Un conto. Un poema-canción.
A vaquiña Petra

Lendo o conto
ERA UNHA VEZ QUE ERA...A vaquiña Petra.
Era unha vez unha vaquiña que se chamaba Petra. Tiña uns ollos grandes a amendoados, cunhas pestanas longas que facían que o seu ollar namorase a todo aquel que se tomase o tempo de mirar para ela. Xa sabemos que non se fai moito caso das vacas e que á xente todas lle parecen iguais. Pero Petra, igual que as súas irmás, tiña unha personalidade única. A ver, todos os animais teñen as súas cousas, as súas manías e os seus talentos. Pero Petra tiña algo especial.

Xa de pequena, cando aínda mamaba da nai, daba uns saltos moi artísticos e dicía que quería ser ximnasta.
_Petriña, as vacas non facemos ximnasia_ dicíalle moi doce a súa nai_ como moito, camiñamos e corremos cando nos pica a mosca.
-Eu quero ser ximnasta!_ berraba Petra dende o fondo do prado onde facía as súas voltas e reviravoltas. E había que recoñecer que tiña a súa graza ver esa terneiriña a brincar e saltar, e ata facía piruetas que se non o vías, non o crías. E mentres, cantaba a pleno pulmón:
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
A vaca ximnasta de fama mundial.
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
Pasando o tempo, Petra deu en dicir que quería ser modelo. Botaba os días a poñerse bonita, con flores detrás das orellas, e a cola ben peiteadiña, que ela arranxaba ás mil marabillas cuns toxos que alí había. Despois, camiñaba co fuciño en alto e os ollos entrepechados, así, orgullosa. Unha patiña adiante, outra despois, cun paso moi calculado e elegante. Nunca corría, por non se despeitear. E mentres, cantaba a pleno pulmón:

Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
A vaca modelo de fama mundial
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
_Hai que ver que demo de rapaza!_ murmuraba a súa nai falando cunha compañeira galiña. _É que non sei que vai ser dela se non se pon seria.
_Déixaa, muller!_ respondía a galiña. _Xa lle abondará o tempo para poñerse seria e profesional. Que lle queres? A xente nova agora éche así.
Pero nada máis lonxe da intención de Petra. Cada noite a súa determinación era máis forte. Ela non quería ser unha vaca calquera dedicada a pastar e dar leite. Non, señora! E adormecía ao son dos grilos e soñando cun futuro de fama e aventura.
Cando xa se fixo algo máis grandiña, case tan boa moza como a súa nai, un día entrou toda seria na corte onde estaba e díxolle:

_Mamá. Xa sei o que quero ser. Nin ximnasta, nin modelo, nin nada de nada diso todo que che fun dicindo. Quero ser pintora!
_E quen te vai deixar pintar a súa casa co grande que ti es? Valo estragar todo!_ contestou a nai.
_Mamá. Non entendes. Eu quero ser pintora das de arte, das que pintan cadros e expoñen nas galerías e nos museos.
_Pois si que temos lío agora. Pero, Petriña, onde se viu semellante cousa?
_Mamá, ti espera e verás. Ten fe en min_ dixo Petra saíndo pola porta moi decidida mentres cantaba a pleno pulmón:
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
A vaca pintora de fama mundial
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
Como era inverno, atopaba facilmente cachiños de carbón cos que comezou a dar os seus primeiros trazos. Debuxaba o que vía ao seu arredor: os animais, as árbores, o sol… E pouco a pouco foi collendo máis maña. Os animais que alí vivían, achegábanse marabillados porque nunca viran un debuxo. Non sabían nin o que era. Para eles existían as cousas e os animais, e xa está. E ver as cousas así pintadas, deixábaos coa boca aberta de medio metro. A nai de Petra pensou que seguro que tamén esta febre lle pasaría e que entraría en razón e non facía moito caso dela.
Coa chegada da primavera o mundo encheuse de cor e xa Petra non estaba contenta con pintar só coa cor negra. Quería facer cadros con todas as cores que vía: azul e todos os azuis, verde e todos os verdes, laranxa e todos os laranxas. E vermello, moito vermello! O vermello tiña algo especial!

Axudada polos seus amigos, foi collendo herbas e flores coas que facer as cores e plumas coas que pintar e así abriuse para ela un novo mundo.
Rañaba un corno, rañaba o outro…Non porque lle picasen, senón por se concentrar mellor. Miraba o que ía pintar e, tal cal. Era cuspidiño; exacto como era, así ela o pintaba. Fose unha flor ou unha mazá ou un rabo de ovella. E cada vez máis animaliños se achegaban a admirar a súa obra. De tal xeito que decidiu facer unha exposición dos seus cadros para que quen quixera, puidese vir a miralos. E así foi. As paredes das cortes estaban cheíñas de cadros. Que xa non collía un máis.
Pero Petra non estaba contenta. Comezaba a sentir unhas cóxegas no seu interior que non se calmaban nin con pintar nin con correr nin nada de nada.
_Que che pasa, Petra? Parece que tés o formiguillo_ dicíanlle. E ela, calaba.
Unha mañá decidiu que xa pintara todo o que podía ver arredor dela e que o que precisaba era saír ao mundo para coñecer novas paisaxes e xentes.

Aínda que a súa nai tentou convencela de quedar, non houbo maneira, e Petra botouse ao camiño. Din que ía cantando:
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
A vaca pintora de fama mundial
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
E camiñou tanto tanto que ela pensaba que xa dera a volta ao mundo todo. E cansa de tanta novidade e camiño, deitouse ao pé dun salgueiro para botar unha soneca.
_Quen anda aí?_ dixo unha voz coma un trono.
Petra, sobresaltada, dun chimpo púxose de pé nas súas catro patas. Miraba cara un lado e, nada. Cara o outro, e nada tampouco. Non había ninguén. “Bo, será o cansanzo, ou igual o soñei” pensou ela botándose de novo a durmir.
_Quen anda aí?_ sentiu desta vez máis forte. E sen saber por que, mirou cara arriba e si, agora viu nunha póla un ser marabilloso e raro. Este animal non o coñecía pero era tan bonito que non podía deixar de miralo. A súa voz tan forte non casaba co seu corpo tan delicado nin co sorriso tan doce que tiña.

_Perdoe que a moleste, señora…Non sei o seu nome.
_Podes chamarme Rigo, aínda que eu son de nome Rigoberta.
_E vostede é un paxaro?
_Non, un paxaro, di ela hahaha_ riu Rigoberta.
_ Entón vostede é un cabaliño do demo?
_Non, Petra. Eu non son nada do que ti podes coñecer porque eu pertenzo a outro mundo.
Petra quedou moi sorprendida de que soubese o seu nome e o ser, quero dicir, Rigo, ollouna con moita dozura e dixo:
_Petra, sei por que estás aquí. Telo todo e non estás satisfeita. Es unha artista e a túa arte tampouco che calma a fame que tes.
Petra, calada, ía abrindo a boca cada vez máis e os ollos, que xa tiña como pratos. Porque cando Rigo se achegou a ela, baixando da árbore, estaba rodeada dunha luz tan bonita como nunca vira. Máis bonita que o amencer. Máis bonita que o brillo da auga co sol.
_Eu, Petra, pódote axudar. Ven comigo. E Rigo pousouse entre os cornos de Petra e ao ouvido íalle dicindo cara onde tiña que camiñar. Pasaron vales e montes, cruzaron ríos e veigas, subiron outeiros e correron as corredoiras todas. E Rigo íalle ensinando a Petra a ver todo dun xeito novo.
Cando remataron a súa xornada, Petra, cansa, deitouse a durmir con todas aqueles cores novas detrás dos seus ollos.
Ao día seguinte, Petra despertou debaixo da árbore na que coñecera a Rigo. Na mesmiña árbore. Pero ela xa non era a mesma. Ela tiña un feixe de formas e cores e melodías que quería pintar. Porque dende aquel encontro máxico, Petra pintaba música! Si, si, música!
Na noite soñaba e no día pintaba o que soñara. E cando os animais viñan mirar os seus cadros, sentían unhas melodías marabillosas, máxicas, tan fermosas que eran imposibles de esquecer.

E entón, Petra comprendeu. Achegouse á súa nai e…
_Mamá, eu quero ser música!_ e saíu da corte bailando e cantando a pleno pulmón:
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
A vaca artista de fama mundial
Eu son Peeetra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
E así foi como unha vaquiña chea de varios talentos, deu con aquel que a facía feliz. E cada sábado montaba unhas festas musicais de moita sona e todos os animaliños viñan cantar e bailar e tocar instrumentos dende moi lonxe. E tanto foi así, que montaron unha orquestra estupenda.
De Rigo nunca nada máis soubo. Pero din que cando Petra soña coas súas cores e as súas melodías, entre os cornos reluce unha luz fermosísima que despois lle sae polo ollar cando ela canta.
Lendo o poema
Eu son Petra, Petra, Petriña. A vaca ximnasta de fama mundial. Eu son Petra, Petra, Petriña. Coma min non hai outra igual!
Pero a miña mamá dime que vaia pastar. Que teño que medrar e moi bo leite dar. |
![]() |
Eu son Petra, Petra, Petriña.
A vaca modelo de fama mundial
Eu son Petra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
Moi ben peiteada,
tan bonita serei.
E na pasarela
fama collerei.
Eu son Petra, Petra, Petriña.
A vaca pintora de fama mundial
Eu son Petra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
Das cores namorada
comecei a soñar.
E moi inspirada
boteime a pintar.
Eu son Petra, Petra, Petriña.
A vaca artista de fama mundial
Eu son Petra, Petra, Petriña.
Coma min non hai outra igual!
Baila, baila comigo
baila sen parar.
Que a festa remata
só co alborexar.
Lembra que tamén é canción! Busca no apartado "Poesía e música" e poderás ver o pentagrama e escoitar a melodía.