2.5 Imaxes de Mourinho no hotel
|
EXCLUSIVA: IMAXES DE MOURINHO NO HOTEL O día previo ao partido de volta da Champions League xogado entre Barcelona e Real Madrid, os compañeiros de deportes de varias canles facían cábalas sobre que recuncho do estadio Nou Camp ía ocupar Mourinho logo de estar sancionado. Uns falaban de que estaría no palco, outros que á beira do céspede, etc, pero... non. O adestrador luso quedou no hotel, e GALICIA HOXE tivo acceso imaxinario e exclusivo a esas imaxes. Alí estaba el, cunha botella de viño verde que a esperanza ten esa cor. Alá, co caderniño na man, berraba e queixábase da locución de Sergio Sauca, xornalista de La Uno que rematou a cobertura da primeira parte contando: "Tiros do Real Madrid... cero; tiros do Real Madrid a porta... cero". Nese intermedio, Mou colleu o móbil e mandoulle un SMS a Aitor Karanka, rogando que axitase máis as mans, que para algo cobra, despois de todo, o de falar de cuestións técnicas está de máis xa que el ten repetido centos de veces que se o Barça leva unha chea de títulos é mero agasallo das mafias arbitrais. No segundo período, nervioso apertando nas mans un boneco de vodú co rostro de Messi... Mou case caeu ao chan cando a polémica xogada anulada por falta de Cristiano Ronaldo, intre onde Sauca cantou gol cun puntiño de emoción que deixaba ver que non vive lonxe das cores brancas. Mou é bo tipo, tanto que sabendo que esta eliminatoria cheiraba a récord de audiencia, dixo... "quedo fóra do campo como un cidadán máis, se vou poñerme diante do televisor para ser parte deses 14,5 millóns de persoas, que revisen o partido de volta". E logo de darlle unha propina ao servizo de cuartos que o convidou a un groliño de cava cando marcou Marcelo, que outra cousa non pero... educado, Mou é moito, o benquerido adestrador luso falou catalán na súa intimidade do desterro hostaleiro e berrou ó mundo: "Tots al camp... de tiro, que teño que desfogarme". |
|
Xabier Sanmartin, GaliciaHoxe.com, 06/05/2011 |
Actividades propostas
Actividades propostas
S4. Lea o texto anterior. Despois:
- Na frase Uns falaban de que estaría no palco, outros que á beira do céspede hai dúas elipses. Por que? En que consisten neste caso?
- Sinale outras dúas elipses que aparezan no texto.
- Na frase O adestrador luso quedou no hotel hai un procedemento de repetición. En este caso, cal é? En que consiste?
- Un dos casos da deixe é a utilización de pronomes persoais, demostrativos, etc. Sinale tres casos deste texto nos que o autor use ese tipo de palabras para dar maior cohesión ao texto.
S5. Elabore un pequeno texto que verse sobre un tema de actualidade, o que queira. Procure utilizar nel algún dos mecanismos citados na pregunta anterior: elipses, mecanismos de repetición, pronomes, etc. Logo léao, identifique nel eses mecanismos de cohesión textual que empregou e clasifíqueos.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License