Os fagos ou virus bacteriófagos
HospiVital. Contextualización
Tempo estimado de lectura: 2 minutos
No HospiVital investigamos tratamentos innovadores para combater infeccións difíciles de curar. Unha das solucións máis prometedoras son os fagos, uns virus naturais que atacan exclusivamente as bacterias.
Os fagos son unha alternativa aos antibióticos, especialmente cando as bacterias se fan resistentes. Actúan de forma precisa, destrúen a bacteria e multiplican a súa acción. Son seguros para as persoas e non prexudican a microbiota.
O laboratorio de Viroloxía do noso hospital traballa en conxunto coas universidades da nosa comunidade, buscando fagos na natureza para tratar infeccións graves, aplicando a estratexia One Health, que busca coidar a saúde de persoas, animais e plantas ao mesmo tempo.
A estratexia One Health (Unha Saúde) é un enfoque que entende que a saúde humana, a saúde animal e a saúde do medio ambiente están intimamente relacionadas.
Propón que os problemas de saúde se aborden de forma integrada e colaborativa, combinando os coñecementos de médicos, veterinarios, científicos ambientais e outros profesionais.
No HospiVital, manteremos informados os pacientes sobre estas terapias que prometen salvar vidas!
Audio
Os fagos, virus que atacan bacterias
Os fagos: virus que atacan bacterias
Os fagos son un tipo de virus que só atacan bacterias. O seu nome completo é bacteriófagos, que significa "comedores de bacterias".
Son unha opción prometedora para tratar infeccións graves causadas por bacterias resistentes aos antibióticos.
Como funcionan os fagos?
Recordemos que o virus dependen doutras células para poder sobrevivir, pois non son capaces de reproducirse por si mesmos.
Os fagos buscan unha bacteria concreta para infectar. Cando a atopan:
Inxectan o seu material xenético dentro da bacteria.
A bacteria comeza a fabricar novos fagos.
A bacteria rebenta, e os novos fagos buscan máis bacterias para atacar.
Por que son útiles os fagos?
Os fagos son unha alternativa ao uso de antibióticos, especialmente cando as bacterias se fan resistentes. Ademais:
Actúan de forma moi precisa, atacando só a bacteria causante da infección.
Non prexudican as células humanas nin afectan a microbiota beneficiosa do noso corpo.
Poden combinarse con antibióticos para facer as bacterias novamente sensibles a eles.
Vantaxes do uso de fagos
Non afectan o corpo humano nin a microbiota boa.
Son moi específicos e eliminan a bacteria causante da enfermidade.
Multiplican a súa acción no organismo.
Poden combinarse con antibióticos.
Inconvenientes do uso de fagos
Especificidade excesiva: só atacan unha bacteria concreta, polo que hai que identificar con precisión a bacteria causante da infección.
Posible resposta inmunitaria: o sistema inmunitario humano pode recoñecer e atacar os fagos.
Falta de estudos clínicos amplos: aínda se precisa máis investigación para garantir a súa seguridade e eficacia.
Problemas de regulación: actualmente non están aprobados de forma xeneralizada.
Conservación e produción: requiren métodos de almacenamento e produción complexos.
Efectos imprevistos: a interacción dos fagos co microbioma humano aínda non se comprende completamente.
Desde cando coñecemos e empregamos os fagos?
O uso de fagos na terapia bacteriana comezou hai máis dun século, pero foi eclipsado polo éxito inicial dos antibióticos.
Con todo, debido ao problema crecente da resistencia bacteriana aos antibióticos, os fagos están volvendo captar o interese científico como unha opción prometedora.
En países como Xeorxia ou Rusia xa levan décadas empregando fagos para tratar infeccións bacterianas que non responden aos tratamentos convencionais.
A pesar do seu potencial, o tratamento con fagos aínda non está completamente regulamentado en Europa, polo que moitas veces só pode empregarse en pacientes mediante tratamentos compasivos, cando non existen alternativas convencionais.
Lectura facilitada
Os fagos: virus que atacan bacterias
Os fagos son un tipo de virus que só atacan bacterias.
O seu nome completo é bacteriófagos, que significa "comedores de bacterias".
Son unha opción prometedora para tratar infeccións graves causadas por bacterias resistentes aos antibióticos.
Como funcionan os fagos?
Recordemos que o virus dependen doutras células para poder sobrevivir, pois non son capaces de reproducirse por si mesmos.
Os fagos buscan unha bacteria concreta para infectar. Cando a atopan:
- Inxectan o seu material xenético dentro da bacteria.
- A bacteria comeza a fabricar novos fagos.
- A bacteria rebenta, e os novos fagos buscan máis bacterias para atacar.
Por que son útiles os fagos?
Os fagos son unha alternativa ao uso de antibióticos, especialmente cando as bacterias se fan resistentes.
Ademais:
- Actúan de forma moi precisa, atacando só a bacteria causante da infección.
- Non prexudican ás células humanas nin afectan á microbiota beneficiosa do noso corpo.
- Poden combinarse con antibióticos para facer as bacterias novamente sensibles a eles.
Vantaxes do uso de fagos
- Non afectan o corpo humano nin a microbiota boa.
- Son moi específicos e eliminan a bacteria causante da enfermidade.
- Multiplican a súa acción no organismo.
- Poden combinarse con antibióticos.
Inconvenientes do uso de fagos
- Especificidade excesiva: só atacan unha bacteria concreta, polo que hai que identificar con precisión a bacteria causante da infección.
- O sistema inmunitario humano pode recoñecer e atacar os fagos.
- Falta de estudos clínicos amplos: aínda se precisa máis investigación para garantir a súa seguridade e eficacia.
- Problemas de regulación: actualmente non están aprobados de forma xeneralizada.
- Conservación e produción: requiren métodos de almacenamento e produción complexos.
- Efectos imprevistos: a interacción dos fagos co microbioma humano aínda non se comprende completamente.
Desde cando coñecemos e empregamos os fagos?
O uso de fagos na terapia bacteriana comezou hai máis dun século, pero foi eclipsado polo éxito inicial dos antibióticos.
Con todo, debido ao problema crecente da resistencia bacteriana aos antibióticos, os fagos están volvendo captar o interese científico como unha opción prometedora.
En países como Xeorxia ou Rusia xa levan décadas empregando fagos para tratar infeccións bacterianas que non responden aos tratamentos convencionais.
A pesar do seu potencial, o tratamento con fagos aínda non está completamente regulamentado en Europa, polo que moitas veces só pode empregarse en pacientes mediante tratamentos compasivos, cando non existen alternativas convencionais.
Audio
Actividades de consolidación
Actividade 1. Prepárate para un debate nunha canle de televisión pública, onde se reflexionará sobre a seguinte cuestión: "Salvar vidas: antibióticos ou fagos"?
Escolle o teu bando de opinión. Que opción defenderás? Cales son os teus argumentos?
Cales cres que serán os arguentos do bando contrario? Como cres que os poden rebater?
Actividade 2. Creación dun cómic científico
Crea un pequeno cómic que narre a aventura dun fago "heroe" que loita contra unha bacteria resistente para salvar a saúde dun paciente ou dun ecosistema.
Actividade 3. Deseño dunha campaña informativa
Crear un vídeo para unha campaña escolar que informe sobre:
A importancia do uso responsable de antibióticos.
Como funciona a terapia con fagos.
A estratexia One Health para coidar a saúde global.
Actividade 4. Elabora un breve podcast no cal presentas un novo avance científico que emprega fagos para eliminar unha bacteria superresistente. Explica a situación actual e o problema con este tipo de bacteria, a importancia do uso de antibióticos, como funcionan os fagos, etc.