Saltar navegación

Reto 1: Inocentes ou culpables?

Que temos que facer?

Planificación

En grupos, planificarás a celebración dun xuízo na aula, onde o alumnado representará diferentes papeis (avogado ou avogada, xuíz ou xuíza, testemuñas, xurado…) para xulgar como foi o descubrimento e se as súas consecuencias foron negativas ou positivas para os pobos precolombianos.

Obxectivo

Obxectivos
  • Reflexionar sobre o impacto do descubrimento de América e as súas consecuencias para os pobos precolombianos.
  • Desenvolver habilidades como o traballo en grupo, a argumentación e o pensamento crítico.

Organización e preparación


Cada grupo (4-5 persoas) realizará un xuízo no seu propio equipo, onde todos os membros teñen un rol específico e unha postura clara.

Roles dentro de cada grupo:

  • Avogado defensor ou avogada defensora: Defende que o descubrimento tivo consecuencias positivas.
  • Avogado acusador ou avogada acusadora: Defende que o descubrimento tivo consecuencias negativas.
  • Testemuña 1: Representa un ou unha personaxe que defende a postura positiva (ex.: un soldado español ou unha soldada española, un rei ou unha raíña, unha persoa exploradora).
  • Testemuña 2: Representa un ou unha personaxe que defende a postura negativa (ex.: unha persoa indíxena, un sacerdote defensor ou unha sacerdotisa defensora dos pobos).
  • Xuíz ou xuíza: Escoita a todas as persoas, controla o tempo e decide o veredicto ao final.


Nota: Se hai menos ou máis de 5 estudantes, o profesor ou profesora pode engadir, eliminar ou combinar roles.

Cada grupo realizará o seu propio xuízo seguindo estes pasos:

1. Preparación

Cada grupo traballará de forma autónoma para preparar os seus papeis:

1. Distribución dos roles: Cada estudante elixe ou recibe un rol (avogado ou avogada, testemuña, xuíz ou xuíza).

2. Investigación e preparación:

  • Os avogados e as avogadas deben preparar argumentos para defender a súa postura (positiva ou negativa).
  • As testemuñas deben crear unha breve intervención explicando quen son, que lles pasou e como se sentiron.
  • O xuíz ou a xuíza debe entender como controlar a actividade e preparar preguntas para as testemuñas.

2. Representación do xuízo

Cada grupo fará o seu xuízo internamente:

1. Introdución do xuíz ou  da xuíza:

O xuíz ou a xuíza do grupo presenta o caso:

  • “Estamos aquí para xulgar o descubrimento de América. O avogado defensor ou a avogada defesora e o avogado acusador ou a avogada acusadora presentarán os seus argumentos. Tamén escoitaremos as testemuñas.”
  • O xuíz explica as normas:
    • Cada persoa terá 2-3 minutos para falar.
    • Non se pode interromper.

2. Intervención dos avogados e  das avogadas:

  • Avogado defensor ou avogada defensora: explica por que o descubrimento foi positivo.
  • Avogado acusador ou avogada acusadora: explica por que foi negativo.

3. Testemuñas:

  • A testemuña que defende a postura positiva conta a súa historia.
  • A testemuña que defende a postura negativa conta a súa experiencia.

4. Preguntas do xuíz ou  da xuíza:

  • O xuíz  ou a xuíza pode facer preguntas ás testemuñas para aclarar os seus puntos.

5. Conclusión:

  • Cada avogado ou avogada ten 1 minuto para facer unha conclusión final.


6. Decisión do xuíz ou da xuíza:
O xuíz ou a xuíza toma unha decisión: foi positivo ou negativo? Explica o motivo da súa decisión en base a probas e argumentos.

Para guiar o seu veredicto pode usar esta rúbrica.

3. Posta en común

Despois de que cada grupo remate o seu xuízo, a clase enteira pode facer unha reflexión conxunta:

Cada xuíz e xuíza comparte co resto da clase cal foi o veredicto no seu grupo e por que.


Preguntas para guiar a reflexión:

  • Que argumentos foron os máis convincentes?
  • Foi fácil ou difícil defender unha postura concreta?
  • Cres que as consecuencias do descubrimento poden ser vistas desde ambos lados?

Como se avalía o reto?

Rúbrica do Reto 1: Inocentes ou culpables (5x3)
 Alto rendementoRendemento medioBaixo rendemento
Traballo en equipoO grupo organizouse ben, todas as persoas participaron activamente e respectaron as ideas do resto. (2)O grupo tivo certa organización, pero algún membro non participou plenamente. (1)O grupo non se coordinou ben e a participación foi desigual. (0)
Claridade e calidade nos argumentosOs avogados e as avogadas presentaron argumentos claros, ben estruturados e baseados en información relevante. (2)Os argumentos foron pouco claros ou carecían de información relevante. (1)Os argumentos foron confusos ou irrelevantes. (0)
Representación das testemuñasAs testemuñas foron convincentes, creativas e apoiaron os argumentos do grupo. (2)As testemuñas presentaron información correcta, pero faltoulles profundidade ou conexión co rol. (1)As testemuñas non cumpriron co seu papel ou non foron convincentes. (0)
Capacidade de refutación e interacciónO grupo respondeu de forma razoada e conectada cos seus argumentos ás preguntas ou réplicas. (2)Responderon ás preguntas, pero de maneira superficial ou con poucos detalles. (1)Non foron capaces de responder ou defender os seus argumentos. (0)
Implicación e actitudeMostrou unha actitude positiva, participou activamente e foi respectuoso ou respectuosa coas demais persoas. (2)Participou, pero con pouca implicación ou falta de interese. (1)Mostrou desinterese ou tivo actitudes pouco respectuosas/os. (0)

Elaboración propia. Rúbrica do Reto 1: Inocentes ou culpables (5x3) (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Feito con eXeLearning (Nova xanela)