3.2. Amarás ao semellante!: Reforma e Contrarreforma
Glosario
Celibato
Definición:
Persoa que está solteira.
Exemplo:
Os sacerdotes católicos son célibes.
Dogma
Definición:
Principio que non se pode discutir e que é a base dunha relixión.
Exemplo:
A Contrarreforma defendeu os dogmas da Igrexa Católica.
Fe
Definición:
Crenza sen límite en algo ou alguén.
Exemplo:
O crente cristián ten fe en Cristo.
Igrexa
Definición:
Conxunto de persoas que cren en Cristo.
Exemplo:
Todos os cristiáns forman parte da Igrexa.
Indulxencia
Definición:
Perdón que a Igrexa Católica concede aos fieis polos seus pecados.
Exemplo:
Durante o século XVI concedéronse moitas indulxencias na Igrexa Católica.
Isto non vai ben!: as causas da reforma
A finais da Idade Media, moitas persoas comezaron a criticar determinados comportamentos e actitudes na Igrexa Católica:
A acumulación de riquezas e o luxo esaxerado de bispos e cardeais.
A escasa cultura de moitos sacerdotes, algúns dos cales apenas sabían ler ou escribir.
A venda de bulas e indulxencias a cambio do perdón dos pecados.
A compravenda de altos cargos eclesiásticos para obter riquezas e poder.
Toda esa situación constatouna Martín Lutero (1483-1546), un sacerdote e monxe alemán agostiño, na súa viaxe a Roma. A súa ruptura definitiva con Roma sucedeu cando o Papa León X puxo á venda novas indulxencias para poder construír a basílica de San Pedro do Vaticano.
Despois dese acontecemento, Martín Lutero colgou na porta da igrexa do convento de Wittenberg (Alemaña) un documento con 95 teses no que criticaba a venda das indulxencias e a necesidade dunha reforma interna na Igrexa.
O Papa León X e o emperador Carlos V pedíronlle a Lutero que rectificara, pero el negouse polo que foi expulsado da Igrexa Católica en 1521. Moitos príncipes alemáns seguiron as teses de Lutero, denominándose como reformados.
Lectura facilitada
A finais da Idade Media criticáronse comportamentos e actitudes da Igrexa Católica:
A acumulación de riquezas e o luxo esaxerado de bispos e cardeais.
A escasa cultura de moitos sacerdotes.
A venda de bulas e indulxencias a cambio do perdón dos pecados.
A compravenda de altos cargos eclesiásticos para obter riquezas e poder.
Martín Lutero constatou esa situación na súa viaxe a Roma.
Martín Lutero era un sacerdote e monxe alemán agostiño.
A ruptura definitiva produciuse cando O papa León X puxo á venda novas indulxencias.
As indulxencias eran para construir a basílica de San Pedro Vaticano.
Martín Lutero colgou un documento no que:
Criticaba a venda das indulxencias.
Pedía un cambio na Igrexa.
O Papa Leon X e o emperador Carlos V pedíronlle a Lutero que rectificara.
Martín Lutero non cambiou de opinión e o expulsaron da Igrexa.
Os príncipes alemáns seguiron a Lutero.
Denomináronse reformados.
Audio
Sabías que ...
O termo protestante é pexorativo e xurdiu polas protestas dos príncipes alemáns ante a prohibición das doutrinas de Lutero por parte do emperador Carlos V en 1529.
Lectura facilitada
O termo protestante é pexorativo.
Xurdiu polas protestas dos príncipes alemáns.
Os príncipes protestaron pola prohibición das doutrinas de Lutero por parte do emperador Carlos V.
Audio
Agora somos máis: as outras igrexas reformadas
Ao longo do século XVI xurdiron outras igrexas que se separaron da Católica.
Calvinismo
Foi fundada en Suíza por Xoan Calvino (1509-1564) e expandiuse por Francia e por Inglaterra. Cales eran as súas principais ideas?:
Crían que Deus xa decidía que persoas se salvaban (as predestinadas) e quen se condenaban.
Defendían a importancia do traballo como un medio para dignificarse.
Anglicanismo
Xurdiu en Inglaterra cando o rei Henrique VIII (1491-1547) non conseguiu que o Papa lle concedera o divorcio da súa esposa, Catalina de Aragón (1485-1536). En 1534 separouse da Igrexa de Roma e proclamouse cabeza da Igrexa de Inglaterra, quedando as autoridades eclesiásticas baixo o poder do Estado.
Lectura facilitada
No século XVI xurdiron outras Igrexas diferentes á Católica:
Calvinismo:
Fundouna Xoán Calvino.
Expandiuse por Francia e Inglaterra.
As súas principais ideas eran:
Crían que Deus decidía quen se salvaba e quen se condenaba.
Defendían que o traballo dignificaba.
Anglicanismo:
Xurdiu en Inglaterra.
O rei Henrique VIII quería que o Papa lle concedera o divorcio de Catalina de Aragón.
O rei Henrique VIII separouse da Igrexa de Roma e proclamouse cabeza da Igrexa de Inglaterra.
As autoridades eclesiásticas estaban baixo o poder do Estado.
Audio
Marcando distancias: os principios protestantes
Agora coñecerás os principais principios do protestantismo:
A fe é o único medio de salvación.
Os fieis poden interpretar libremente a Biblia.
Tradución da Biblia ás linguas de cada país.
Calquera fiel podía ser pastor e, incluso, podía contraer matrimonio.
Recoñecemento de dous sacramentos, o bautismo e a eucaristía (comuñón).
Negación da autoridade do Papa.
Eliminación do culto aos santos, ás santas e á Virxe.
Eliminación das ordes relixiosas e das imaxes.
Lectura facilitada
Agora coñecerás os principais principios do protestantismo:
A fe é o único medio de salvación.
Os fieis poden interpretar libremente a Biblia.
Tradución da Biblia ás linguas de cada país.
Calquera fiel podía ser pastor e, incluso, podía contraer matrimonio.
Recoñecemento de dous sacramentos, o bautismo e a eucaristía (comuñón).
Negación da autoridade do Papa.
Eliminación do culto aos santos, ás santas e á Virxe.
Eliminación das ordes relixiosas e das imaxes.
Audio
Era necesario un cambio: a Contrarreforma
Como viches, a reforma protestante comezou a estenderse por todo Europa o que levou á Igrexa Católica a promover unha Contrarreforma, que consistiu na defensa dos seus principais dogmas e nunha serie de medidas para mellorar o seu funcionamento.
Defensa dos dogmas da Igrexa Católica
Para defender os dogmas da Igrexa Católica o Papa Pablo III (1468-1549) convocou o Concilio de Trento (1545-1546), onde se afirmou:
A importancia do culto á Virxe e aos Santos.
A existencia dos 7 sacramentos.
A salvación a través das boas obras e da fe.
A defensa da Vulgata (Biblia traducida ao latín por San Xerome) como única interpretación válida das Sagradas Escrituras.
A importancia sagrada da misa.
A necesidade de celebrar as misas en latín.
Medidas para mellorar o funcionamento da Igrexa Católica
Para mellorar o funcionamento interno da Igrexa Católica o Concilio tamén realizou unha serie de cambios internos:
Creáronse seminarios para darlle unha boa formación ao clero.
Obrigaron aos bispos a residir na diocese que dirixían.
Inculcouse no clero a necesidade de dar exemplo coa súa vida e a obriga de gardar o celibato.
Prohibíronse a venda das indulxencias.
Reformáronse as ordes monásticas.
Lectura facilitada
A reforma protestante estendeuse por toda Europa.
A Igrexa Católica promoveu unha Contrarreforma que consistiu:
Na defensa dos seus principais dogmas.
Nunha serie de medidas para mellorar o seu funcionamento.
Para defender os dogmas da Igrexa Católica o Papa Pablo III convocou o Concilio de Trento.
O Concilio defendeu:
A importancia do culto á Virxe e aos Santos.
A existencia dos 7 sacramentos.
A salvación a través das boas obras e da fe.
A defensa da Biblia traducida ao latín por San Xerome.
A importancia sagrada da misa.
A necesidade de celebrar as misas en latín.
Para mellorar o funcionamento da Igrexa Católica:
Creáronse seminarios para darlle unha boa formación ao clero.
Obrigaron aos bispos a residir na diocese que dirixían.
Inculcouse no clero a necesidade de dar exemplo coa súa vida e a obriga de gardar o celibato.
Prohibíronse a venda das indulxencias.
Reformáronse as ordes monásticas.
Audio
Sabías que ...
Os enfrontamentos entre protestantismo e catolicismo provocaron as chamadas guerras de relixión entre os séculos XVI e XVII, que tiveron o seu final coa Guerra dos Trinta Anos (1618-1648).
Lectura facilitada
Os enfrontamentos entre os protestantes e os católicos provocaron as guerras de relixión.
As guerras de relixión tiveron lugar entre os séculos XVI e XVII.
As guerras de relixión remataron coa Guerra dos Trinta Anos.
Audio
Pregunta Verdadeiro-Falso
Agora vas a facer un repaso do aprendido. Terás que indicar se as seguintes afirmacións son verdadeiras ou falsas. Sorte!
Retroalimentación
Falso
Martín Lutero criticaba determinados comportamentos e actitudes da Igrexa Católica.
Retroalimentación
Verdadeiro
Retroalimentación
Verdadeiro
Retroalimentación
Verdadeiro
Retroalimentación
Falso
O calvinismo e o anglicanismo son consideradas igrexas reformadas.
Retroalimentación
Falso
Son propios do protestantismo.
Clasifica
Relaciona as seguintes características co protestantismo ou co catolicismo. Sorte!