Competencia alta
¿Cómo sabemos cando é aberta ou pechada?
Presentan no sistema máis común vogal tónica semiaberta:
1- As vogais de abertura media que portan un acento diacrítico: vén, só, póla, óso, présa,... coa excepción do verbo "pór".
2- Normalmente, as que se corresponden cos ditongos ue e ie en castelán (pObo, mEdo).
3- O /r/ e /l/ finais de sílaba abren a vogal acentuada precedente (tamén nos seus plurais): Orde, anEl, anEis, caracOl, caracOis, gOlpe, sOl.
4- A maior parte de esdrúxulas e cultismos: eléctrico, enérxico, código, óptimo.
5- Os nomes das seguintes letras: e, efe, eme, eñe, erre, ese, o.
6- As palabras rematadas en ditongo crecente: modestia, dormitorio, odio, socio; coas excepcións de femia, premio e medio, por seren patrimoniais.
7-As seguintes terminacións: -ELO/-ELA (castelo, cadela), -ENCIO/ -ENCIA (silencio, ciencia), -ENZA (mourenza), adxectivos femininos en -OSA (xeitosa), -OLA (farola), -OZ (voz).
8-Normalmente, /E/ seguida de consoante oclusiva: recto.
9- Determinadas formas da conxugación verbal:
As formas verbais do tema de perfecto (perfecto, pluscuamperfecto, imperfecto de subxuntivo e futuro de subxuntivo) irregular: coubeches, coubera, couber...
Os verbos da 2ª conxugación con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica no pres. ind.: bEbes, bEbe, bEben, cOmes, cOme, cOmen.
Os verbos da 3ª conxugación con vogal radical -e- ou -u- que presentan alternancia vocálica no pres. ind.: sErves, sErve, sErven, fOxes, fOxe, fOxen.
Presentan vogal tónica semipechada
1- As terminancións -OA (que proceden da perda de -N- intervocálico latino): boa, coroa.
2- As homógrafas das que levan acento diacrítico: do, ven.
3- As consoantes palatais (grafías x, ch, ll, ñ respectivamente) pechan a vogal precedente (axexa, despexas, pechas, acochar, tella, ollan, empeña, soñar).
4- As palabras en que -o- forma ditongo con -u- (ditongo decrecente): touro, tesouro,...
5- Os nomes das seguintes letras: be, ce, de, gue, te, xe, ceta.
6- Os nomes acabados en: -edo (medo), -ello/ella (cortello, orella -agás "vello"), -eo (feo), -eza (grandeza), -ón (corazón), -or (matador, dor), -oso (fermoso), -on (pasmón).
7- A maior parte das palabras acabadas en -és: coruñés, vigués, montañés, agás biés, es, mes ("cereal"), revés, tes.
8- Determinadas formas da conxugación verbal:
As formas dos verbos da primeira conxugación en que a vogal -e- ou -o- vai seguida de -i- (deite, loitamos) e nos verbos rematados en -ear o –oar (coxear, voar).
A vogal tónica do radical dos verbos en -EAR (cean).
Os verbos da segunda conxugación con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica, na 1ª persoa do pres. ind. (como, bebo), en todo o pres. subx. (coma, beba…) e no imperativo (bebe, bebede, come, comede).
As formas verbais da segunda conxugación nas que O+I ou O+ consoante palatal: trasnoito, mollo.
As formas do tema de perfecto dos verbos ser e ir (fomos, fora, fose, for).
As formas do infinitivo da 2ª conxugación: coller, collermos...; pór, pormos,...
As formas verbais do tema de perfecto regular: collemos, collera, collese, coller.
Practica
Define os fonemas vocálicos da palabra “coxear”
Practica
Define os fonemas vocálicos das palabras subliñadas do seguinte
verso de Rimbaud (punto de articulación, modo de articulación, sonoridade):
“en cóleras terribles ou embriagueces
sensuais”
