3- As linguas peninsulares

O castelán é a lingua oficial do estado que todos os españois teñen o dereito e o deber de coñecer.
As outras seis, historicamente propias dos seus territorios, son -ou foron- sometidas nalgún momento á hexemonía doutra lingua que as despraza. Catro delas son oficiais nos seus respectivos territorios e gozan de protección (galego, vasco, catalán, aranés) mais non existe o deber de coñecelas, só o dereito de coñecelas e usalas. O asturiano e o aragonés están recoñecidas como linguas, pero non como linguas oficiais, malia que gozan de certa protección. Todas, agás o castelán, son linguas minorizadas, e a pesar da súa presenza na vida política, cultural e social, deben corrixir o seu estado de linguas minorizadas para garantir o seu futuro.
Os dialectos, como murciano, andaluz, canario…, non teñen recoñecemento como linguas.
As linguas peninsulares
Aragonés. Procede do antigo navarro-aragonés e conserva preto de 30 000 falantes no norte de Aragón. Aínda que o estatuto de autonomía propugna a protección do aragonés, este non é considerado lingua oficial.
Aranés. É unha variedade do Occitano falada por máis de 4 000 persoas no Val de Arán (Lleida). Esta lingua está recoñecida de xeito oficial polo Estatuto de Autonomía de Cataluña ó carón do castelán e do catalán.
Castelán. É lingua oficial do Estado español; fálase en diversos países de América e nos territorios africanos de colonización española. Conta aproximadamente con 300 millóns de falantes. O andaluz, o canario, o estremeño, o murciano… son variantes xeográficas do castelán (dialectos).
Catalán. Fálano máis de 8 millóns de persoas e localízase en Cataluña (5 millóns), na franxa oriental de Aragón (“Franxa de Ponent”, 50.000), en Andorra, nas Illas Baleares (500.000), na Comunidade Valenciana –onde se denomina valenciá- (2.500.000), no Rosellón francés e na cidade de Alguer ( na Sardeña). Hoxe, coma o galego e o éuscaro, está en proceso de normalización, impulsado activamente pola Generalitat de Catalunya.
Éuscaro ( ou vasco). É a única lingua non románica da península. Fálano case un millón de persoas en áreas do Estado español (en Euskadi 600.000, en Navarra 115.000) e do francés. O Goberno vasco e a Academia da Lingua Vasca encárganse de potenciar o seu uso normalizado.
Galego. É a lingua propia de Galicia. O galego ten uns 2 millóns e medio de falantes (e máis de 2.800.000 habitantes). A distribución do galego é xeograficamente homoxénea, sen que existan áreas territoriais nas que non se constate o seu uso. É a lingua propia de Galicia e está en proceso de normalización. Se temos en conta que no mundo se falan actualmente 6.500 linguas, o galego, pola súa condición de lingua cooficial e polo seu amplo uso social, constitúe unha lingua de tamaño medio no ámbito europeo. Os seus límites xeográficos van máis aló do territorio administrativo de Galicia, xa que tamén é falada por aproximadamente 200.000 persoas nas zonas máis occidentais de Asturias, León, Zamora e Val de Ellas ( Extremadura). Ademais, e polas circunstancias históricas que explican a emigración por todo o mundo, existen áreas con ampla presenza de comunidade galega que conservaron a súa lingua como vehículo comunicativo, non só no ámbito privado, senón tamén no público, a través de publicacións periódicas, literarias ou mesmo na comunicación radiofónica dos países de acollida. Persisten amplas comunidades de falantes en cidades como Barcelona, Zúric, Montevideo ou Bos Aires.
O coñecemento de máis dunha lingua supón ventaxas para chegar a aprender outras. Desde o galego non é difícil acceder ao castelán, italiano, francés, e, por suposto, ao portugués, lingua tamén da Península Ibérica que nos tende pontes cara á lusofonía.
Portugués. Falado aproximadamente por 250 millóns de persoas en todo o mundo: Brasil, Macau, Timor Oriental, Sao Tomé, Príncipe, Cabo Verde, Portugal, Angola e Mozambique.
Mapa das linguas peninsulares
Preme no seguinte enlace para ubicares as linguas e dialectos peninsulares:
http://www.educaplay.com/es/recursoseducativos/1834365/idiomas_peninsulares.htm
