Nesta Olloclase contamos coa axuda do director de Arte Ángel Amaro e a directora de Estilismo Fany Bello. Da man deles aprenderemos a importancia de que todos os equipos creativos traballen de forma coordinada para así conseguir un aspecto visual da película consoante á historia.
Se non queres ampliar contidos, podes acceder xa á páxina de Actividades de Arte e Estética
Ampliación de contidos (non é necesario para facer as actividades)
Arte e estética
Esta Olloclase comeza con Ángel explicándonos que a escenografía é “a plástica do guión, o espazo onde transcorre o tempo do filme”, un elemento cinematográfico que debe estar intrinsecamente coordinado coa fotografía e iluminación, e que está constituído por ARTE (localizacións, decorados, escenarios) e ESTÉTICA (vestiario, maquillaxe e perruquería).
En xeral, como vimos no capítulo 1, cando bota a andar unha película o equipo de Dirección pónse en contacto co de Arte para transmitirlle a intención estética da película. Xuntos acordan un marco cromático e uns valores de iluminación, e froito disto establécese a paleta de cores que dominará a elección de decorados, utilerías, vestiarios, etc. Fany Bello remarca que todos os elementos estilísticos deben estar ó servizo da historia, determinando a calidade dos mesmos as posibilidades que marque o departamento de Produción.
Equipo de Arte
Da dirección arte depende Rexiduría, que é o equipo que fabrica obxectos; @s atrezzistas de avance, que van por diante da gravación cos seus construtores, prevendo o que se utilizará; atrezzistas de rodaxe, que reparten a utilería en cada secuencia, vixiando en combo que todos os elementos están no seu sitio.
Cada elemento da posta en escena compre un rol específico e complementario.
A escenografía e a ambientación contextualizan a historia nun lugar e tempo determinado, a iluminación xera e transmite a súa atmosfera e o deseño de vestiario dota ós seus personaxes dunha determinada aparencia.
Equipo de Estética
O estilismo é o compendio de vestiarios e estéticas que contan a historia; non só a prenda senón o tipo de pelo, pel, os complementos… O principal rol do deseño de vestiario é construír a aparencia dos personaxes, cumprindo unha dobre función: estética e narrativa. Nun filme, o vestiario non é un elemento artístico aillado, pois mediante a súa función estética enmárcase e forma parte da posta en escena, contribuíndo a conformar, xunto con arte e fotografía, o universo plástico da película.
O departamento de Estilismo está coordinado por un/ha xefe/aa de maquillaxe e perruquería, quen deseña todo, e dela depende @ xefe de perruquería, cos seus axudantes, e @ maquillador/a. A veces, aclara Fany, hai posticeiros e equipo de efectos especiais mecánicos (feridas, amputacións…) pero son equipo aparte.
Cando nunha produción audiovisual se respectan os tempos de traballo, existe unha reunión entre o equipo de Dirección e @ Xefe/a de maquillaxe e perruquería para transmitir a estética global do filme e acordar un deseño de vestiario. O equipo de Estética fai unha proposta tendo en conta que con ela vai describir o perfil psicolóxico, físico e social dos personaxes, situándoos nun determinado contexto temporal, espacial e dramático. Se hai que falar da historia dun home miserable, o seu pelo, a súa pel e todos os seus complementos han de ser tan pobres como o personaxe, remarca Fany Bello. Deste xeito, o vestiario cumpre unha función narrativa expresando parte da historia particular de cada personaxe, a súas afinidades, roles, gustos, idade, profesión, etc. Todo isto de forma paralela e coherente coa posta en escena do guión. Así, entrega información acerca do personaxe antes de que este diga o seu primeiro texto.
Como exemplo destas reunións previas, fala Ángel do caso de Crebinsky, de Quique Otero, unha historia moi visual na que Amaro non sabería exactamente qué facer se o equipo de Dirección non lle tivera transmitido o ton da historia.
En A Esmorga, de Ignacio Vilar, Ángel leu co director o guión catro veces, e sabe que fixo o mesmo co resto do equipo. A continuación houbo unha lectura conxunta, e aí, conclúe el, comezou a medrar a película.
Fany insiste na importancia que tén que os departamentos estean traballando coordinadamente, poñendo como exemplo un momento da historia en que vaia caer un vaso de viño sobre alguén: todos os xefes de departamento se comunican entre eles, de xeito que cando se comeza a rodar o equipo de Vestiario sabe que tén que ter outra camisa, Arte sabe que tén que ter ese vaso, Maquillaxe está preparado para retocar…
Decorados
O profesional encargado da escenografía é o director artístico ou directora artística, e a súa función é, en acordo co director ou directora, documentarse para ser capaz de reproducir os escenarios e o ambiente. Máis tarde, traballará co iluminador e o resto dos compoñentes do departamento de Arte.
Os decorados constrúense pensando nos tiros de cámara e nos focos de luz. O truco máis usado é a cuarta parede: paredes móbiles que permiten sacar a cámara do decorado e facer tiros que nos convenzan de estar nun sitio real. “Todo é un truco, e o que dicimos sempre é: que non se vexa!”, remarca Fany.
O/a director/a artístico/a deseña e supervisa os decorados que son construídos por un/ha xefa de decoración axudado por unha serie de axudantes, carpinteir@s e pintor@s. Del depende a persoa encargada do atrezzo ou utilería, quen busca os obxectos que aparecen no decorado: cadeiras, cadros, teléfonos, espadas, cigarros, alimentos, etc.
Cada espazo concreto no que se desenvolven as accións recibe o nome de localización.
As localizacións poden ser ou naturais (exteriores e interiores ós que só se altera con pequenos retoques) ou decorados; construídos en parte ou por completo tanto en exteriores como en plató. Loxicamente, nas edificacións só precisan ser construídas as partes dos decorados que vaian verse en cadro.
Os elementos escenográficos utilízanse no cine desde sempre, tanto para a simulación de espazos “reais” como fantásticos. A elección do espazo pode ir, pois, desde a necesidade de reconstruír fielmente unha cidade (Santiago en “El fin del camino”, produción baixo a batuta artística de Ángel Amaro, aínda sen estrenar) á construción de espazos totalmente simbólicos (decorado e estilismo de “Pedro y el capitán”, de Pablo Iglesias, con maquillaxe de Fany Bello ou casa “Crebinsky”, de Enrique Otero, con arte de Ángel Amaro).
Podemos falar dunha certa tipoloxía dos decorados:
- Realistas, se a súa finalidade non é outra que a verosimilitude
- Impresionistas, expresionistas, surrealistas…, términos de orixe pictórico, utilízanse para decorados creados xeralmente de xeito artificial para simbolizar a relación entre o ambiente e o estado de ánimo, a trama psicolóxica…
Os decorados poden completarse en ocasións con trucos como os cristais pintados con fondos ou paredes con zonas brandas para escenas de loita. En ocasións, por exemplo cando temos que representar cidades enteiras ou sufrir cataclismos, son reconstruídos como maquetas, reproducións a escala, que posteriormente son integradas por efectos. No caso de Crebinsky optouse por unha animación en stop motion de Juan Pablo Echeverry como recurso artístico; cada vez é máis frecuente recurrir a efectos dixitais xerados por ordenador, como foi o caso de El final del camino, a última serie na que traballaron Ángel e Fany.
Maquillaxe
Ó igual que no caso dos decorados, podemos atopar maquillaxes naturalistas ou máis efectistas; a miúdo a consigna é facer que a maquillaxe non se note, lograr “persoas normais”, o cal, indica Fany, é o máis complexo de conseguir. Pón como exemplo o caso de Operación E, de Miguel Courtois, onde ela debeu facer que unha familia colombiana parecese estar vivindo na selva. Explica que a textura da pel e o pelo fixo que tivese que buscar trucos e artimañas para lograr ese efecto (ver imaxes máis arriba).
Efectos especiais
Un dos labores que tén un equipo de Arte é crear “efectos especiais” mecánicos, como lumes. Ángel Amaro conta o caso de A Esmorga, onde se reproduciu a lareira con circuítos de gas para simular o lume pero evitar ruídos que puidesen ensuxar os diálogos. Unha vez máis, pónse de manifesto a necesidade de colaborar entre equipos, pois a calidade que recolla o equipo de Son vai depender, neste caso, da efectividade do equipo de Arte.
Pola súa parte, Fany pón o caso de Toro, de Kike Maíllo: unha película de acción que sucede nun día. En lugar de gravala a favor de raccord comezouse polo final, e traballouse en contra da continuidade da película. O equipo de Maquillaxe tivo que pactar co director onde ía “colocarse” o sangue “seco” das feridas que sufría o protagonista, e conforme se avanzaba en rodaxe ir volvéndoa “fresca”.
Bibliografía:
El color y la luz como elementos de lenguaje. www.uhu.es 15/10/2016
La iluminacion en la fotografia. www.slideshare.net 15/10/2016
Teoría del color. Propiedades de los colores. www.desarrolloweb.com 15/10/2016
MITRY, J. (1999): Estética y psicología del cine. Madrid. Ed. Siglo XXI. 15/10/2016
CALDERÓN BILBAO, Mª del Pilar. El diseño de vestuario en cine. Tesis 2009 (Facultad de Artes, Dpto de Teatro. Univ. de Chile 15/10/2016
FERNÁNDEZ SANTOS, A. (2007): La mirada encendida. Escritos sobre cine. Barcelona. Ed. Debate. 15/10/2016