Saltar navegación

2.1.1 Os receptores

Os receptores son células especializadas en captar estímulos. Poden actuar de xeito illado, como as da pel, ou en grupo, como as do gusto. Nalgunhas ocasións chegan a constituír órganos moi complexos, como os da vista ou os do oído. En función da súa localización poden ser:

  • Receptores internos: captan a información do estado fisiolóxico do corpo.

  • Receptores externos: captan a información do medio. Son os máis coñecidos, xa que constitúen os chamados órganos dos sentidos.

Sentido

Estímulo

Tipo de receptor

Órgano dos sentidos

  • Tacto

Presión e temperatura

Mecanorreceptor e

Termorreceptor

Pel

 
  • Olfacto

Substancias químicas gasosas

Quimiorreceptor

Fosas nasais

 
  • Gusto

Substancias químicas disolvidas

Quimiorreceptor

Lingua

 

 
  • Vista

Luz

Fotorreceptor

Ollo

 
  • Oído

Vibracións

Mecanorreceptor

Oído

 

Sentidos do tacto, o olfacto e o gusto

  • Tacto. Localízase na pel. A pel está constituída por dúas capas: a epiderme (máis superficial) e a derme (máis profunda). Nesta última sitúanse os receptores táctiles, que son terminacións nerviosas libres ou encerradas en cápsulas especializadas en captar estímulos ante presións lixeiras ou fortes, e sensacións de frío e de calor.
  • Olfacto e gusto. Os sentidos do olfacto e o gusto traballan conxuntamente.

–      Sentido do olfacto: localízase nas fosas nasais. Estas cavidades están revestidas por un tipo de pel denominada pituitaria, con dúas zonas: a pituitaria vermella (a predominante) e a amarela (que contén os receptores olfactivos). Os receptores olfactivos poden captar máis de tres mil tipos de substancias gasosas.

–      Sentido do gusto: atópase localizado na lingua, onde están as papilas gustativas. Son sensibles a substancias disolvidas na saliva. Hai catro sabores básicos: doce, amargo, ácido e salgado. Todos os demais sabores son mesturas destes catro sabores. A intensidade da percepción destes sabores non é a mesma en toda a superficie da lingua. O sabor amargo percíbese mellor na parte traseira da lingua; o ácido nos bordos laterais, e o doce e o salgado na punta da lingua.

Sentido da vista

  • O ollo. Polo sentido da vista obtense información do medio externo mediante a luz. Este sentido localízase nos ollos, que teñen a seguinte estrutura:

–      Capa externa: formada pola esclerótica, que protexe o globo ocular (é o branco dos ollos). Na parte anterior chámase córnea e é transparente para deixar pasar a luz ao interior do ollo.

–      Capa mediaou coroide: contén vasos sanguíneos que nutren o ollo. Por diante forma o iris (a zona coloreada do ollo), un anel muscular que ten unha abertura, a pupila, que se pode abrir ou pechar en función da luz que haxa. O músculo ciliar está unido ao cristalino, unha lente que se atopa detrás da pupila e pode modificar a súa curvatura para enfocar correctamente as imaxes na retina. O cristalino delimita dúas cámaras cheas de líquido, o que contribúe a manter a forma do globo ocular.

–      Retina: nesta capa atópanse os receptores, que reciben o nome de conos (responsables da visión diúrna en cores) e bastóns (responsables da visión nocturna e en branco e negro).

 

Cando a luz chega á retina, excítanse os conos e os bastóns, que lle envían mensaxes ao cerebro a través do nervio óptico; o cerebro procesa a información recibida e convértea nas imaxes que vemos. A imaxe que se forma na retina é máis pequena que a do obxecto real e está ao revés, dun xeito similar ao que se forma sobre a película do interior dunha cámara fotográfica.

 
  • Defectos da visión. As doenzas visuaismáis frecuentes dependen de como o cristalino enfoque a imaxe sobre a retina, curvándose máis ou menos.

–      Miopía: é a incapacidade para enfocar obxectos afastados porque o cristalino está demasiado curvado e non se pode estirar para enfocar.

–      Hipermetropía: incapacidade para enfocar obxectos próximos porque, ao revés que na miopía, o cristalino está demasiado estirado e non se pode curvar.

–      Presbicia: perda de agudeza visual. Impide ver obxectos próximos porque o cristalino endurece e tampouco se pode estirar.

–      Astigmatismo: vense deformadas as liñas verticais porque o cristalino curva de xeito desigual pola súa superficie.

–      Cataratas: o cristalino faise opaco e non deixa pasar a luz.

–    Daltonismo: é a cegueira para as cores; percibe alterados os tons das cores, nomeadamente os verdes e vermellos. O daltonismo é hereditario e afecta máis os homes que as mulleres. Non ten que ver co cristalino, senón cos conos.

Sentido do oído

  • O oído. É o responsable de dúas funcións, a audición e o equilibrio. O oído ten a seguinte estrutura:

–      Oído externo: consta do pavillón auditivo, máis comunmente coñecido co nome de orella, encargado de recoller as ondas sonoras e do conduto auditivo externo.

–      Oído medio: consta dunha membrana chamada tímpano, que vibra ao recibir as ondas procedentes do conduto auditivo externo, e unha cavidade en cuxo interior se atopan uns osiños unidos entre si, chamados martelo, bigornia e estribo. O martelo está en contacto co tímpano e recibe as súas vibracións. Existe un conduto, a trompa de Eustaquio, que comunica o oído medio coa farinxe.

–      Oído interno: situado no interior do cranio, ten unha estrutura parecida á dunha cuncha dun caracol, que recibe o nome de cóclea e que está chea dun liquido, a endolinfa. O estribo transmite as súas vibracións ao interior da cóclea, que presenta unha estrutura coñecida como órgano de Corti. O órgano de Corti contén uns receptores formados por células ciliadas que, ao recibiren as vibracións da endolinfa, se estimulan e mandan impulsos nerviosos a través do nervio auditivo ata a área auditiva da codia cerebral.

 

O sentido do equilibrio

As estruturas do oído interno que posúen os receptores responsables do equilibrio son tres canles semicirculares e dúas cavidades, chamadas utrículo e sáculo. Polo seu interior circula a perilinfa. Ao movermos a cabeza, a perilinfa desprázase, estimulando uns receptores ciliados, que mandan información ao cerebelo sobre os cambios na postura da cabeza.

 

 

Actividades resoltas

Das seguintes sensacións, cales son estímulos externos e cales internos?

  • Frío

Externo

 

  • Ruído

Externo

  • Fame

Interno

  • Posición do corpo

Externo

  • Dor

Interno

  • Amargor

Externo

  • Cheiro

Externo

  • Cansazo

Interno

As combinacións dos sabores básicos permiten percibir unha grande variedade de sabores na comida. Por que non se nota ben o sabor cando as vías nasais están taponadas? Observe o debuxo e responda.

 

Solución

Como o centro coordinador do sabor e o do olor son o mesmo, para que se perciba ben o sabor é necesario que este centro reciba un sinal de olor e outro de sabor, para elaborar unha resposta correcta.

Como sería a visión dun animal que carecese de conos e só tivese bastóns?

Solución

Se carecese de conos tería cegueira nocturna e se só tivese bastóns non distinguiría as cores e vería todo en branco e negro.

Relacione as dúas columnas, colocando as letras na cuadrículas adecuada:

a

  • Cóclea ou caracol.

 

d

  • Leva o sinal nervioso do oído ao cerebro.

b

  • Tímpano.

 

a

  • Nela atópanse as células auditivas.

c

  • Trompa de Eustaquio.

 

b

  • Membrana que vibra cando chegan as ondas sonoras.

d

  • Nervio auditivo.

 

e

  • Capta as ondas sonoras e lévaas cara ao tímpano.

e

  • Pavillón auditivo.

 

c

  • Comunica o oído medio coa farinxe.

f

  • Cadea de osiños.

 

f

  • Leva a vibración do tímpano ao oído interno.

 

 

Actividades propostas

S1.            Cantos receptores hai? Que estímulos perciben? En que sentidos se atopan?

Tipos de receptores

Estímulo que perciben

Sentido no que se atopan:

  •  

Roce e variacións de presión, vibracións

  •  

Cambios de temperatura

  •  

Substancias químicas

  •  

Luz

Habilitar JavaScript

S2.            Que tipos de estímulos detectan os mecanorreceptores? Onde se localizan?

S3.            Faga corresponder os números do debuxo co seu nome correspondente:

S4.            Que é e que función desempeña o cristalino?

S5.            Como se modifica o diámetro da pupila con luz forte? Que músculo a modifica?

S6.            Por que a presbicia e as cataratas se asocian a persoas cunha certa idade?

S7.            Por que hai tres canles semicirculares no órgano do equilibrio?

S8.            Póñalles nome ás partes numeradas do oído:

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0