Ríos humanos
Unha das manifestacións da globalización é a gran mobilidade espacial da poboación, que afecta hoxe a centenares de millóns de persoas. Á súa vez, este feito ten posto en contacto culturas diferentes, polo que é un factor básico da multiculturalidade. A continuación poderedes coñecer cales son as principais correntes migratorias do mundo actual.

Nas últimas décadas a orde mundial ten cambiado, de maneira que apareceron novos países cun papel hexemónico. Isto fixo mudar os fluxos migratorios. Se durante a segunda parte do século XX podemos resumilos nunha migración do resto do mundo a Occidente (Europa e Estados Unidos sobre todo), agora mesmo atopamos novos fluxos cun gran volume de desprazamentos.
Destacan a nivel mundial varios fluxos migratorios:
Dentro de Europa
Hai un gran volume de movementos migratorios dentro de Europa, duns países a outros, sobre todo desde os países do leste aos do oeste. No caso de países membros da Unión Europa, a libre circulación de persoas favorece os movementos migratorios.
De Latinoamérica a América do Norte
Un dos principais fluxos migratorios actuais é de Latinoamérica a América do Norte, en concreto Estados Unidos. A fronteira entre México e EE.UU. é testemuña dun dos fluxos migratorios máis masivos do mundo.
De Asia meridional a Asia Occidental
Tamén por volume destaca a migración desde Asia meridional a Asia Occidental. En Asia meridional atópase India, o país máis poboado do mundo actualmente. Nas súas fronteiras occidental e oriental sitúanse Paquistán e Bangladesh, tamén cunha elevada poboación. É a rexión de saída dun importantísimo fluxo migratorio con destino aos países do Golfo Pérsico, inmensamente ricos grazas ao petróleo e que precisan dunha numerosa man de obra, tanto cualificada (enxeñeiros e técnicos en distintos campos) como non cualificada (para construción e servizos non especializados, como o servizo doméstico). Esta corrente migratoria presenta un gran desequilibrio de sexos, predominando os homes. Este desequilibrio reflíctese na pirámide de poboación destes países. Como exemplo, a de Qatar en 2025.
Premede sobre a imaxe para agrandala. Podedes abrila en páxina completa.

Outros
Outros aspectos destacados son:
- Entre os fluxos migratorios intercontinentais, destaca por volume o de Asia (o continente máis poboado) a América do Norte.
- Son tamén importantes os fluxos migratorios desde Latinoamérica, Norte de África e Asia occidental con destino a Europa.
Europa e Estados Unidos levan décadas acollendo inmigrantes, polo que o volume total de residentes estranxeiros é relativamente elevado.
Premede sobre a imaxe para agrandala. Podedes abrila en páxina completa.

Aínda maior é o número de descendentes de inmigrantes en Estados Unidos e Europa. Parte desta poboación europea de segunda ou terceira xeración continúa a ter problemas de integración.

Lectura facilitada
Unha das manifestacións da globalización
é a gran mobilidade da poboación.
Hoxe en día a mobilidade da poboación afecta a moitísimas persoas.
A mobilidade pon en contacto culturas diferentes,
e é un factor básico da multiculturalidade.
Durante a segunda metade do século XX,
predominaba unha migración do resto do mundo cara a Occidente
(sobre todo Europa e Estados Unidos).
Na actualidade hai novos fluxos.
De todos eles, dous destacan:
- Motivación económica
- Carácter intracontinental
Principais fluxos migratorios mundiais
- Dentro de Europa hai un gran volume de movementos entre países,
sobre todo desde o leste cara ao oeste.
- Nos países da Unión Europea,
a libre circulación de persoas favorece estes movementos.
- Tamén son importantes os fluxos de Latinoamérica,
norte de África e Asia Occidental cara a Europa.
- Un dos principais fluxos é de Latinoamérica cara a América do Norte,
especialmente cara os Estados Unidos.
A fronteira entre México e Estados Unidos é testemuña dos desprazamentos.
- Outro fluxo destacado é de Asia Meridional cara a Asia Occidental.
En Asia Meridional está India, o país máis poboado do mundo.
Nas súas fronteiras están Paquistán e Bangladesh,
tamén con moita poboación.
Esta rexión envía traballadores aos países ricos do Golfo Pérsico.
Alí necesitan man de obra cualificada (enxeñeiros e técnicos)
e tamén non cualificada (construción, servizos domésticos).
Predominan os homes novos, o que crea un desequilibrio de sexos.
Isto reflíctese nas pirámides de poboación.
- Entre continentes, destaca o fluxo de Asia a América do Norte.
Europa e Estados Unidos levan décadas acollendo inmigrantes.
O volume de residentes estranxeiros é relativamente elevado,
pero maior é o número de descendentes de inmigrantes.
Aínda que os europeos sentimos que vivimos nun dos principais destinos,
os datos mostran que o volume total é menor.
Parte da poboación europea de segunda ou terceira xeración
segue tendo problemas de integración.