1. Análise fílmica
Propoñémosche que analices unha das seguintes curtas: Socas App (do CPIP Eusebio Lorenzo Baleirón, gañador de Dodro, gañador dos premios DJ e Online do Olloboi 2014) e O Rostro Esquecido (FCSC Pontevedra, gañador do premio Olloboi Universitario 2015). Escolle unha deles e axúdate coas cuestións que aparecen logo da descrición dos vídeos.
O Rostro esquecido é unha proposta dun grupo de amigos da FCSC de Pontevedra. Miguel Grandío, un deles, cóntanos que cando a rodaron non tiñan unha grande preparación respecto da linguaxe audiovisual, posto que estaban no 2º ano de carreira e nos dous primeiros anos as materias son máis ben xenéricas, non tocan tanto ese campo. Non houbo unha coidada planificación, senón que máis ben se adaptaron ás interpretacións en cada espazo-tempo: para a entrevista imitouse o estilo reportaxe televisivo; cando o protagonista saca cartos do banco utilízase unha cámara subxectiva e un plano moi angular. Un claro exemplo de coñecer a linguaxe e adaptala ás circunstancias da rodaxe.
Socas App é unha curta elaborada polo alumnado de 3º da ESO do CPIP Eusebio L. Baleirón nas materias de Educación Plástica-Audiovisual e Música. Parten dun tema coñecido escollido polos rapaces e rapazas e ó longo do primeiro trimestre trabállase a adaptación da música e letra nas clases de Música. Durante outro trimestre, nas aulas de EPV elabórase o guión técnico, fanse as gravacións (acompañan sempre os profes responsables) e finalmente móntase o material nas propias aulas.
Cuestións guía para análise fílmica
- Cres que a curta está ben plantexada desde o punto de vista da escolla de planos? ofrecen estes abonda información sobre a historia, ou botas en falta máis (ou diferentes) planos?
- Localiza e captura un fotograma onde se vexa un plano xeral e explica a importancia deste na historia
- Localiza e captura un fotograma onde se vexa un primeiro ou primeirísimo e explica a importancia deste
na historia
- Busca na historia un momento onde se mova a cámara e describe de qué tipo se trata (panorámica -sobre o propio eixo da cámara-, travelling -desprazamento da cámara-, grúa). Que aporta á historia este movemento?
- Busca na historia un momento onde se utilice unha angulación non frontal: que aporta á historia este plano? escollerías ti facer o mesmo? por que?
2. Creación
Como verás en todos os capítulos, de forma xenérica facémosvos a proposta de crear unha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais, múltiples posibilidades de tiro de cámara, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.
Hai autores que non están nada de acordo con planificar as secuencias e prefiren deixar que sexa o ritmo interpretativo o que marque o tipo de planos que imos gravar. Pese a todo, e para evitar caer no “monoplano” ou “falso plano secuencia” (seguir coa cámara ós personaxes mareando despois a todos os espectadores), imos facer unha previsión aproximada.
Para isto teredes que elaborar e entregar un guión técnico da vosa curta seguindo un esquema como o que vos indicamos aquí.
Outro xeito de facelo é vía story board (debuxando un bosquexo de cada plano). Deixámosvos un modelo Olloboi 😉