A forma é un aspecto fundamental no deseño. Está moi ligada á función do obxecto. Na Unidade 2 vimos como forma e función son conceptos dificilmente separables. O desenvolvemento dun produto require na actualidade, non só atender á súa función, senón tamén as súas características formais, simbólicas e culturais.
Dende a Revolución Industrial xurdiron diferentes escolas ou correntes que defenden en maior ou menor medida un dos aspectos anteriores, pero, en xeral, existe unha tendencia a buscar solucións nas que convivan función e forma. Habitualmente distínguense tres grandes tendencias históricas segundo a importancia outorgada a cada unha delas:
Funcionalismo: tendencia que lle dá máis importancia á función, a súa dimensión pragmática, que ao deseño. Podemos atopala en Vitruvio no século I a.d.c, ou no movemento Arts & Crafts no XIX, e será moi popular no século XX a partir das formulacións do arquitecto estadounidense Louis Sullivan -é moi coñecida a súa expresión "a forma segue a función".
Máis tarde o funcionalismo foi adoitando principios racionalistas e experimentando con materiais elixidos non só pola súa practicidade senón tamén por razóns estéticas. A Bauhaus, con arquitectos como Mies van der Rohe ou Le Corbusier, ou o estilo internacional son exemplos desta tendencia.
Formalismo: tendencia na que prima o valor da forma e da súa estética. O deseño céntrase no seu valor xeométrico ou formal deixando nun segundo lugar os principios funcionais e simbólicos. A forma xa non segue a función, senón que é o centro do deseño.
Dentro desta tendencia, máis minoritaria no deseño, destaca o grupo Memphis creado en 1980. O deseñador italiano Ettore Sottsass foi un dos seus máis celebres fundadores, integrándose con arquitectos e deseñadores xaponeses, estadounidenses e tamén españois, como Javier Mariscal.
Memphis ía en contra dos postulados do funcionalismo e quería crear un novo tipo de deseño no que o importante eran as cores, as texturas e o ornamental.O grupo só durou oito anos pero crearon deseños que aínda hoxe son obxectos de culto e que influirían no deseño postmoderno.
Estilismo ou Styling: tendencia que dá máis importancia aos valores simbólicos de luxo,nivel social e modernidade que pode representar o produto. Xorde despois da crise do Crack do 20 en EE UU como unha necesidade de estimular a demanda de produtos.
Nesta tendencia emprégase unha estratexia de exaltación do aspecto formal do produto para reforzar o seu valor simbólico. É dicir, crear produtos máis atractivos e fermosos exteriormente sen modificar as súas propiedades funcionais ou de calidade.
O tamaño do produto está condicionado ao uso que vai ter. Como a maioría do proceso industrial está dirixido a obxectos para os seres humanos, o seu deseño adáptase a nós.
Hai una relación directa entre o peso e o tamaño.
Estrutura
Os obxectos teñen que poden sosterse ou autososterse. Podemos distinguir varios tipos de estruturas:
As estruturas autoportantes. Ex. : paraugas.
Estruturas interiores ou esqueléticas Ex.: sillón
Estruturas exteriores ou de caixa. Ex. : televisión