Os estados
Segundo o dicionario da RAE, un Estado é un país soberano, recoñecido como tal na orde internacional, asentado nun territorio e dotado de órganos propios de goberno.

Un Estado está formado por:
- A poboación: un conxunto de cidadáns que contan con dereitos e con obrigas.
- O territorio no que vive a poboación e sobre o que o Estado ten autoridade (abrangue as fronteiras do país, o seu espazo aéreo e as augas territoriais).
- As leis: normas ás que están sometidos todos os cidadáns.
- As institucións: conxunto de órganos e entidades para administrar o estado.
- Os símbolos que o identifican: himno, bandeira e escudo.
As principais funcións dun Estado son:
- Dirixir as relacións internacionais. Para iso fúndanse embaixadas, consulados....
- Garantir a seguridade nacional mantendo a orde pública no interior e defendendo as fronteiras exteriores.
- Establecer o marco legal no que se desenvolve a actividade económica e definir as grandes liñas da política económica.
- Proporcionar servizos básicos á cidadanía: educación, sanidade, seguridade...
Para levar a cabo estes cometidos o Estado necesita recursos económicos, que se obteñen fundamentalmente a través dos impostos.
Lectura facilitada
Segundo a RAE un Estado é un país soberano.
Soberano quere dicir que o país é independente.
O Estado está nun territorio e ten un goberno que o dirixe.
Partes dun Estado
O Estado está formado por:
- A poboación:
Son todos os cidadáns.
Os cidadáns teñen dereitos e obrigas.
- O territorio:
É o lugar onde vive a poboación.
O Estado ten autoridade sobre o seu territorio.
O territorio inclúe o espazo que hai dentro as fronteiras,
Tamén comprende o ceo e o mar que está preto.
- As leis:
As leis son as normas do Estado.
Todos os cidadáns deben cumprir as leis.
- As institucións:
Son os organismos que toman as decisións.
- Os símbolos:
Serven para identificar o Estado.
Símbolos son, por exemplo, o himno, a bandeira e o escudo.
Funcións dun Estado
O Estado fai traballos importantes:
- Dirixe as relacións con outros países.
Por iso existen as embaixadas.
- Garante a seguridade.
- Mantén a orde dentro do país e tamén defende as fronteiras.
- Fai o marco legal.
O marco legal son as normas para a economía.
- Dá servizos básicos á xente.
Os servizos máis importantes son:
educación, sanidade e seguridade.
O Estado necesita diñeiro para facer estes traballos.
O diñeiro chámase recursos económicos.
O Estado obtén este diñeiro polos impostos.
