2.2 A función de reprodución
A especie humana reprodúcese sexualmente, e para iso é preciso que:
- Dous individuos de diferente sexo elaboren as súas células sexuais ou gametos, formadas nas gónadas (ovarios e testículos) do aparello reprodutor.
- Os gametos únense mediante a fecundación dentro do aparello reprodutor feminino.
- Da fusión dos núcleos destas células (onde está a información xenética de cada individuo) fórmase unha célula ovo ou cigoto.
- O novo ser desenvólvese no seo materno (embarazo) ata o momento do parto.
Aparello reprodutor feminino
Fórmano órganos internos (ovarios, trompas de Falopio, útero e vaxina) e externos (vulva).
-
Ovarios: ou gónadas femininas, son dous órganos do tamaño dunha améndoa que fabrican os óvulos e elaboran as hormonas sexuais femininas. Cando nace unha nena, cada un dos seus ovarios contén xa unha reserva de óvulos inmaturos nunhas pequenas cavidades chamadas folículos.
-
Trompasde Falopio: son dous condutos que comunican os ovarios co útero. Neles prodúcese a fecundación.
-
Útero ou matriz: é un órgano musculoso que aloxará o feto durante o embarazo.
-
Vaxina: é o conduto musculoso de acceso ao útero e de saída do feto durante o parto.
-
Vulva: está formada por dous pares de repregamentos, chamados labios maiores e menores. Na unión destes últimos encóntrase un órgano eréctil, o clítoris.
Aparello reprodutor masculino
Está formado polos seguintes órganos:
-
Testículos: ou gónadas masculinas, son dous órganos que fabrican espermatozoides e hormonas sexuais masculinas. Están a recubertos por unha bolsa de pel, o escroto.
-
Epidídimo: tubo longo moi pregado, situado na parte superior de cada testículo, onde se almacenan os espermatozoides.
-
Condutos deferentes: transportan espermatozoides desde o testículo ata a uretra.
-
Vesículas seminais: glándulas que producen un líquido para nutrir os espermatozoides.
-
Próstata: glándula que produce un líquido para a supervivencia dos espermatozoides.
-
Pene: órgano eréctil que deposita os espermatozoides no interior do aparello feminino.
-
Uretra: conduto que percorre o pene e leva os espermatozoides ao exterior. Forma parte, tamén, do aparello excretor.
Actividades propostas
S18. Póñalles nome ás partes nomeadas nos textos dos aparellos reprodutores.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0

