
Antes de escoller actividades deste apartado, convén mirar as actividades preliminares que veñen no apartado anterior de "Dinámica de aula". Logo, en función do perfil da clase, as súas preferencias e necesidades, podemos desenvolver algunha destas actividades ou todas elas. É moi posible que isto nos leve a realizar de novo escoitas parciais ou completas do conto, como xa indicamos no apartado anterior sobre dinámica de aula.
Recomendamos documentar en vídeo e/ou audio as actividades para que logo teñas máis material para a actividade final.
Teatriño
A aprendizaxe en movemento é interesante porque nos permite variar o estilo de aprendizaxe e de paso, propor unha actividade de corte lúdico e creativo.
Repartimos os papeis en colaboración co alumnado. O resto fará de público. Hai máis contos! Non hai por que discutir se todos queren participar. Tampouco nos preocupa que o resultado sexa perfecto. Practicamos simplemente unha forma de aprendizaxe en movemento. Preparamos as escenas. Podemos preparar tamén algún complemento a modo de atrezzo, en particular, podemos confeccionar sinxelas caretas cos animais do conto ou ben con pintura de cara, facer un sinxelo patrón de cor que indique de que personaxe se trata. Lanzamos o audio e, axudados por indicacións do/da ensinante, comeza o xogo.
É importante descargar ao alumnado da ansia dun resultado correcto. O que buscamos é que participen con interese e se divirtan. Isto axudará a que comprendan o comportamento dos personaxes.
Finalmente, podemos propor ao público que reflexione de novo (agora que viron as accións e non so as escoitaron) sobre os aspectos máis relevantes do conto.
Non esquezas gravalo en vídeo!
Bailamos e cantamos
No apartado "Poesía e música" está o pentagrama e máis un audio que te pode axudar a que aprendan a canción de Salva peito de lobo.
Inspirados pola escenificación da actividade anterior, podemos inventar en colaboración co noso alumnado unha sinxela e descritiva coreografía para a canción mentras a van cantando. Grava todo para a actividade final. |
![]() |
Segunda escoita. Reflexionamos.
Podemos recurrir ao audioconto, que iremos parando segundo queiramos tratar certos temas, ou o/a ensinante pode lelo ao ritmo da clase. Se é posible, podemos convidar a un familiar (avó ou avoa, por exemplo) a que veña lerlles o conto. Deste xeito terán outro modelo oral. Ben podería ser un alumno ou alumna de cursos superiores quen realice esta segunda lectura, involucrando á escola na unidade didáctica.
Nesta segunda e nas sucesivas escoitas, se as houber, xa se pretende que o alumnado participe na narración repetindo as pasaxes suxeridas (ver as notas no exemplar do conto para ensinantes) e que aprendan a cantar a canción.
Estaría ben abordar os talentos que cada persoa pode ter, máis ou menos evidentes. Porque isto pode levarnos a dar valor a diferentes formas de intelixencia. Pode haber algún neno ou nena que pense que non ten ningún talento ou habilidade, porque tendemos a buscar ideas rechamantes. Pero alguén pode ter, por exemplo, intelixencia social e ser moi bo coas persoas, ou escoitando, ou mostrando empatía. Outro neno ou nena pode ser bo deportista, debuxante, etc. Outra pode ser boa cos animais. Alguén pode pensar que non é importante e estará na man da ou do ensinante facerlle ver que hai moitas formas de ser intelixente (e non só lendo e facendo contas) e que todas teñen valor. E que todas as persoas son importantes para unha sociedade, fagan o que fagan na vida. E se todos/as foramos futbolistas? Panadeiros? Médicos? Que entendan que cada quen contribúe á súa maneira. Tamén as persoas que desenvolven un traballo non pagado, coidando dos seus na casa. Profundaremos nisto na actividade dos talentos. E por suposto, todo iso dende un enfoque non sexista.
Aprendendo coas mans, ou cos pés...

Como nesta unidade, tratamos os diferentes talentos, non sabemos exactamente o que acabaremos facendo coas mans ou cos pés. O que propomos é que cada neno ou nena (ou cando menos, algúns) ensinen á clase e á ensinante a facer algo que a ese neno ou nena se lle dá ben. Pode ser un salto, pode ser un baile, unha canción, unha receita... Todo tamén, claro está, na medida en que sexa posible de realizar no colexio. No apartado anterior de seguro que xurdiron ideas do que se pode facer aquí.
En algúns centros de desenvolvemento rural (CDR), como o de O VIso, Lodoselo (Ourense), ensínaselle ao alumnado visitante o proceso do liño, o da la, e fan pan que cocen alí mesmo. Logo marchan co seu boliño para a casa. Ademais de poder escoitar historias contadas polas persoas anciás que alí viven. É o que eles ben chaman un "pobo escola". Na foto está a ligazón á súa páxina.
Non podo propor que fagades pan na aula, como se facía antes en todas as casas, que sería ideal. Pero quizais si se pode amasar nun recipiente, engadir auga, aceite e fermento. É moi bonito o proceso de ver levedar o pan: ver como medra; e a sensación de amasar nas mans é agradable para a maioría tamén. Podemos adaptar as cantidades para que cada neno/a non manexe unha masa moi grande.
Moi sinxelo é o pan na tixola, que non leva nin fermento:
-2 cuncas de fariña de trigo (ollo coas posibles alerxias ao glute)
-3 culleradas sopeiras de aceite de oliva
-1 cullerada (das de café) de sal
-auga, a que admita para que sexa unha masa que non se pegue aos dedos pero que se poida amasar, que non quede tampouco dura de máis. Podes comezar con 3/4 de cunca (a mesma coa que mediches a fariña). E vas engadindo segundo a masa vaia pedindo. Sempre se pode rectificar engadindo algo máis de fariña. Depende moito da calidade da fariña. A fariña autóctona galega moída en muíño de pedra sempre pide máis auga.
Déixase media hora tapada no recipiente e logo hai que facer boliñas con esa masa. Isto é moi divertido para os nenos e nenas. Esas boliñas lévanas para a casa se non hai posibilidade de facer o pan na escola. Só hai que enfariñar unha superficie e sobre ela, estender cun rodete enfariñado (ou cunha botella) as boliñas ata que sexan máis finas, como filloas gordas. Iso vai á tixola. Primeiro a lume alto e logo posiblemente, a lume medio ou baixo, dependendo da cociña. Comezarán a inchar. Dáselles a volta atendendo a que non se queimen. Están boas de calquera maneira: con salgado, con doce...Co caldo...
Investigamos
![]() |
Nesta unidade traballaremos varios núcleos: os animais da nosa contorna; as profesións e habilidades (do alumnado e dos parentes), e as tradicións antigas. Tamén deben estar presentes en todo momento os conceptos de ecoloxía e de protección do medio ambiente e da vida rural. E o concepto de ecosistema, entendendo que todas e todos formamos un ecosistema sostible, xunto con eses animais e xunto co medio natural ou urbano que nos rodea. E este medio pode ser máis ou menos habitable. Pode sufrir unha serie de problemas para os cales o noso alumnado podería pensar solucións creativas. Neste sentido o pedagogo italiano Tonucci presenta ideas revolucionarias e ao mesmo tempo, sinxelas. Por que non propor ao noso alumnado cal sería para eles a maneira de facer a cidade máis bonita, máis sa e divertida? |
E no medio rural, que falta? Como pode ser mellorable para a infancia? Non esquezamos gravar todo en vídeo, mesmo os debuxos (se os hai) que das súas ideas poidan facer. O medio-ambiente tamén inclúe as nosas cidades. Procuraremos que a fase investigadora se cinga ao noso medio, onde está a nosa escola. Que animais habitan aí: poden ser animais de granxa, poden ser animais de compañía. O caso é aprender un pouco máis sobre eses animais que coñecemos ou pensamos coñecer. Cal é a súa orixe? Que razas hai? Cales son os seus puntos fortes? Teñen nome? Por que teñen ese nome? |
![]() Premendo na foto podes ver un pequeno vídeo para coñecer a Tonucci. Nel fala da escola. |
Pequenas mans artistas

Arte galega é un concepto amplo de máis para ser abordado en profundidade. A idade do alumnado e os seus intereses tamén nos orientan na escolla das actividades artísticas, ou centradas na arte galega, que podemos desenvolver coa clase.
De feito, non se pretende proporcionar unha lista de nomes, senón favorecer unha sensibilización cara a arte abstracta e que xermole o aprecio por esta parte da cultura propia. Preme na foto e irás ao Centro de arte contemporánea de Galicia en Santiago: CGAC.
Ademais disto, debemos procurar que en todos os contidos que escollamos, estean presentes as producións artísticas das mulleres.
Tampouco hai espazo para tocar todas as épocas e estilos artísticos. Poderiamos propor algunha mostra dos e das artistas da primeira parte do século XX e logo artistas máis contemporáneos. En escultura, en pintura e na música. Coidemos na música de non caer en reducionismos pola curta idade do alumnado. Poden apreciar calquera tipo de música.
O que pode cumprir os obxectivos anteriores é facer un achegamento máis intuitivo á arte. Por exemplo: "Pintamos a música?". Deixar que soen distintas músicas e que pinten coas mans ou con pinceis o que lles dite o corazón. Convén facer un exercicio de relaxación (respiración) ou concentración previamente para atopar o correcto nivel de enerxía da clase.
É aconsellable aproveitar as posibilidades que ofrece a nosa comarca: hai alguén que se dedique á olería? Algún pintor ou pintora? Algunha persoa que sexa música que nos queira recibir ou vir á escola? Un primeiro contacto podería levar a un obradoiro inesquecible para o noso alumnado. O importante é conectar no posible a nosa clase ao territorio no que está.
Dentro de min...
Dentro de min hai...unha médica, un agricultor, un viaxeiro, unha artista como Petra!
![]() |
Con esta indicación xa se pode entender a actividade. Como desenvolvela? Sería bonito facer participar as familias do noso alumnado. Que pregunten na casa cal era a idea de futuro que tiñan os seus familiares, en que querían traballar de maiores cando eran pequenos, pequenas. E a que se adican agora. Como é o seu traballo? Como xa indicamos noutro apartado desta unidade, o traballo non remunerado é fundamental para a supervivencia e calidade de vida de moitas familias: valoremos esa persoa que nos coida aínda que ninguén lle pague nada porque a nosa sociedade aínda non deu ese paso. Convidemos logo aos familiares a un encontro informal, con petiscos que poden traer entre todos, para parolar coa clase sobre os seus respectivos traballos, afeccións... Pode haber unha persoa que sexa mecánico/a de coches e que teña a paixón de tocar a guitarra, por exemplo. Coñezamos esas outras facetas tamén. |
Actividade final
Nesta unidade de contidos tan variados, deseñar unha actividade final que recolla varios aspectos e contidos tratados, pode ser complexo. Como xa convidamos as familias a participar coa actividade "Dentro de min hai...", se queremos podemos aproveitar esa ocasión para presentarlles a nosa actividade final. Sendo Petra unha artista polifacética, non podía ser outra que unha exposición con música en directo. Pero non queremos esquecer a parte de contido etnográfico desta unidade, polo que a proposta é a seguinte:
Unha "multiexposición". Para a parte etnográfica, recollerán nas casas obxectos do pasado: obxectos dun pasado rural pero tamén, por que non, vella tecnoloxía do século XX (pantallas antigas de PC, vellos teléfonos, máquinas de escribir, libros de texto dos avós...etc.). E se é posible, que durante a visita dos parentes, estes nos conten para que se usaban, ou algunha anécdota relacionada cos mesmos. |
![]() |
Durante a recollida previa dos obxectos, estas pequenas explicacións dos parentes poden gravarse en vídeo e pasar a formar parte do material audiovisual da nosa exposición final.
Para a parte artística, reservaremos as paredes do espazo onde se monte a exposición etnográfica. Enchémolas de cor coas obras de arte do noso alumnado.
Como organizalo? Cando teñamos a nosa exposición montada, o alumnado entregará un convite en forma de postal artística cun debuxo propio de cada alumno/a. Chegado o momento, crearemos un ambiente acolledor con luz indirecta e recibiremos as familias con música en directo, que ben podería ser a canción da vaquiña Petra interpretada pola clase. Ou algunha das outras cancións de "Contiños para despertar versos".
No espazo convén que haxa a posibilidade de proxectar o vídeo cos contidos audiovisuais que fomos recollendo. Non é preciso facer unha montaxe sofisticada pero pode quedar bonito poñer algún título no inicio e o nome das persoas que participan. Se non é posible usar unha pantalla, recorreremos aos códigos Qr. Aquí tes un enlace a un xerador de códigos Qr.
Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os audio ou vídeo neste mural). Primeiro debemos aloxar eses arquivos de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada vídeo seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do nome do vídeo ou unha imaxe identificativa do mesmo. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os Qr e asignalos mal.
Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os audio ou vídeo neste mural). Primeiro debemos aloxar eses arquivos de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada vídeo seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do nome do vídeo ou unha imaxe identificativa do mesmo. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os Qr e asignalos mal.
Unha árbore senlleira é unha árbore que destaca ben pola súa idade ou tamaño, ben por outras características, como a súa significación histórica, científica, etc.Cando se lle concede esta categoría, garántase a súa protección e o seu valor cultural.
No conto "A pedra Criticricrí" hai unha actividade na que se traballa isto.