Saltar navegación

TAREFA PUNTUABLE. Epidemioloxía e análise de datos

Tarefa análise e interpretación de datos

Duración:
1 hora 45 min
Agrupamento:
Individual

Obxectivos didácticos: 

  • Comprender e analizar unha noticia relacionada coa saúde pública e os alimentos.
  • Extraer información e organizar datos sobre os casos nunha táboa e elaborar gráficos.
  • Razonar e identificar o mellor tipo de medicamento en función do patóxeno ou síntomas a tratar. 
  • Reflexionar sobre a prevención de enfermidades de transmisión alimentaria.

Actividade: Detectives das intoxicacións alimentarias. 

Materiais Necesarios:

  • Calculadora, Folla para realizar os cálculos matemáticos, gráficos en papel milimetrado, lapis e regla. 
  • OU folla de cálculo e ferramentas dixitais matemáticas. 
  • Acceso a internet ou enciclopedias para investigación adicional (opcional)

Introdución da tarefa: Os medios de comunicación informan dun brote debido a unha intoxicación alimentaria. 

No xornal da comarca aparece a seguinte noticia: 

A pasada fin de semana, 50 persoas resultaron afectadas por un brote de intoxicación alimentaria tras asistir a un evento local nun pavillón deportivo.

O evento incluía unha comida popular onde se serviron distintos pratos, entre eles sobremesas que levaban ovos crus.
Inicialmente, as autoridades sanitarias sospeitaron dun virus gastrointestinal, coma o norovirus, provocara a infección.

Namentres, ao avanzar as investigacións, descubriuse que a causa era unha infección bacteriana provocada por Salmonella, presente nos ovos utilizados para preparar un doce moi consumido durante o evento.
A xefa do departamento de epidemioloxía do HospiVital indicoulle aos medios de comunicación a evolución dos casos: 
• Luns: 5 persoas comezaron a sentir síntomas leves, principalmente náuseas.
• Martes: 15 persoas presentaron síntomas graves e foron atendidas en centros de saúde por vómitos e febre alta.
• Mércores: O número aumentou a 20 afectados, coa maioría presentando náuseas e vómitos.
• Xoves: Detectáronse  6 casos illados, presentando dor abdominal.
• Venres: Detectáronse outros 4 casos illados, con síntomas leves. 
As persoas afectadas tiveron idades entre os 12 e os 65 anos, con maior incidencia en persoas de 20 a 35 anos.

Para evitar este tipo de problemas, os expertos recomendan:
• Non consumir ovos crus nin pratos que os inclúan.
• Cociñar os alimentos a temperaturas seguras.
• Manter unha boa hixiene ao manipular alimentos.
As autoridades sanitarias destacaron a importancia dos controis alimentarios e da colaboración cidadá para detectar e controlar posibles brotes.

Actividades e tarefas para resolver: 

Exercicio 1. Análise da información do texto. (15min. aproximadamente)

Que sucedeu no evento?
Cantas persoas resultaron afectadas?
Cales son as causas probables?
Que medidas se tomaron para controlar o brote?
Como se sospeita que se transmitiu esta enfermidade entre as persoas que asistiron ao evento?
Observando os datos da evolución dos casos, cres que a transmisión foi puntual ou continua?

Exercicio 2. Interpretación da información. (30 min. aproximadamente)

Cando se estuda un brote, o departamento de epidemioloxía debe cubrir unha ficha descritiva que quedará almacenada na rede para futuros casos.  

Elabora un pequeno texto (5-10 liñas) para incluír na ficha descritiva. No texto debe aparecer a resposta ás seguintes cuestións.

Como se sospeita que se transmitiu esta enfermidade entre as persoas que asistiron ao evento?
Está implicado algún vector?

Pénsase que a enfermidade se transmitiu directamente entre persoas (por contacto físico, secrecións, etc.) ou houbo un elemento intermediario (alimento, auga, obxectos)?

Que medidas se poden tomar para previr un brote similar?

 

Exercicio 3. Análise de datos e interpretación. (30 min. aproximadamente)
Organiza a información da noticia do xornal , para elaborar unha táboa que recolla o número de días tras o caso inicial, os novos casos detectados  e os síntomas principais.

A partir da información da táboa, elabora un gráfico de barras para mostrar a evolución diaria dos casos.

A partir da información da táboa, realiza os cálculos necesarios para elaborar un gráfico de sectores que represente a porcentaxe de síntomas máis frecuentes.

Despois, reflexiona sobre a tendencia que observas nos casos diarios.

 

Exercicio 4. Medidas sanitarias (15 min. aproximadamente) 

Desde o departamento de epidemioloxía, deben enviar información á sección de farmacia do hospital para dispensar os medicamentos á poboación afectada.

Redacta un correo electrónico dirixido á xefa de farmacoloxía do HospiVital, con indicacións dos medicamentos específicos (antivirais, antibióticos, etc) e medicamentos sintomáticos (antipiréticos, analxésicos, soros, etc) que deben dispoñer para atender a estes pacientes.

Recorda os síntomas máis frecuentes: febre, dores musculares, infección, diarrea, vómitos...)

 

Exercicio 5. Uso responsable de antibióticos (15 min. aproximadamente)
Algúns casos graves de salmonelose requiriron antibióticos. Sería importante que a noticia do xornal da comarca informara á poboación sobre o uso adecuado dos antibióticos. Redacta un breve parágrafo, que se incluiría na parte final da noticia, para informar á poboación sobre:

Que sucede se tomamos antibióticos cando non son necesarios?
Por que non se deben usar antibióticos para tratar enfermidades víricas?
Como podemos contribuír ao uso correcto destes medicamentos?
 

 

Avaliación da actividade. 

  • Interpretación correcta dos datos.
  • Organización adecuada dos datos en táboas e gráficos.
  • Claridade e precisión dos gráficos.
  • Propostas razoables de prevención e tratamento.

Esta tarefa será avaliada mediante unha lista de cotexo e pondera o 30% na nota correspondente a esta unidade didáctica. 

Na aula virtual, na sección corresponte á entrega da tarefa, poderás ver a lista de cotexo coa que se avaliará a actividade. 

Formato de entrega da actividade. 

  • Un único arquivo. 
  • Entregar en formato pdf. 
  • Nomear o arquivo como ApelidosNome-Detectives.pdf (Exemplo: GarcíaGonzálezMatías-Detectives.pdf)

Feito con eXeLearning (Nova xanela)