Persoa que se atopa fóra do seu país de orixe por medo á persecución, conflitos, violencia xeneralizada ou outras circunstancias que perturbaron gravemente a orde pública e, en consecuencia, requiren protección internacional.
Exemplo:
Un refuxiado vese na obriga de abandonar a súa terra para tentar salvar a súa vida.
Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC)
Definición:
Recursos e ferramentas que permiten adquirir, procesar, almacenar e transmitir información.
Exemplo:
Grazas ás TIC podemos ver numerosos vídeos nos nosos teléfonos.
Os movementos migratorios
A globalización fai que as persoas se poidan desprazar de maneira doada dun lugar a outro para procurar mellores condicións de vida, por iso se considera que está directamente vinculada cos movementos migratorios.
Denomínanse movementos migratorios os desprazamentos que realizan as persoas no espazo sempre que impliquen un cambio de residencia e que teñan un motivo distinto ao ocio. Segundo se considere o lugar de saída ou o de chegada distínguese a emigración e a inmigración. A primeira implica a saída dun territorio para asentarse noutro e os protagonistas son os emigrantes. A segunda, realizada polos inmigrantes, supón a entrada nun espazo concreto para residir nel. Fíxate que unha persoa galega que viva en Berlín é emigrante en Galicia e inmigrante en Berlín. Nun territorio, a diferenza entre o número de inmigrantes e emigrantes denomínase saldo migratorio.
Os movementos migratorios existen desde que existe o ser humano, pero na actualidade intensificáronse debido, fundamentalmente, á mellora dos medios de transporte e das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación). Segundo datos da ONU, no ano 2024 case 304 millóns de persoas (3,7 % da poboación mundial) residían nun país distinto ao da súa orixe, cifra que practicamente se duplicou desde 1990. A este grupo hai que engadir outros 1.000 millóns de persoas (15 % do total) que residen nos seus propios países pero en territorios distintos aos dos seus nacementos.
As migracións son un fenómeno moi antigo pero cun ritmo crecente
Lectura facilitada
A globalización facilita os desprazamentos das persoas para buscar mellores condicións de vida.
Por iso, a globalización está moi relacionada cos movementos migratorios.
Que son os movementos migratorios?
Chamamos movementos migratorios aos desprazamentos de persoas que cambian o seu lugar de residencia por un motivo diferente ao ocio.
Distinguimos dous tipos:
Emigración: cando unha persoa sae dun territorio para vivir noutro.
As persoas que marchan son emigrantes.
Inmigración: cando unha persoa chega a un territorio novo para residir nel.
As persoas que chegan son inmigrantes.
Nun territorio, a diferenza entre o número de inmigrantes e emigrantes chámase saldo migratorio.
As migracións ao longo da historia:
Os movementos migratorios existen desde que existe o ser humano.
Porén, hoxe son moito máis frecuentes grazas a:
a mellora dos medios de transporte
e o desenvolvemento das TIC
As TIC son Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
Algunhas cifras actuais:
Segundo a ONU, no ano 2024 había case 304 millóns de persoas (aproximadamente o 3,7% da poboación mundial) que vivían nun país distinto ao do seu nacemento.
Esta cifra case se duplicou desde 1990.
Ademais, existen máis de 1.000 millóns de persoas (uns 15% da poboación mundial) que viven noutros territorios dentro do seu propio país, é dicir, non no lugar onde naceron.
Audio
Tipos de movementos migratorios
a) Segundo duración:
Temporais: desprazamentos por un tempo limitado.
Definitivos: cambio permanente de residencia.
b) Segundo a capacidade de decisión:
Voluntarios: as persoas deciden marchar por propia vontade.
Forzosos: as migracións realízanse de maneira obrigada (guerras, persecucións...). Neste caso fálase de refuxiados.
c) Segundo o destino:
Internos: dentro dun mesmo país (exemplo: éxodo rural).
Externos: dun país a outro. Os externos poden ser continentais (dentro dun mesmo continente) ou intercontinentais (dun continente a outro).
Lectura facilitada
a) Segundo a duración
Temporais: desprazamentos por tempo limitado.
Definitivos: desprazamentos con cambio permanente de residencia.
b) Segundo a capacidade de decisión
Voluntarios: as persoas deciden marchar pola súa vontade.
Forzosos: as persoas vense obrigadas a marchar por guerras, persecucións ou violencia.
Neste caso fálase de persoas refuxiadas.
c) Segundo o destino
Internos: son desprazamentos dentro dun mesmo país.
Exemplo: o éxodo rural (xente que marcha do campo á cidade).
Externos: son migracións dun país a outro.
Os externos poden ser continentais (dentro dun mesmo continente) ou intercontinentais (desprazamentos dun continente a outro).
Audio
Xente que busca refuxio
Sabías que...
Ao referirse ás migracións forzadas, é necesario aludir á figura das persoas refuxiadas. Segundo a definición da ONU, as persoas refuxiadas son aquelas que se atopan fóra do seu país de orixe por medo á persecución, conflitos, violencia xeneralizada ou outras circunstancias que perturbaron gravemente a orde pública e, en consecuencia, requiren protección internacional.
Baseándonos en cifras procedentes de ACNUR (Axencia da ONU para os refuxiados), no mundo uns 42,7 millóns de persoas están nesta categoría. Os principais territorios emisores son Sudán, Siria, Afganistán, Ucraína e Venezuela, e os países que máis refuxiados acollen son Turquía, Irán, os estados do Golfo Pérsico e a UE en conxunto.
Lectura facilitada
As migracións forzadas inclúen ás persoas refuxiadas.
No mundo hai uns 42,7 millóns de refuxiados. Os principais países de onde marchan son:
Sudán, Siria, Afganistán, Ucraína e Venezuela
Os países que máis refuxiados acollen son:
Turquía, Irán, os estados do Golfo Pérsico e a Unión Europea.
Audio
Causas dos movementos migratorios
Son moitas, pero as máis importantes son:
Económicas
Paro e baixos salarios nas áreas de orixe.
Procura de condicións de emprego máis atractivas.
Sociodemográficas
Posibilidade de chegar a servizos básicos caros ou inexistentes nos territorios de orixe.
Reagrupación familiar (xuntarse cun parente que emigrou previamente).
Fuxir de discriminacións culturais en certos territorios.
Políticas
Guerras ou persecucións por motivos políticos ou relixiosos.
Procura de dereitos que non existen na área de saída.
A pobreza, xunto coas guerras, son unhas das principais causas das migracións a nivel mundial
Medioambientais
Desastres naturais como terremotos, tsunamis, inundacións, secas...
Consecuencias negativas do cambio climático como poden ser a subida do nivel do mar, desertización ou perda de cultivos.
Destrución de ecosistemas que fai imposible a vida en certos lugares (contaminación do aire, sobreexplotación de recursos...).
Outras
A globalización, que facilita os transportes e tamén a consolidación de redes migratorias.
Construción de infraestruturas (por exemplo, un encoro) forzan desprazamentos.
Lectura facilitada
As persoas emigran por moitas razóns. As máis importantes son:
a) Causas económicas:
Falta de traballo ou salarios baixos.
Busca de mellores condicións laborais.
b) Causas sociodemográficas
Busca de servizos básicos (sanidade, educación...) que son caros ou non existen no lugar de orixe.
Reagrupación familiar, é dicir, xuntarse cun parente que xa emigrou.
Fuxir de discriminacións culturais.
c) Causas políticas
Guerras ou persecucións por razóns políticas ou relixiosas.
Busca de liberdade e dereitos que non existen no país de saída.
d) Causas medioambientais
Desastres naturais como terremotos, tsunamis, inundacións ou secas.
Cambio climático como subida do nivel do mar, desertización ou perda de cultivos.
Contaminación e destrución de ecosistemas
que fan imposible vivir nalgúns lugares.
e) Outras causas
A globalización, que facilita os transportes tamén crea redes migratorias.
A construción de infraestruturas como por exemplo un encoro, que obriga a desprazarse.
Audio
Apoio visual
Consecuencias das migracións
A seguinte táboa amosa as principais consecuencias positivas e negativas dos movementos migratorios tanto nas áreas de saída coma nas de chegada.
Consecuencias dos movementos migratorios
Áreas de saída
Áreas de chegada
Positivas
Negativas
Positivas
Negativas
Redúcese o paro.
Achéganse as remesas (así se chaman os cartos que os emigrantes mandan aos seus lugares de orixe).
Envellece a poboación.
Abandónanse terras de labor no campo.
Separación de familias.
Redución de impostos recadados.
Aumenta a cantidade de man de obra dispoñible.
Amplíase a diversidade cultural.
Elévase a achega á economía local (consumo, impostos...).
Aumentan as taxas de natalidade.
Rexuvenécese a poboación.
Sobrecárganse os servizos públicos.
Parte da poboación reacciona con racismo, xenofobia e discriminación cultural.
Aumenta a competencia polo emprego.
Problemas de integración.
A chegada de inmigrantes xera, entre outras cousas, unha gran cantidade de man de obra dispoñible
Lectura facilitada
As migracións teñen efectos positivos e negativos. Afectan ás áreas de saída e tamén ás de chegada.
ÁREAS DE SAÍDA
a) Efectos positivos:
Redúcese o paro
Chegan as remesas
As remesas son os cartos enviados polos emigrantes.
b) Efectos negativos:
A poboación envellece
Abandónanse terras de labor no campo
Separación das familias
Menos recadación de impostos
ÁREAS DE CHEGADA
a) Efectos positivos:
Hai máis man de obra dispoñible
Aumenta a diversidade cultural
Mellora a economía local (máis consumo e impostos)
Aumentan as taxas de natalidade
A poboación rexuvenece
b) Efectos negativos:
Sobrecarga dos servizos públicos (sanidade, educación...)