Saltar navegación

2.1.2 Os coordinadores

Para realizar as funcións vitais, os órganos, os aparellos e os sistemas traballan de xeito coordinado. Os responsables da coordinación son o sistema nervioso e o sistema endócrino, que poden actuar conxuntamente ou separadamente.

A neurona: unidade do sistema nervioso

O sistema nervioso está constituído principalmente polas neuronas. Unha neurona é unha célula especializada en xerar e propagar os impulsos nerviosos, que son unha pequena corrente eléctrica que pode alcanzar velocidades de ata 100 m/s.

A neurona ten unha parte similar a calquera outra célula, o corpo celular, onde se acha o núcleo e o resto de orgánulos celulares. Del parten dous tipos de prolongacións moi especializadas: as dendritas e o axón.

  • Dendritas. Son curtas, ramificadas e en xeral moi numerosas. Polas dendritas a neurona recibe información dos receptores ou doutras neuronas.

 
  • Axón. Prolongación longa cunha pequena ramificación no seu extremo. Transporta o impulso nervioso xerado polas neuronas aos órganos efectores ou a outras neuronas.

A comunicación entre diferentes neuronas realízase polo proceso da sinapse.

  • Sinapse. Éa unión funcional de neuronas que consiste en enlazar o axón da neurona 1 coas dendritas da neurona 2, mediante substancias químicas, os neurotransmisores, que atravesan o espazo entre elas.

 

O impulso nervioso, do mesmo xeito que lle ocorre á electricidade, non pode atravesar a distancia entre dúas neuronas. Ao chegar ao extremo da neurona, o impulso nervioso provoca a liberación dos neurotransmisores, que contactan coa membrana da seguinte neurona e desencadean nela de novo o impulso nervioso, que se transmitirá así sucesivamente. Os impulsos nerviosos viaxan sempre no mesmo sentido: entran polas dendritas e saen polo axón. Unha neurona pode establecer entre 100 e 150.000 sinapses. 

Organización do sistema nervioso

Segundo a súa anatomía, o sistema nervioso divídese en dous subsistemas:

  • Sistema nervioso central (SNC). No seu interior alóxase a maior parte dos corpos celulares das neuronas e está formado polo encéfalo e a medula espiñal. É o encargado de recibir a información sensitiva dos receptores e procesala. Ademais, encárgase de enviar a información de resposta aos efectores. Está formado polo encéfalo e a medula espiñal:
 

Encéfalo

Divídese á súa vez en cerebro, cerebelo e bulbo raquídeo.

  • Cerebro: está dividido en dúas partes (hemisferios). A súa superficie presenta repregamentos denominados circunvolucións. Está composto por substancia branca na súa zona interior e por substancia gris na exterior, ou codia cerebral. As funcións do cerebro son variadas:

  • Recibe información dos receptores sensoriais, procesa a información e elabora as respostas que se van transmitir aos órganos efectores.

  • Controla a contracción muscular voluntaria.

  • Controla as funcións da intelixencia como a linguaxe, a creatividade, a aprendizaxe, a memoria, a vontade...

  • Cerebelo: divídese en dous hemisferios e ten circunvolucións. Recibe información relativa ao equilibrio, que envía ao oído, permitindo manter a postura corporal. Ademais é o responsable da coordinación dos movementos voluntarios.

  • Bulbo raquídeo: enlaza o encéfalo coa medula espiñal. Controla de xeito automático funcións necesarias para a vida do individuo como o latexo cardíaco, o ritmo respiratorio ou a presión sanguínea, e tamén actos reflexos de protección, como a tose ou o vómito.

A medula espiñal

Presenta na parte externa a substancia branca e na interna a substancia gris. É unha vía nerviosa a través da que ascende información ao encéfalo e descenden as ordes ao resto dos órganos. Ademais, encárgase de gobernar os actos reflexos. Un acto reflexo consiste nunha resposta rápida e automática a cambios do medio. Esta resposta coordínase na medula espiñal, sen a intervención do cerebro, ao revés dos actos voluntarios. Algúns exemplos de actos reflexos son retirar a man cando nos queimamos ou pechar os ollos cando a luz nos amola.

  • Sistema nervioso periférico (SNP). Está formado polos axóns das neuronas, agrupados en nervios, cuxos corpos celulares están aloxados no SNC. Este sistema divídese á súa vez en sistema nervioso somático (que non estudaremos aquí) e sistema nerviosoautónomo.

    O sistema nervioso periférico está constituído polos nervios craniais (que saen do encéfalo) e os nervios raquídeos (que saen da medula). A súafunción é comunicar o SNC co resto do corpo polos nervios.

 

Encéfalo e medula espinal do sistema nervioso central (SNC) e nervios raquídeos do sistema nervioso periférico (SNP)

  • Sistema nervioso autónomo (SNA): divídese á súa vez en sistema nervioso simpático e parasimpático.

Regula o control dos órganos internos e está formado por nervios que comunican os diferentes órganos coa medula espinal. Tal como indica o seu nome, o seu funcionamento é inconsciente e automático, non depende da nosa vontade; por iso recibe o nome de sistema nervioso autónomo. A súa importancia é vital, xa que controla funcións tales coma a respiración, a dixestión, a circulación sanguínea ou a excreción.

O sistema nervioso autónomo divídese á súa vez en dous sistemas: o simpático e o parasimpático, os cales realizan accións contrarias, se un estimula a actividade dun órgano o outro o relaxa.

–      Sistema simpático: prepara o corpo para afrontar situacións de tensión, de alarma ou que requiran un esforzo e, por tanto, aumentan o consumo de enerxía.

–      Sistema parasimpático: produce unha relaxación do corpo, o que leva consigo unha redución do consumo enerxético.

Por exemplo, o nervio simpático que chega ao corazón ten a propiedade de acelerar as súas contraccións mediante a secreción de adrenalina. En cambio, o nervio parasimpático que tamén chega ao corazón diminúe o ritmo das palpitacións pola secreción de acetilcolina.

 

O sistema endócrino

O sistema endócrino ou hormonal está constituído por un conxunto de glándulas que segregan hormonas directamente no sangue. As hormonas son substancias químicas que actúan estimulando a actividade de determinadas células, chamadas células diana. No seguinte debuxo aparecen situadas no corpo as principais glándulas do sistema endócrino:

 

Todas as glándulas do sistema endócrino son importantes. As hormonas que fabrican regulan procesos moi delicados e complexos do noso corpo. Delas, destacamos as seguintes:

  • Páncreas: é un órgano moi importante que pertence á vez ao sistema endócrino e ao sistema dixestivo, como xa vimos na unidade 5.

–      Como glándula do sistema dixestivo fabrica o zume pancreático, que intervén na dixestión.

–      Como glándula do sistema endócrino fabrica a insulina, hormona encargada de reducir o nivel de glicosa no sangue, facilitando a súa entrada nas células.

  • Glándulas sexuais ou gónadas: ovarios e testículos. Tamén teñen unha dobre función:

–      Segregar as hormonas sexuais responsables dos caracteres sexuais primarios (órganos xenitais) e secundarios de cada sexo (peluxe na cara, nas axilas, no peito e no pube, timbre de voz, desenvolvemento de músculos e ósos nos homes, nas mulleres peluxe no pube e nas axilas, desenvolvemento das mamas, acumulación de graxa nas cadeiras e nas coxas, e cadeiras máis anchas para facilitar o parto).

–      Producir os gametos femininos (óvulos) e masculinos (espermatozoides).

No cadro seguinte aparecen algunhas hormonas e a súa función no corpo:

Glándulas

Hormonas

Función das hormonas

  • Hipófise

  • Hormona do crecemento

Estimula o alongamento dos óso e o crecemento en xeral. Producida en exceso produce o xigantismo, e en defecto o ananismo.

  • Tirotropina (TSH)

Estimula a secreción da tiroide.

  • Melanófora (MSH)

Estimula a fabricación de melanina, pigmento da pel.

  • Gonadótropas (FSH e LH)

Regula actividade das glándulas sexuais.

  • Prolactina

Estimula a secreción láctea nas glándulas mamarias da nai.

  • Oxitocina

Contrae os músculos do útero durante o parto.

  • Tiroide

  • Tiroxina

Estimula o metabolismo celular.

  • Suprarrenais

  • Adrenalina

Estimula o ritmo cardíaco e respiratorio en situación límite.

  • Páncreas

  • Insulina

Diminúe a cantidade de glicosa no sangue.

  • Testículos

  • Testosterona

Regula a aparición dos caracteres sexuais masculinos.

  • Ovarios

  • Proxesterona

Prepara a posible implantación do embrión no útero e regula todo o embarazo

  • Estróxenos

Provocan a aparición dos caracteres sexuais secundarios femininos.

 

Actividades resoltas

Que é o impulso nervioso?

Solución

É unha pequena corrente eléctrica que percorre a neurona desde as dendritas ao corpo celular e propágase ao longo do axón. Transmítese á célula seguinte mediante sinapse. Os impulsos nerviosos proceden dos receptores (os sentidos) e rematan nos efectores despois de que o SNC emita unha orde.

Que estruturas protexen o encéfalo e a medula?

Solución

O encéfalo está protexido por dous tipos de estruturas óseas, o cranio e a columna vertebral respectivamente. Ademais, todo o sistema nervioso central está protexido por unhas envolturas membranosas denominadas meninxes, e polo líquido cefalorraquídeo, que actúa como un colchón.

Todos os órganos gobernados polo sistema nervioso autónomo reciben ordes a través de dous tipos de nervios, os nervios simpáticos e parasimpáticos de función antagónica. Indique os efectos que teñen ambos os nervios sobre os órganos sinalados.

Órgano

Estimulación simpática

Estimulación parasimpática

  • Corazón

Diminúe o ritmo

Aumenta o ritmo

  • Glándulas sudoríparas

Activa a súa secreción

Diminúe a súa secreción

  • Vías respiratorias

Aumenta o diámetro dos tubos bronquiais

Diminúeo diámetro dos tubos bronquiais

  • Sistema dixestivo

Diminúe a súa actividade

Aumenta a súa actividade

  • Ollo

Dilatación da pupila

Contracción da pupila

  • Arterias

Constrición: elevación da presión sanguínea

Vasodilatación: redución da presión sanguínea

Os sistemas nervioso e endócrino encárganse de coordinar as funcións corporais. Indique na seguinte táboa as diferenzas entre ambos:

 

Tipo de mensaxeiro

Vía de transporte  

Rapidez de resposta

  • Sistema nervioso

Neuronas

Impulsos nerviosos

Moi rápida

  • Sistema endócrino

Hormonas

Sangue

Lenta e duradeira

Por que é tan importante o iodo para a glándula tiroide?

Solución

Porque a hormona que segrega a tiroide, a tiroxina, leva na súa molécula catro átomos de iodo. A falta deste elemento químico na dieta produce o bocio, doenza que consiste nun aumento desta glándula ocasionando un engrosamento moi visible do pescozo.

S9.           Que é a sinapse?

S10.   Que provocaría unha lesión nos seguintes centros nerviosos?

  • Deterioración grave do cerebro.
  • Fractura de medula espiñal.
  • Lesión grave no bulbo raquídeo.

S11.        Complete o percorrido dun estímulo doloroso ante unha queimadura, desde que se percibe ata que se responde retirando a man de xeito automático.

S12.        Indique as funcións do sistema nervioso central e do sistema nervioso periférico.

S13.        Que teñen en común estas hormonas: tetosterona, proxesterona, FSH e LH?

S14.        En que consiste o tratamento farmacolóxico da diabete?

S15.        Que problemas pode ocasionar a produción insuficiente de hormona de crecemento durante a infancia?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0