PRINCIPAL

Saltar navegación

1- A diversidade lingüística

Autoavalíate

Cantas linguas se falan no mundo?

Cantas son as linguas da Península Ibérica?

No mito da "Torre de Babel" Deus confunde os homes para que falen linguas diferentes; así non se entenden e non chegan a construír a ambiciosa torre coa que querían alcanzar o ceo. Desde cando se comeza a considerar a variedade lingüística unha riqueza e non un castigo?

Cal era a lingua franca na Idade Media?

Cal é o seu equivalente actual?

Como podemos saber cal será a lingua que fale un maior número de persoas dentro de cen anos?

Que porcentaxe de probabilidade temos de acertar?

 

No mundo fálanse arredor de 6.900 linguas. Algo menos do 50% delas teñen menos de 10.000 habitantes. Outro 25% non chegan aos 1000. Só o 5% pasa do millón de falantes. Neste selecto grupo está a nosa lingua, o galego.

O castigo da torre de Babel?

Segundo a UNESCO, un 50% das linguas está en perigo de extinción debido á globalización. Esta institución pretende concienciarnos do importante que é para o mundo conservar o seu patrimonio lingüístico. Tamén a ONU asegura que o multilingüismo promove a unidade na diversidade e no entendemento internacional, e recoñece a importancia de protexer as distintas linguas, o que equivale a protexer as diferentes culturas e promovelas.

O multilingüísmo considérase hoxe un valor de mercado: comprender e falar diferentes linguas constitúe unha oportunidade no mundo laboral, tamén en Galicia. A familia foi tradicionalmente a principal responsable da transmisión das linguas. Hoxe os medios de comunicación, a escola, a convivencia con falantes doutras linguas etc. son axentes tamén fundamentais na nosa sociedade. A lingua da casa complétase así co contacto con, cando menos, outra lingua. É unha oportunidade para familiarizármonos con varios idiomas desde pequenos. O coñecemento de máis dunha lingua supón contar con máis referencias para chegarmos a aprender outras.

Manter a diversidade das linguas do mundo é unha maneira de garantir a subsistencia da diversidade das culturas.