Neste primeiro capítulo do Aprendo con Olloboi cómpre prestar especial atención pois plantéxanse todos os conceptos dos que logo se falará en cada tema.
A temporalización de cada unidade é igual: recoméndase adicarlle dúas sesións á teoría e regular a práctica en función da dispoñibilidade de cada centro.
Nunha primeira sesión podería visionarse a Olloclase, que neste caso está protagonizada por Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, dous dirctores de perfil ben diferente que nos van contar como afrontan a realización dunha película ó longo de todo o proceso, proceso no que eles están involucrados desde a preprodución ata a propia distribución. Como se verá, é moi diferente a experiencia de Alfonso Zarauza, director de películas con grandes equipos, que a de Jaione Camborda, autora de pezas experimentais de pequeno equipo.
Complemento á Olloclase son os apuntamentos que hai a continuación, e para reforzar o visto no vídeo, propoñemos en todas as unidades a realización dunhas actividades interactivas que se atopan na pestana Actividades. Ofrecemos dous tipos de contidos: nivel básico e avanzado. Corresponde a cada profesor/a escoller que nivel corresponde ó seu alumnado; na nosa estimación, de 4º ESO en adiante parece máis oportuno o avanzado. En todo caso, o nivel básico pode ser útil como actividade de reforzo. As actividades poden facerse na mesma sesión en que se proxecta a Olloclase.
Nunha segunda sesión habería que acceder ó capítulo de Prácticas, onde propoñemos dúas pezas audiovisuais que gañaron no seu momento premios no Festival Olloboi. Neste primeiro capítulo escollemos as curtas En Liña (IES Cacheiras) e A xustiza pola man (IES As Barxas), que representan dous xeitos de facer audiovisual: o primeiro, desde a perspectiva do equipo de traballo organizado ó xeito da industria do cine; o segundo, desde a perspectiva máis autoral e intimista.
Suxerimos que na aula se visionen ambas pezas e que o alumnado se axude das cuestións guía que hai a continuación para realizar a análise fílmica dunha das obras que propoñemos. Sería recomendable facer, ó final da sesión, unha valoración conxunta destas análises.
Finalmente, propoñemos unha práctica que sirva de concreción dos contidos vistos na Olloclase. Entendemos que cada centro terá o seu proxecto particular; nós baseámonos na creación dunha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais para ser gravados, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.
Cada práctica pode ser avaliada a través da rúbrica que engadimos a continuación, aínda que nos permitimos suxerir que se faga unha valoración máis cualitativa do que este tipo de instrumentos estandarizados ofrece.
No caso desta primeira unidade, a práctica non se suxire facela ata ter rematadas todas as outras unidades, xa que esta é un compendio de todas as prácticas de cada capítulo. Como tal, a súa rúbrica é a máis esixente e complexa.
.