Saltar navegación

Dinámica de aula

Mestra con nenos e nenas da man
Pixabay. Mestra (CC0)

Comezamos

Propomos realizar varias lecturas/escoitas do conto. En cada escoita ou lectura podemos ir variando as actividades, aprendendo o novo léxico e profundando nos significados do conto. Deste xeito poden acceder a máis niveis de comprensión e aprender as palabras importantes.

Intentemos manter presente a intención de divertir e entreter que teñen o audioconto e a canción. O cal non impide que profundemos e traballemos diferentes aspectos da nosa programación mediante esta unidade didáctica que espero che resulte amena e útil. A que segue é a dinámica recomendada.

Antes da escoita

Actividade preparatoria para a primeira lectura/escoita

Sempre, antes de realizar unha primeira escoita, deberá haber unha actividade preparatoria.

Coñecer o léxico novo, formar unha imaxe mental dos animais que protagonizan o conto, pode axudar enormemente á comprensión do mesmo e a empatizar cos personaxes. Asegurémonos de que coñecen as palabras, que traballarán posteriormente mediante os xogos desta unidade.

Paisaxe con vacas pardas
Pixabay. Vacas (CC0)

Podería pensarse que todos os nenos e nenas coñecen os animais ligados á vida do ser humano. Se a escola está no medio rural, é ben posible que teñen contacto directo con estes animais. Non será así probablemente, se a escola é urbana. Procuraremos achegarnos a estes animais con respecto e cariño e non só baixo a perspectiva de estaren ao servizo das persoas. Senón como parte dun mesmo ecosistema ao que pertencemos todos e todas e que depende do noso comportamento para sobrevivir. 

Particularmente complicada é a situación de abandono do mundo rural en Galicia. Se a escola está neste medio, é case seguro que coñezan a situación de primeira man. Buscaremos que comprendan a importancia do medio rural e que o perciban como un lugar onde pode haber calidade de vida en contacto coa natureza. Se a escola é urbana, tamén é importante que entendan que hai que protexer a natureza e o medio rural e buscaremos que aprendan a desfrutar del, como xa se procurou noutros contos de "Contiños para despertar versos" máis centrados na fauna salvaxe galega.

Busquemos información sobre posibles lugares que visitar co alumnado. Isto dependerá moito do anteriormente dito: os intereses do alumnado son diferentes segundo o medio que lles sexa máis familiar. Para un neno ou nena de aldea coñecer unha ovella non ten maior encanto, pero pode ser fascinante para alguén de cidade. En función disto, programaremos as nosas saídas didácticas. O que si é interesante para todo o alumnado é coñecer as iniciativas de desenvolvemento do medio rural que está habendo en Galicia. Falaremos dalgunha nas actividades.  E por suposto, paga a pena coñecer os museos etnográficos que nos conectan co noso pasado e con tradicións que se están perdendo.

Nas actividades hai algunhas ligazóns para obter información.

Primeiras escoitas

Foto dunha tenreira con ollos moi grandes
Pixabay. Ollos (CC0)

Escoitamos de corrido o audioconto sen detelo para dar explicacións. Haberá ocasión para iso despois ou ben durante unha segunda escoita se o consideramos necesario. 

Unha segunda escoita pode darse no mesmo día pero é mellor realizala un día distinto. Podemos comezar esta segunda escoita tentando lembrar algúns aspectos do conto: que lembras do que sucedeu? A que quería adicarse primeiro Petra de maior? E en segundo lugar? E por fin, ao final do conto, a que decide que quere adicarse? Que é o que lle contesta a súa mamá? Que pensan o resto dos animais? Con quen se encontra no bosque? De que ser máxico pode tratarse? Isto é o que chamamos unha actividade de escoita recapituladora e é útil tamén para exercitar a memoria. 

A vaquiña da foto pode levarte a unha páxina moi interesante: a páxina oficial dos museos de Galicia. Entre estes, destacamos para ti os etnográficos, algún dos cales podería estar na vosa comarca. 

Posta en común

Variña de mago con estrelas
Pixabay. Maxia (CC0)

O obxectivo desta conversa coa clase é ver canto comprenderon do conto, que ensinanza extraen del, que emocións ou reflexións lles provocan. Aproveitamos para observar ata que punto son capaces de respectar as normas da conversa que lles propomos. Se vemos que lles é complicado, recurriremos ao pau máxico da fala ou ben ao gorro falador. Só quen o ten, pode falar. E non vale agarralo con mans e pés!

Deixamos que o alumnado comparta as súas sensacións e ideas en voz alta, axudando así á comprensión daqueles nenos ou nenas que puideron distraerse en algún punto e perder parte do contido. É posible que este conto provoque moita conversa, porque tamén o alumnado pode ter vocación de adicarse a algo concreto de maior. 

Deixa que o pau máxico te leve a ti e ao teu alumnado ao Museo do Pobo Galego. Pero hai outros moitos que pode que estean máis preto da escola para organizar unha visita. 



Tan importante é que toda a clase participe en algún momento, como evitar os posibles "monólogos" do alumnado máis participativo.

Este método chámase  REFLEXIÓN EN VOZ ALTA. É un recurso moi potente para explicitar microhabilidades co resto da clase de xeito que os demais as aprendan ou perfeccionen.

Os vellos oficios despertan moito interese. Pero tamén é bo que valoren as artes humildes. No conto de "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar" trabállase isto: as colchas, os teares, etc.

Pode ser interpretado de diversas maneiras: a musa artística, ou ben un ser extraordinario galego como os da unidade do conto "A pedra Cricriticrí".

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0