A UE

Un pouco de historia:
Rematada a II Guerra Mundial algúns países europeos viron a necesidade de cooperar para garantir a paz, tentar mellorar o seu desenvolvemento económico e poder competir cos Estados Unidos.
En 1957 o Tratado de Roma creou a Comunidade Económica Europea, con 6 países e unha finalidade económica: comerciarían libremente entre eles. A ela fóronse incorporando diferentes países, entre eles España en 1986.
En 1992 o Tratado de Maastricht deu orixe á actual Unión Europea (UE). Os seus obxectivos eran moito máis ambiciosos:
- O establecemento da cidadanía europea para nacionais dos 27 estados membros.
- A creación da Unión Económica e Monetaria (UEM) que suporía co tempo a orixe dunha moeda única, o euro (€). Este entrou en circulación en 2002.
- A cooperación en política exterior e seguridade comúns (PESC).
- Reforzo da cooperación en xustiza e asuntos internos (inmigración, asilo...).
A UE chegou a contar con 28 estados, pero Reino Unido abandonouna en 2020, tras un referendo celebrado en 2016. Hoxe está formada por 27 estados.
Premede sobre o mapa para velo máis grande. Logo empregade a pantalla completa.
Lectura facilitada
Despois da Segunda Guerra Mundial,
algúns países de Europa xuntáronse para cooperar.
Querían garantir a paz, tamén mellorar a súa economía
e competir con Estados Unidos.
- No ano 1957, seis países crearon a Comunidade Económica Europea.
- O obxectivo era comerciar libremente entre eles.
- Máis países uníronse despois, como España en 1986.
No ano 1992, creouse a Unión Europea (UE).
Os seus obxectivos foron moito maiores:
- Crear a cidadanía europea para as persoas dos países membros.
- Crear unha moeda única, o euro (€).
O euro empezou a usarse no ano 2002.
- Cooperar en política exterior e seguridade (PESC).
- Axudarse máis en temas de xustiza.
A UE chegou a ter 28 países membros.
Pero Reino Unido marchou no ano 2020.
Agora a UE está conformada por 27 estados.

