Saltar navegación

3.4. O Renacemento: a perfección da arte

 

Glosario

Mecenas

Imaxe de Lorenzo de Medici

Definición:

Persoa con poder e riqueza que protexe e financia o traballo de artistas.

Exemplo:

Lorenzo de Medici foi un dos mecenas máis destacados da Florencia do Quattrocento.

Óleo

Paleta de óleos

Definición:

Técnica pictórica que mestura os pigmentos en aceite.

Exemplo:

Leonardo da Vinci foi un dos primeiros pintores en empregar a técnica do óleo.

Perspectiva

Exemplo de perspectiva en pintura

Definición:

Recurso artístico que pretende simular ilusión de profundidade nunha superficie plana.

Exemplo:

A perspectiva foi unha das maiores innovacións da pintura do Renacemento.

O Renacemento en Italia

O Renacemento é o movemento cultural que aplica á arte as ideas do Humanismo. Xurdiu a comezos do século XV en Italia, onde confluían varios factores que impulsan esta renovación. Por unha banda, a presenza de abundantes restos do pasado clásico que se quería recuperar. Por outra, os estados italianos vivían un esplendor económico grazas ao auxe do seu comercio. Isto permitiu que varios dos seus gobernantes se converteran en mecenas, é dicir, protectores de artistas impulsando a creación de novas obras.

O Renacemento en Italia divídese en dúas etapas: Quattrocento (século XIV) e Cinquecento (século XV). No Quattrocento o principal foco creador é a cidade de Florencia. No Cinquecento o protagonismo desprázase a Roma, co mecenado dos papas.

Mapa dos estados italianos en 1494
Mapa dos estados italianos en 1494

Lectura facilitada

O Renacemento é o movemento cultural que aplica á arte as ideas do Humanismo.

O Renacemento xorde en Italia a comezos do século XV. 

Alí había abundantes restos do pasado clásico que se quería recuperar.

Ademais, os estados italianos vivían un esplendor económico grazas ao auxe do seu comercio.

Varios gobernantes italianos convertéronse en mecenas: protectores de artistas que encargaban moitas obras. 

O Renacemento italiano divídese en dúas etapas: Quattrocento e Cinquecento. 

O Quattrocento é o século XV.

O Cinquecento é o século XVI. 

No Quattrocento a cidade máis destacada na arte é Florencia. 

No Cinquecento o centro artístico é Roma, co mecenado dos papas. 

Trazos xerais

- Recuperación da Antigüidade Clásica: o Renacemento pon a súa mirada na arte de Grecia e Roma, admirándoa como o modelo máis perfecto a imitar.

- Antropocentrismo: o ser humano convértese en centro do mundo e medida de todas as cousas, tamén na arte. As figuras humanas son protagonistas dos novos temas artísticos. Este pensamento oponse ao teocentrismo medieval que consideraba a Deus como eixe do universo.

- Individualismo e pensamento racional, fronte aos dogmas de fe da Idade Media.

- Naturalismo: promóvese a observación e o estudo da natureza como aspecto esencial do mundo xunto ao ser humano.

- Procura da perfección técnica e dunha beleza idealizada.

- Nova concepción social de artistas, cuxo traballo xa non se considera simplemente artesanal, senón tamén intelectual. O impulso de mecenas axuda a que coñezamos o nome de multitude de artistas do Renacemento, que asinan as súas obras.

Leonardo da Vinci: Home de Vitruvio
Leonardo da Vinci: Home de Vitruvio

Lectura facilitada

Quérese imitar a arte da Grecia e Roma clásica porque se consideraba a máis perfecta. 

Antropocentrismo: o ser humano convértese en centro do mundo. 

A figura humana é a protagonista dos temas artísticos. 

Déixase de lado o pensamento medieval que consideraba a Deus o centro do universo (teocentrismo). 

Individualismo e pensamento racional.

Estúdase a natureza como parte esencial do mundo (naturalismo). 

Obras de técnica perfecta.

Búscase representar unha beleza idealizada.

Empézase a valorar máis o traballo de artistas, que asinan as súas obras. 

Arquitectura

Características principais

Uso de elementos da tradición grecorromana: columnas (coas tres ordes clásicas: dórica, xónica e corintia), frontónsarcos de medio punto, cúpulas, cubertas planas e abovedadas.

Procura da harmonía, a proporción e a simetría.

O principal material construtivo é a pedra.

Destacan tanto construcións relixiosas (igrexas) como civís (palacios, concellos, prazas...).

Bramante: Templo de San Pietro in Montorio
Bramante: Templo de San Pietro in Montorio

Artistas e obras salientables

Filippo Brunelleschi: Cúpula da catedral de Florencia, basílica de San Lourenzo, capela Pazzi. 

Leon Battista Alberti: Basílica de San Andrés de Mantua, Igrexa de Santa María Novella, palacio Rucellai.

Donato Bramante: Templo de San Pietro in Montorio.

Miguel Anxo: Basílica de San Pedro do Vaticano, Biblioteca Laurenciana, Praza do Capitolio de Roma.

Andrea Palladio: Vila Rotonda, Basílica de Vicenza.

Brunelleschi: Capela Pazzi
Brunelleschi: Capela Pazzi
Alberti: Basílica de Santa María Novella
Alberti: Basílica de Santa María Novella
Palladio: Villa Capra
Palladio: Villa Capra

Lectura facilitada

Características principais:

Uso de elementos clásicos: columnas, arcos de medio punto, cúpulas, cubertas planas e abovedadas.

Procura da harmonía e da proporción.

O principal material construtivo é a pedra.

Construcións relixiosas (igrexas) e civís (palacios, concellos, prazas...).

Artistas e obras salientables:

Filippo Brunelleschi: Cúpula da catedral de Florencia, basílica de San Lourenzo, capela Pazzi. 

Leon Battista Alberti: Basílica de San Andrés de Mantua, Igrexa de Santa María Novella, palacio Rucellai.

Donato Bramante: Templo de San Pietro in Montorio.

Miguel Anxo: Basílica de San Pedro do Vaticano, Biblioteca Laurenciana, Praza do Capitolio de Roma.

Andrea Palladio: Vila Rotonda, Basílica de Vicenza.

Escultura

Características principais

Céntrase na representación da figura humana, igual que fixera a arte grecorromana.

Estuda a anatomía con detalle e precisión.

Emprega un canon de proporcións harmónicas para acadar unha beleza idealizada.

Os temas son variados: relixiosos, mitolóxicos, retratos, escultura ecuestre...

Os materiais máis empregados son o mármore e o bronce.

Imaxe de Miguel Anxo: David
Miguel Anxo: David

Artistas e obras salientables

Lorenzo Ghiberti: Portas do baptisterio de Florencia.

Donatello: David, Gattamelata.

Miguel Anxo: Piedade do Vaticano, David, Moisés, sepulcros dos Medici.

Donatello: Gattamelata
Donatello: Gattamelata
Miguel Anxo: Piedade do Vaticano
Miguel Anxo: Piedade do Vaticano

Lectura facilitada

Características principais:

A figura humana é protagonista da maioría das obras.

Estuda a anatomía con detalle e precisión.

Emprega un canon de proporcións harmónicas para acadar unha beleza idealizada.

Os temas son variados: relixiosos, mitolóxicos, retratos, escultura ecuestre...

Os materiais máis empregados son o mármore e o bronce.

Artistas e obras salientables:

Lorenzo Ghiberti: Portas do baptisterio de Florencia.

Donatello: David, Gattamelata.

Miguel Anxo: Piedade do Vaticano, David, Moisés, sepulcros dos Medici.

Pintura

Características principais

A figura humana é a protagonista, representada cunha beleza idealizada.

Aplícase a perspectiva para crear a sensación de profundidade.

As composicións son ordenadas e equilibradas.

Nova técnica pictórica, o óleo, que permite conseguir máis detalles, cores intensas e unha luz máis realista.

Segue predominando a temática relixiosa e intégranse con forza a mitolóxica e o retrato.

Botticelli: O nacemento de Venus
Botticelli: O nacemento de Venus

Artistas e obras salientables

Masaccio: O tributo da moeda, A Trindade.

Sandro Botticelli: O nacemento de Venus, A primavera.

Leonardo da Vinci: A Gioconda ou Mona Lisa, A última cea, A Virxe das rochas.

Rafael Sanzio: A escola de Atenas.

Miguel Anxo: frescos da capela Sixtina.

Tiziano: Venus de Urbino, Carlos V a cabalo en Mühlberg.

Leonardo da Vinci: Mona Lisa
Leonardo da Vinci: Mona Lisa
Rafael: Os desposorios da Virxe
Rafael: Os desposorios da Virxe
Miguel Anxo: A creación de Adán
Miguel Anxo: A creación de Adán

Lectura facilitada

Características principais:

A figura humana é a protagonista.

Represéntase cunha beleza idealizada.

Aplícase a perspectiva para crear a sensación de profundidade.

As composicións son ordenadas e equilibradas.

Aparece a técnica do óleo, que permite conseguir máis detalles e cores intensas.

Predomina a temática relixiosa e empréganse tamén a mitolóxica e o retrato.

Artistas e obras salientables:

Masaccio: O tributo da moeda, A Trindade.

Sandro Botticelli: O nacemento de Venus, A primavera.

Leonardo da Vinci: A Gioconda ou Mona Lisa, A última cea, A Virxe das rochas.

Rafael Sanzio: A escola de Atenas.

Miguel Anxo: frescos da capela Sixtina.

Tiziano: Venus de Urbino, Carlos V a cabalo en Mühlberg.

O Renacemento en España e en Galicia

En España e en Galicia, igual que noutros lugares de Europa, a linguaxe gótica segue considerándose válida durante o século XV. Non é ata o XVI cando empeza a se notar a influencia do Renacemento italiano. Porén, a aplicación das formas clásicas non se fará coa mesma intensidade.

Lectura facilitada

En España e en Galicia o gótico segue empregándose durante o século XV.

O Renacemento comeza a chegar no século XVI.

Pero ten menos intensidade que en Italia.

Arquitectura

No século XVI diferéncianse tres etapas:

Plateresco

Corresponde co primeiro terzo do século. Caracterízase por unha decoración minuciosa que combina elementos góticos –arcos apuntados, pináculos...- con novos recursos renacentistas –arcos de medio punto, medallóns...-. Son exemplo de arquitectura plateresca a fachada da Universidade de Salamanca ou o Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

Hostal dos Reis Católicos, Santiago de Compostela
Henrique Egas: Hostal dos Reis Católicos, Santiago de Compostela

Clasicismo ou purismo

É o período de maior asimilación das formas clásicas do Renacemento italiano, durante o segundo terzo do século XVI. O exemplo máis representativo é o palacio de Carlos V en Granada.

Pedro Machuca: Palacio de Carlos V en Granada
Pedro Machuca: Palacio de Carlos V en Granada

Herreriano

Toma o seu nome de Juan de Herrera, arquitecto do Mosteiro do Escorial, a obra máis sobranceira do último terzo do XVI. Caracterízase pola simplicidade das súas formas xeométricas, case sen ornamentación. En Galicia destaca o colexio de Santa María a Antiga, en Monforte de Lemos.

Mosteiro do Escorial
Juan Bautista de Toledo e Juan de Herrera: Mosteiro de San Lorenzo de El Escorial

Lectura facilitada

Na arquitectura do século XVI en España e en Galicia diferéncianse tres etapas.

O plateresco corresponde co primeiro terzo do século XVI.

Combina elementos góticos e renacentistas cunha decoración minuciosa.

Exemplos: fachada da Universidade de Salamanca, hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

O clasicismo ou purismo corresponde co segundo terzo do século.

É a etapa na que se aplica con máis forza a linguaxe do Renacemento.

O mellor exemplo é o palacio de Carlos V en Granada.

O período herreriano é o último do século.

Corresponde co último terzo do XVI.

Usa formas simples e xeométricas, case sen decoración.

O exemplo máis senlleiro é o mosteiro do Escorial.

En Galicia destaca o colexio de Santa María a Antiga en Monforte de Lemos.

Escultura

A linguaxe renacentista aplícase sobre todo a esculturas relixiosas en madeira policromada, moi expresivas nos xestos e nos sentimentos, como as de Alonso de Berruguete ou Juan de Juni.

Juan de Juni: O enterro de Cristo
Juan de Juni: O enterro de Cristo

Lectura facilitada

Destacan esculturas relixiosas en madeira policromada.

Son obras moi expresivas nos xestos e sentimentos.

Son artistas destacados Alonso de Berruguete e Juan de Juni.

Pintura

A figura de Doménikos Theotokópoulos, chamado o Greco, destaca sobre calquera outra na pintura española do XVI. Desenvolveu un estilo moi persoal e expresivo, con figuras de canon esaxeradamente longo, e cores moi intensas. Son obras súas O enterro do señor de Orgaz e O espolio.

En Galicia consérvanse exemplos de pintura ao fresco de temática relixiosa en numerosas igrexas, como as do pintor de Banga en Santa María de Mugares (Toén).

O Greco: O enterro do señor de Orgaz
O Greco: O enterro do señor de Orgaz
O Greco: O espolio
O Greco: O espolio

Lectura facilitada

O Greco é o pintor máis importante.

O seu estilo é moi persoal e expresivo, con figuras alongadas e cores intensas.

Entre as súas obras destacan O enterro do señor de Orgaz e O espolio.

En Galicia consérvanse exemplos de pintura ao fresco de temática relixiosa en numerosas igrexas.

Entre as máis salientables están as do pintor de Banga.

Descubrindo a arquitectura do Renacemento

Identifica as características da arquitectura do Renacemento na seguinte obra:

Alberti: Basílica de San Andrés de Mantua
Basílica de San Andrés de Mantua, Alberti.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)