(Guión) Olloclase

Neste capítulo contamos coa presencia de Araceli Gonda, guionista responsable das series da Galega Luci e Padre Casares (unha tempada), e de Andrés Mahía e Pato, da produtora Zopilote, creadores de formatos como Era Visto e series lexendarias como Mareas Vivas.

Andrés e Pato teñen a súa produtora desde o 1997 e coñecen a fondo o audiovisual televisivo; ademáis das series mencionadas traballaron en numerosos proxectos galegos e nacionais, e por separado teñen experiencia en radio, documental, publicidade e cine.

Esta Olloclase é máis unha charla que unha estrutura secuenciada de conceptos; non obstante, montamos o vídeo organizando os contidos ó xeito dun guión clásico para que o alumnado que a visione se quede cos elementos fundamentais dun guión: número de actos, puntos de xiro, etc…

Se non queres ampliar contidos, podes acceder xa á páxina de Actividades de Guión


Ampliación de contidos (non é necesario para facer as actividades)

Xéneros cinematográficos

Aínda que é unha convención, en cine soe facerse unha clasificación xenérica en canto ó contido dramático do que trata unha película: cine documental (non ficción) e cine de ficción.

Convén non amarrarse a este concepto, pois cada vez están menos claras as diferencias. Sirvan como exemplo no cine galego as obras Sicixia (Ignacio Vilar, 2016), Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010); Funes, o inventor da lúa (Enrique Otero, 2014); Tralas luces (Sandra Sánchez, 2011), etc. A propia obra Encallados, guionizada por Andrés Mahía e Pato é unha ficción completamente baseada en feitos reais.

Os xéneros cinematográficos poden ser recoñecidos polo espectador tanto polas evidencias que amosan (tipos de personaxes –estereotipos–, escenarios, iluminación ou ambientes) como polo tratamento das situacións.

As obras audiovisuais narrativas cinematográficas poden agruparse en 14 grandes categorías: documental, biográfica, histórica, musical, comedia, infantil, western, aventura, bélica, ciencia ficción, drama, suspense, terror, porno-erótico.

O guión

Toda producción audiovisual comenza coa elaboración dun guión. O noso olloprofe Xosé Castro “Pato” recalca moito a idea de que un guión non é unha historia: un guión é a forma escrita do proxecto audiovisual e describe os contidos e os elementos necesarios para a execución da película ou o programa de televisión. Como indica Araceli Gonda, un guión difere dunha novela en que está pensado en linguaxe de imaxes.

En cine de ficción denomínase “guión literario” ó documento que expresa o contido dramático da película; noutros xéneros do audiovisual como o documental, a reportaxe ou as retrasmisións deportivas, tamén é necesario traballar o guión, mesmo aínda que non sexa posible prever con precisión o que se vai a filmar. Nestes casos utilizaranse outros documentos con textos e gráficos que perseguen o mesmo obxectivo: servir de ferramenta básica para que cada un dos membros do equipo técnico e artístico dunha produción audiovisual poida planificar e realizar a súa respectiva tarefa.

Sinopse

A sinopse é unha síntese que reflexa os elementos fundamentais da obra audiovisual e que permite ó equipo de profesionais que a van producir facerse unha idea global do proxecto. Habitualmente non sobrepasa as 400 palabras.

Tratamento

Un tratamento é un preproxecto de guión, un informe de 4-8 páxinas onde se enumeran e describen os personaxes e espazos onde vai ter lugar a acción, indicando cantas secuencias se prevé no guión final.

Guión literario

É unha sucesión de secuencias dialogadas e acotacións explicativas nas que os personaxes quedan perfectamente caracterizados polo que fan e din. Un guión literario está escrito pensando univocamente en como ha de ser rodada a acción, pero sen incluír as características técnicas exactas para gravar (tamaño de planos, movementos, ec). Iso é misión do guión técnico, do que falaremos no tema de Planos (capítulo 7)

Os guións literarios escríbense nun formato propio que permite que o texto poida ser interpretado sen dificultade por todas as persoas que interveñan na realización da película. Xeralmente, escríbense en letra Courer New 12 en párrafo centrado.

captura-de-pantalla-2016-12-25-a-las-21-20-37
Olloboi CC By-SA

 

Exemplo de guión cedido por Andrés Mahía. Procede do capítulo 42 da serie Mareas Vivas, o momento de máxima audiencia da Galega da historia

 

 

Guión literario clásico

Trátase dun modelo que se basea na estrutura clásica que propoñía Aristóteles na súa Poética: plantexamento, desenvolvemento ou , e desenlace. Como nos explican Andrés Mahía e Pato, nun guión clásico atopámonos con tres partes ben definidas:

  • Primeiro Acto ou Introdución, que comeza coa apertura e remata co primeiro punto de xiro. Pato suxire que a historia comece forte (apertura) e logo se manteña durante este primeiro acto, ata o “punto de xiro”, que é a aparición dun novo factor que deixa en suspense a acción para “enganchar” ó espectad@r e que vexa o segundo acto.  É fundamental, como indica Araceli Gonda, que neste acto quede claro o conflito, pois sen el non temos historia. 
  • Segundo Acto, o máis longo, no que se desenvolve a confrontación entre protagonista e antagonista e acaba co segundo nó da trama ou punto de xiro.
  • Terceiro Acto, onde tén lugar a resolución ou desenlace. Logo de rematar pode haber un pequeno epílogo onde, di Pato con escepticismo, pasen todos os “bicos e carantoñas”

    esquema-grafico-guion


     Os personaxes

Andrés Mahía fincapé no necesario que é definir ben os personaxes. Afirma que o máis habitual é caer en estereotipos intentando crear roles perfectos, o cal segundo el é un rotundo erro que leva a facer caracterizacións pouco verosímiles. O consello de Andrés é que observemos con detemento ó noso redor, tomando nota de como fala a xente, o que din e como o din, para así reproducir con fidelidade a natureza das persoas. Araceli Gonda matiza que este proceso debe facerse con intelixencia, pois non se trata de reproducir persoas “tal cal”: todos falamos con exceso de dúbidas e silencios, aspectos que convén pulir á hora de construír o personaxe. Debe ser realista, pero tamén interesante, remata. Pola súa parte, Andrés suxire que non sexamos demasiado vanidos@s na creación de roles. Se queredes crear o personaxe dun carniceiro ide á praza -explica- e fixádevos nun de verdade. Non escribades atribuíndolle todas as cualidades que se lle presupoñen a un carniceiro, pois rematará sendo un tipo brutote, sonrosado, simple… e non se parecerá a ningún carniceiro real.

As historias

Tanto Pato como Aracel fan fincapé en que debemos escribir sobre o que coñecemos. Na súa experiencia teñen coñecido a moita xente que constrúe historias góticas e dramáticas, historias que á hora da verdade non empatizan c@s espectador@s. Pato explica que cando Spielberg comezou a escribir foi tomado por tolo, ata que comezaron a xurdir persoas en todo o mundo que gozaban co mesmo tipo de historias. Apela a que a xuventude reflexione sobre qué lle fai sentir medo, emoción, alegría ou rabia. E a que escriban sobre iso.

Araceli convídanos a utilizar a comedia para contar historias, pois cre que baixo o paraugas da amabilidade e a sorrisa se poden tratar temas serios e comprometidos. A miúdo se desprecia a comedia como un xénero menor, afirma, cando a súa grandeza está en ser humilde e chea de contido á vez. Pato convén con ela en que na historia do audiovisual galego foi fundamental o papel da comedia costumbrista, pois trouxo ó/á espectador/a galego/a a posibilidade de ver en pantalla a realidade coa que convivía a diario, o cal estableceu un vínculo moi forte entre o público e o audiovisual do noso país. As máximas cotas de audiencia da Galega déronse cando en Mareas Vivas, afirma Pato, se falaba de personaxes tan idiosincrásicos como caixeiras ou mariscadores furtivos. Pola súa banda, Araceli reivindica o valor social das tramas de Padre Casares en que se acometeu o tema da homosexualidade.

Ficción e non ficción

Evidentemente, o proceso de escribir unha ou outra é moi diferente, pois mentres no primeiro caso debemos plantexar personaxes e tramas, no segundo virannos dadas pola realidade. Andrés fai un exercicio de síntese explicando como elabora o guión dun capítulo de ficción: idea tres tramas e fracciónaas, para logo ir compoñendo o guión de xeito ordenado: fragmento trama A-fragmento trama B- fragmento trama C, e volta a comezar.

Pese a que na non ficción non se traballa deste xeito, @s nos@s Olloprofes impélennos a que non sexamos simplistas á hora de facer un produto documental: a realidade contada como tal, aburre, indica Pato. Así que mesmo na non ficción é preciso ter unha idea previa, estar atento a todo o que aconteza durante a gravación, e finalmente “reordenalo” en montaxe para contar unha historia que enganche.

Consellos finais

Os nosos tres Olloprofes conveñen en que é preciso escribir moito para facerse guionista. Pato, ademáis, recomenda ver cine e analizar cada película ou capítulo pormenorizadamente: ver por que e onde nos chama a atención unha trama, onde e como rimos, onde e como aguantamos a respiración. Escribir guións é algo moi intuitivo e cando o fas ben debe parecer que a historia só podía ser como ti a contaches, pero no fondo, remata, hai detrás unha estrutura e un oficio que se poden aprender. O fundamental, en todo caso, é ter algo que contar.


Bibliografía:

 

La creación del guión, http://ficus.pntic.mec.es/~jcof0007/VideoCEP/Tema3/guion.html, 28/09/2016
Os xéneros cinematográficos, http://codigosvisuales09.blogspot.com.es/, 28/09/2016

Serie “amar el cinem”, 12 cap: El invento del cine. El guión. Las estrellas de la pantalla .El lenguaje. El montaje .Estética cinematográfica. Los trucos. ¿Cómo se hace una película?. Los géneros. Movimientos cinematográficos. Ver cine; http://www.ite.educacion.es/formacion/materiales/24/cd/amar_el_cine/captulo_2.html; 03/10/2016