Saltar navegación

Ampliación. O cannabis

HospiVital. Contextualización

Ilustración dun equipo médico tomando decisións

Como parte da túa formación no HospiVital, estás a facer rotacións por diferentes departamentos do hospital.

Durante a túa estancia, descubrirás como afectan certas substancias ao corpo e á mente, e aprenderás a informar e axudar a quen o precise.

Hoxe toca aprender sobre o cannabis, unha das drogas máis consumidas entre mozos/as.

Como afecta á saúde?

Que mitos existen sobre o seu consumo?

Que lle dirías a unha persoa que cre que o cannabis non ten riscos?

Presta atención, porque todo o que aprendas será clave para responder ás preguntas e axudar aos teus futuros pacientes!

Audio

Elaboración propia coa ferramenta Narakeet (CC BY-SA)

O cannabis: o que debes saber

 Que é o cannabis?

Folla de cannabis sativa
Imaxe dunha folla de Cannabis
Wikimedia Commons. Hemp leaf (Dominio público)

O cannabis é unha planta chamada Cannabis sativa.

Das súas follas e flores obtense:

  • Marihuana (flores e follas secas trituradas).
  • Haxix (resina prensada das flores).

A súa substancia principal é o THC, que afecta o cerebro e pode cambiar a forma en que pensas e sentes.

Como entra no corpo e actúa?

  • Se fumas cannabis, o THC entra no sangue rápido e chega ao cerebro en poucos minutos.
  • Aínda que os efectos son inmediatos, o THC queda no corpo durante días porque se almacena na graxa.
  • Isto fai que, aínda despois de horas ou días, siga afectando como pensas e reaccionas.

Que efectos pode ter o cannabis?

  • Ao principio:
    Sensación de euforia (estar contento/a sen motivo).
    Ollos vermellos e aumento do apetito.
    Risa fácil e ganas de falar.
  • Despois:

Somnolencia (dáche sono e reaccionas máis lento).
Problemas para coordinar movementos.
Dificultades para concentrarte e lembrar cousas.
Percepción alterada (as cores, sons e distancias parecen diferentes).

  • Se fumas moito:

"Amarelo": baixada brusca de tensión con mareo, palidez, náuseas e vómitos.

 Ansiedade, pánico e incluso alucinacións.

Que pasa se consumes cannabis moitas veces?


O consumo habitual pode provocar:

❌ Problemas de saúde: afeccións nos pulmóns, no corazón e no sistema inmunitario (as defensas baixan).
❌ Dificultades para estudar e traballar: perda de memoria, problemas de aprendizaxe e baixas notas.
❌ Síndrome amotivacional: falta de ganas para facer cousas, apatía e tristeza.
❌ Problemas hormonais: en homes, espermatozoides máis lentos; en mulleres, alteracións na menstruación.
❌ Dependencia: querer consumir máis e sentir ansiedade ao deixalo.

Se xa tes problemas psicolóxicos (ansiedade, depresión, esquizofrenia), o cannabis pode empeoralos.

O cannabis pode ser perigoso?

Si, sobre todo en certas situacións:

Condución → O cannabis fai que reacciones máis lento, o que aumenta o risco de accidentes.

Problemas de saúde preexistentes → Se tes problemas respiratorios, cardíacos ou psicolóxicos, poden agravarse.

Falsos mitos sobre o cannabis 


❌ "O cannabis non crea adicción." → Si pode crear dependencia física e psicolóxica.
❌ "Axuda a concentrarse e estudar." → Dificulta a memoria e a aprendizaxe.
❌ "Non fai dano á saúde." → Pode afectar pulmóns, corazón, cerebro e defensas do corpo.
❌ "Se todo o mundo o fai, non pode ser malo." → Moita xente o consome porque hai unha presión social, pero iso non significa que sexa seguro.

Como dicir NON ao cannabis?

Se alguén che ofrece, podes responder de maneira firme:


✔ "Non me interesa."
✔ "Prefiro estar ben e controlar o que fago."
✔ "Non quero ter problemas de saúde nin legais."
✔ "Non me gusta que me presionen a facer algo que non quero."

Ser diferente non é malo. O importante é que sexas libre de decidir!

Que podo facer para divertirme sen consumir drogas?

Hai moitas formas de pasalo ben sen cannabis:
Fai deporte (fútbol, baloncesto, ximnasio...).
Ler ou escoitar música.
Participar en actividades culturais (teatro, pintura, baile...).
Pasar tempo con amigos/as que non consuman.
Aprender cousas novas (idiomas, tocar un instrumento...).

 O cannabis non é a única forma de relaxarse nin de pasalo ben. Hai alternativas moito mellores!

Como tomar boas decisións?

Para decidir que facer na túa vida, pensa nisto:

  • Que é o mellor para a túa saúde?
  • Que valores queres seguir? (Liberdade, amizade, esforzo...)
  • Que obxectivos tes para o teu futuro?

Se te sentes presionado/a ou tes dúbidas, fala cunha persoa de confianza (familia, profesorado, especialista en saúde).

Para saber mais ...

Neste enlace podes atopar consellos para reducir riscos se eres consumidor/a, e tamén consellos e axuda se queres abandonar este hábito. Fonte: Programa USaludable da Universidade de Salamanca. 

Repasa e consolida os teus coñecementos sobre o cannabis

Pregunta

Que é o cannabis?

Respostas

Unha planta medicinal sen efectos secundarios.

Unha planta da que se extraen sustancias como o haxix e a marihuana.

Unha vitamina natural que mellora a concentración.

Pregunta

Que sustancia fai que o cannabis teña efectos no cerebro?

Respostas

O azucre.

O THC.

A cafeína

Pregunta

Como se pode consumir o cannabis?

Respostas

Só en infusións.

En forma de pastillas.

Fumado, en cigarros ou porros.

Pregunta

Cales son algúns efectos inmediatos de fumar cannabis?

Respostas

Sensación de risa fácil, ollos vermellos e aumento do apetito.

Unha forza e enerxía extraordinarias.

Mellora da memoria e da concentración.

Pregunta

Cales poden ser os efectos do seu consumo prolongado?

Respostas

O sistema inmunitario debilítase. 

Problemas respiratorios, alteracións da memoria e falta de motivación.

Maior capacidade para resolver problemas matemáticos.

Pregunta

Que significa que o cannabis pode causar dependencia?

Respostas

Que unha persoa pode necesitar consumir cada vez máis para sentir o mesmo efecto.

Que só afecta ás persoas maiores de 30 anos.

Que os seus efectos depende do tipo de planta da que se extrae. 

Pregunta

Que pode pasar se alguén fuma cannabis antes de conducir?

Respostas

Non pasa nada, porque o cannabis non afecta á conducción.

Pode sufrir un accidente porque diminúe a concentración e os reflexos.

Aumenta a velocidade de reacción e mellora a visión.

Pregunta

Que ocorre co THC despois de consumir cannabis?

Respostas

Absórbese rapidamente e desaparece en poucas horas.

Non se almacena no organismo.

Acumúlase no corpo e pode permanecer durante días.

Pregunta

Por que algúns mozos/as cren que o cannabis non é perigoso?

Respostas

Porque algúns grupos sociais promoven mitos sobre a súa inocuidade.

Porque está recomendado polos médicos para todas as persoas.

Porque os anuncios na televisión din que é seguro.

Pregunta

Como pode afectar o cannabis á saúde mental?

Respostas

Pode causar ansiedade, depresión e incluso brotes psicóticos en persoas predispostas.

Mellora o estado de ánimo e axuda a superar os problemas sen efectos negativos.

Non ten ningún efecto sobre a mente nin as emocións.

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)