de vista respecto a tantos criterios estéticos, fai deles a parella creativa máis fecunda do audiovisual galego.
Por se o anterior fora pouco, os dous son Cómplices do Olloboi, ou o que é o mesmo, amantes da divulgación do cine entre a xuventude, do fomento da creatividade e do sentido crítico e o compromiso.
E agora, entremos en materia.
Preprodución
Hai dous procesos que indeleblemente hai que realizar antes de comezar a traballar na produción dunha película: ter unha historia e buscar financiamento para realizala.
Crear unha historia é un proceso duro no que hai que sentarse e estruturar con moito rigor o que se vai contar. Jaione e Alfonso traballan xuntos na casa deste, podedes ver imaxes no vídeo da Olloclase. Durante meses dan forma ó guión, e van sintetizando cada secuencia en papeliños que pegan sobre unha mesa, completando un mural nota a nota (isto tamén se ve no vídeo). Acontece a veces, como no caso da produción na que están a traballar agora (Ons), que chegan ó final e son conscientes de que algo non funciona na estrutura: nese caso deben ir despegando os post-its ata atopar o erro e comezar de novo. Como laboriosas formiguiñas almacenando o gran.
Cando a historia está rematada, chega o momento de buscar financiamento. Esta é unha parte delicada pois, como eles mesmos explican, os realizadores teñen en mente o seu proxecto ideal, e o produtor/a tén o proxecto real, pois é quen sabe qué recursos existen na práctica, económicos e materiais (posibilidade de ir gravar a diferentes localizacións, permisos, obxectos de utilería ou atrezo, postizos e maquillaxes, efectos especiais, etc).
Sendo sensat@s, na escritura do guión hai que ter en conta cales son eses recursos cos que contamos, e non planificar algo que non vai ser realizable.
Como Jaione explica, existen proxectos de menor envergadura ou diferente formato nos que non é preciso acudir a un produtor/a: se queremos facer un videopoema, un documental, unha historia experimental, pode que simplemente precisemos unha cámara, un son (e non sempre) e unha situación. Se este é o voso caso teredes moitos menos problemas, abofé!
En calquera caso, tras responder ós “ques” dunha película a través dun guión, debe facerse un deseño de produción que resposte ós “onde” e ós “como”, tal como explica Steven Katz no seu libro Plano a plano. No deseño de produción faise un desglose de guión no que se analiza cada secuencia para saber canto tempo vai tardarse en rodar e canto vai costar facelo. Froito deste traballo, o Equipo de Dirección creará un calendario de traballo no que se organizarán os factores precisos do xeito máis eficiente, agrupando secuencias en función da dispoñibilidade de espazos e recursos humanos. O que vai implicar, entroutras cuestións, non gravar na orde do guión. Veremos no capítulo “Interpretación” que consecuencias tén este sistema.
Cun guión nas mans e un plan de traballo, podemos xa establecer contacto cos nosos equipos creativos (unha vez máis, se estamos ante un proxecto personal ou alternativo, pode ser que o equipo sexa moi reducido, como no caso de Jaione, quen explica que a miúdo só traballa ela mesma coa axuda dun sonidista).
Pero antes de dirixirnos a quen serán @s nos@s compañeir@s de aventura, hai que plantexarse moitas decisións e escoller con criterio. Como di Zarauza, o noso talento reside en ir elixindo ben e en saber plasmar eses acertos. As eleccións que fagamos van marcar a nosa personalidade como realizador@s.
O fundamental é ter claro cal vai se o ton da nosa película, sexa ficción ou non ficción: pode tirar máis realista ou a efectista, e isto influirá no resto das decisións, o cal se deberá transmitir ós nosos equipos de traballo.
Ensaios e gravación
Coa produción aprobada e xa dentro do noso calendario de traballo, os equipos van traballando nas súas respectivas áreas:
- Equipo de Dirección: tendo en conta as necesidades e dispoñibilidade de todos os participantes na película, e en colaboración co Equipo de Produción, o/a Asistente Primeiro/a de Dirección elaborará un plan de rodaxe no que se organicen do xeito máis eficiente posible todos os recursos.
O Equipo de Dirección debe estar sempre atento a que se respecte o espíritu da historia que se vai contar, debe coordinar o traballo do resto dos equipos, e é responsable da selección de reparto e dos ensaios.
Os criterios de casting deben estar moi claros e ser acordes ó ton que buscamos para a nosa película: queremos interpretacións naturalistas ou sobreactuadas? priorizaremos valores de produción (os que van “vender ben” a nosa peli) ou apostaremos polo valor individual de cada persoa e a complicidade que temos con el/ela? Zarauza insiste en que cada personaxe tén unha alma e unha fisicidade, polo que é fundamental seleccionar ó actor e actriz adecuada para cada papel, por enriba de cuestións de produción. Conta o caso de Os fenómenos, onde el porfiou para ter un reparto que era da súa total confianza e que aportaba credibilidade á historia.
No caso da non ficción, apunta Jaione, a cuestión do reparto é diferente: se a xente non sabe que está a ser gravada pode aportarnos cualidades como a naturalidade ou a timidez. En todo caso, lembra que é unha obriga ética na realización de documentais informar á xente de que foi gravada. Tamén explica que non hai por que circunscribirse ó mundo dos personaxes, e que se pode optar, como ela fai, por rodar animais, pois parécelle cautivador o aporte que supón a falta de ego dos mesmos.
- Equipo de Fotografía (operador@s de cámara, director@s de fotografía e iluminación): con el@s decidiremos se queremos encadramentos máis poéticos (pouca profundidade de campo e xogar ós desenfoques) ou menos (máis profundidade de campo e por tanto máis elementos en escena); escolleremos se cinguirnos ás “normas” cásicas compositivas (lei dos terzos, a mirada, o horizonte…) ou non, e o porque; se queremos unha ou outra iluminación e cromatismo; un rexistro amplo de tamaños de plano ou tendencia ó plano secuencia; cámara lonxe da acción ou pegada ás interpretacións… Jaione destaca neste punto a necesidade de contar a través da linguaxe de planos, e dános diferentes exemplos de produtos rodados con primeiros planos (revelar máis sobre a natureza d@s intérpretes), con planos xerais (descrición de espazos), cámara en man (aporta corporalidade), etc.
- Equipo de Arte e Estética (director/a de Arte e de Estilismo): xunto ó anterior, é o resonsable do aspecto visual da película. Unha vez decidido o cromatismo (cores frías ou cálidas, saturadas ou desaturadas, etc), determínase unha paleta de cores que marcará todos os elementos do estilismo e os decorados. Despois tomaranse o resto de decisións de xeito coherente: tipo de localizacións e decorados (naturalistas, expresionistas, teatrais…), elementos de utilería, vestiarios, maquillaxes… Neste punto, Zarauza describe como en Os fenómenos se optou por unha paleta de cores frías e un ton naturalista, o que fixo que a maquillaxe e estilismo dos actores e actrices (fundamentalmente Lola Dueñas) fose apenas perceptible. Como contrapunto fala das escenas iniciais da película, que por transcorreren en Almería pasan por usar unha paleta de cores cálida.
- Equipo de Produción: que se encargará de xestionar todos os permisos e todo o que precisen o resto de equipos. Intentará que todo se axuste a un orzamento, polo que indefectiblemente lastrará o talento d@s creadores…
- Equipo de Son: responsable de que todo o que se grave se escoite con nitidez, particularmente os diálogos, e de aportar a posteriori os sons precisos para reconstruír unha escena (efectos sala). Vai ser moi importante a función deste equipo pois, como veremos noutro capítulo, unha sonoridade equivocada pode “sacarnos” da película.
Unha vez que temos todos os equipos sincronizados vai ser hora de comezar a gravación. Para facelo, Jaione a Zarauza dannos un importante consello válido tanto para a ficción como para a non ficción: hai que deixar que a vida entre na nosa película, que nos sorprenda. Unha gravación é unha loucura na que non hai tempo a nada, unha odisea na que cómpre que todo estea acordado de antemán para que cada quen coñeza a súa función, pois non será viable poñerse a discutir cousas no momento da Acción. Por outra parte, ambos apelan a non actuar de forma automática e a estarmos vixiantes á vida que cobran as escenas: Zarauza conta como a secuencia do vestiario de Os fenómenos foi rectificada a última hora co único coñecemento do operador de cámara e de Lola Dueñas, e afirma que para el é unha das máis auténticas da película, pois a maxia que xurdiu na improvisación dos actores aportou moita vitalidade á historia.
Despois de que Zarauza explique os numerosos contratempos que tivo na rodaxe de Os fenómenos (choveu todo o tempo en Almería) e en A noite que deixou de chover (non caeu unha soa gota en Santiago en tres meses, sic), Jaione di, e transcribimos literalmente: “cando nos imaxinamos unha película xogamos a ser deus: imaxinamos uns personaxes, unha climatoloxía… logo todo pode cambiar. E non é malo que non suceda o que imaxinamos. Depende de nós que sexa máxico. E esta é unha cualidade que non se traballa no guión, senón nun mesmo”.
Postprodución
Cando a tolemia da rodaxe remata, o/a director/a tén que montar o material que se gravou, ou sentarse co montador/a que o faga. Nas producións de tipo máis industrial o habitual é o segundo, e Zarauza apela a que se escolla un “montador psicólogo” que nos saiba “manexar” nese proceso. Como el mesmo recoñece, “nese momento decátaste de que xa nada tén remedio, as imaxes que tés son as que son, para ben e para mal”.
Ambos realizadores afirman que na sala de montaxe se fai unha película nova en base ó material real do que dispoñemos, que é consecuencia das circunstancias da rodaxe.
A función do montador é vital: aporta perspectiva sobre as gravacións (brutos), é quen de ver que certos planos, por fermosos ou custosos de rodar que foran, han de ser descartados por ben do transcorrer da historia. A veces acontece que te aferras a unha imaxe fermosísima, di Jaione, pero que non permite que a película flúa. E debes desprenderte dela, pois a función da montaxe é que a historia teña o ritmo adecuado para atraparnos de principio a fin.
O fin deste proceso é a montaxe sonora e a mistura coa música: novamente, o Equipo de Son fai aparición para “vestir” a historia, en coordinación co Equipo de Montaxe. O último paso é o etalonado do resultado para que quede equilibrado de audio e imaxe. Tras isto, xa temos o produto final: a Película.
Distribución
A vida dunha película non pode rematar en canto foi pechada a súa montaxe, é unha obliga moral amosala, sometela á opinión e empatía do público.
Para isto existen diferentes circuítos en función do perfil da película. As grandes producións van a salas comerciais logo dunha forte promoción en vallas publicitarias, televisión e redes sociais.
No caso galego, onde non proliferan este tipo de producións, se a película contou cun orzamento medio-grande (en torno ó millón de euros), búscase comezar cun festival (no caso de Os fenómenos, en Málaga) e logo pasar a salas. Hoxe en día existen cines tipo ensaio onde hai máis facilidades que nos de áreas comerciais para exhibir. É o caso da Sala Númax, en Santiago.
En internet hai plataformas con cada vez máis usuarios nas que tamén é posible distribuír unha película: Filmin, Netflix, R, etc.
Finalmente, hai numerosos festivais que poden facerse eco das nosas producións. Jaione e Zarauza sinalan o Carballo Interplay, a meca das series web; Play Doc, prestixioso festival internacional de documentais que se celebra en Vigo; S8, para cinema ensaio ou experimental; Curtocircuíto, concurso e escaparate das mellores curtametraxes internacionais, cada outubro en Compostela; Cineuropa, mostra do palmarés dos mellores festivais do mundo, tamén en Santiago; OUFF, festival de cine internacional de Ourense; Cans, proposta lúdico-cinematográfica de curtametraxes; e por último, o noso Olloboi, festival do audiovisual escolar que se celebra en Boiro.
Bibliografía
KATZ, STEVEN D. Plano a plano. De la idea a la pantalla. Ed. PLOT ediciones, 2005. ISBN: 84-86702-46-1
Linguaxe audiovisual (medios dixitais), de Aturuxo Films; https://aturuxofilms.files.wordpress.com/2016/05/guc3ada-didc3a1ctica.pdf; 10/10/2016
Linguaxe audiovisual (medios dixitais), de Aturuxo Films. https://aturuxofilms.files.wordpress.com/2016/05/ud-linguaxe-audiovisual.pdf; ; 10/10/2016
Recursos TIC; http://recursostic.educacion.es/artes/plastic/web/cms/index.php?id=3518; 03/10/2016
Proxecto audiovisual IES As Barxas. http://productorabarxas.blogspot.com.es/search/label/5%C2%BA%20PROYECTO%20AUDIOVISUAL
Serie “amar el cinem”, 12 cap: El invento del cine. El guión. Las estrellas de la pantalla .El lenguaje. El montaje .Estética cinematográfica. Los trucos. ¿Cómo se hace una película?. Los géneros. Movimientos cinematográficos. Ver cine; http://www.ite.educacion.es/formacion/materiales/24/cd/amar_el_cine/captulo_2.html; 03/10/2016
Áreas Curriculares – Arte Formación Docente; http://www.fundacionluminis.org.ar/biblioteca/guia-didactica-el-cine-y-el-lenguaje-audiovisual-en-el-aula. 03/10/2016
Actividades lenguaje audiovisual. http://www.fundacionluminis.org.ar/biblioteca/guia-didactica-el-cine-y-el-lenguaje-audiovisual-en-el-aula; 03/10/2016