Nun grupo de adolescentes compartíronse varios vídeos sobre teorías terraplanistas. Isto deu lugar a un intenso debate entre quen apoiaba esa teoría e quen defendía os coñecementos científicos mundialmente comprobados e aceptados. Ao día seguinte, na clase de historia, preguntaron á profe, que lles explicou que esa crenza era falsa e que ese debate, en concreto, ten a súa orixe na época do Humanismo, onde comezaron a poñerse en dúbida os saberes medievais, que explicaban todo a través da relixión, e empezaron a defender a importancia do ser humano e da ciencia para comprender o mundo. O Humanismo supuxo un cambio na concepción do mundo, que desembocou en conflitos relixiosos e políticos, e que deron lugar a outras concepcións artísticas, como o Renacemento e o Barroco, moi relacionadas coas crenzas e a política da época.
A profe propuxo un reto á clase: un grupo de terraplanistas viaxaron ao pasado e destruíron todos os coñecementos relacionados co Humanismo e cos cambios culturais, relixiosos, artísticos e políticos que se produciron naquela época. Como resultado, na actualidade trunfan as teorías terraplanistas e outras crenzas contrarias á ciencia. Pero, unha persoa desa época conseguiu conservar esa parte da Historia en pequenas pezas e deixalas gardadas para que no futuro, a clase poida organizalas e transmitir os coñecementos que gardan. Serás quen de facelo?
A análise do Humanismo axudarache a entender como se foi construíndo o coñecemento científico e como cambiou a sociedade en Europa e no resto do mundo, ademais de contribuír a conseguir determinadas metas dos ODS (Obxectivos do Desenvolvemento Sostible): -saúde e benestar (obxectivo 3)-, -educación de calidade (obxectivo 4)-, -igualdade de xénero (obxectivo 5), -industria, innovación e infraestruturas (obxectivo 9) redución das desigualdades (obxectivo 10)-, -paz, xustiza e institucións sólidas (obxectivo 16).
Como reto final terás que elaborar unha serie de materiais, usando diferentes ferramentas e formatos creativos, que che axuden a analizar, comprender e presentar ao resto da clase os coñecementos do Humanismo e o seu contexto histórico. Moitas destas ideas, hoxe en día, son obxecto de mentiras ou desinformación, e ti serás quen de desmontalas.