2.1.1 Utilidade da estatística
Na actualidade a estatística enténdese como un método na toma de decisións, de aí a importancia en multitude de estudos científicos de todas as ramas do saber:
-
Como decidir se un novo produto comercial terá éxito?
-
Inflúe o IPC na taxa de desemprego?
-
Que diría un sociólogo sobre a intención do voto, despois de analizar unha enquisa?
-
A partir dun estudo sobre o crecemento da poboación dun pais, poderá un experto en xeografía humana calcular a poboación do ano 2050?
-
Cales serán as necesidades escolares dun país para os próximos cinco anos?
Moitas destas preguntas teñen a súa resposta grazas á estatística, xa que a través de procedementos de inferencia estatística se pode responder ás cuestións formuladas cunha marxe de erro prefixado.
Divisións da estatística
-
Estatística descritiva ou dedutiva: trata do reconto, a ordenación e a clasificación dos datos obtidos das observacións. Constrúense táboas e represéntanse en gráficos, que permiten simplificar en grande medida a complexidade dos datos que interveñen na distribución. A partir dos datos obtéñense os parámetros estatísticos que caracterizan a distribución. Esta parte da estatística limitase a realizar deducións directamente a partir dos datos e os parámetros obtidos.
-
Estatística inferencial ou indutiva: formula e resolve o problema de establecer previsións e deducións xerais sobre unha poboación a partir resultados obtidos dunha mostra. Utiliza resultados obtidos mediante a estatística descritiva e apóiase fortemente no cálculo de probabilidades.
Actividade proposta
Quérese facer unha enquisa para estudar as afeccións da xente nova á lectura. Diga, xustificadamente cales das preguntas seguintes lle parecen razoables e cales non:
a.- Di cale son as túas lecturas preferidas
b.- Dos xéneros literarios seguintes, sinala os qu eliches máis dunha hora o último mes
- Novela
- Historia
- Poesía
- Teatro
- Filosofía
- Biografía
- Cómic
c.- Les xornais? Se é asi, de que tipo?
d.- A cal ou cals das seguintes publicacións periódicas dedicas máis de dúas horas semanais:
- Xornais de actualidade política
- Xornais de novas deportivas
- Revistas de contidos científico
- Revistas do corazón
- Outros (indíquese cales)
Actividade proposta
S1. Realice unha pequena investigación para saber o que é o INE e a que de dedica
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0