Saltar navegación

8.2. A arte grega e romana

A arte grega e romana

A arte clásica abarca as culturas de Grecia e Roma e perdura como pedra angular da civilización occidental. A arte clásica, que inclúe innovacións na pintura, a escultura, as artes decorativas e a arquitectura, persegue os ideais de beleza, harmonía e proporción, mesmo cando eses ideais cambian ao longo dos séculos. Aínda que a miúdo empregábase de forma propagandística, a figura humana e a experiencia humana do espazo e a súa relación cos deuses eran fundamentais na arte clásica.

Ao longo de case 1.200 anos, os ideais de beleza e proporción humana ocuparon o tema da arte. Adoptáronse posteriormente certas variacións deses ideais, por exemplo, durante o Renacemento en Italia e de novo durante a corrente neoclásica dos séculos XVIII e XIX en toda Europa. As artes clásicas entendidas como modelo de virtude moral e estabilidade foron máis tarde (século XX) atacadas polos artistas modernos, que buscaban outros tipos de ideais distintos aos tradicionais.

Características xerais

1. A forma humana idealizada pronto se converteu no tema máis nobre da arte en Grecia e foi a base dun estándar de beleza que dominou moitos séculos da arte occidental. O ideal grego de beleza fundamentábase nun canon de proporcións, baseado na proporción áurea e a relación de lonxitudes das partes do corpo entre si, que se seguía invariablemente nas representacións das figuras femeninas e masculinas.

2. Aínda que as proporcións ideais eran primordiais, a arte clásica esforzábase por lograr un maior realismo nas representacións anatómicas. Este realismo tamén chegou ao emocional e psicolóxico, que creaba tensións dramáticas e atraía ao espectador.

3. Os deseños dos templos gregos empezaron sendo sinxelos e evolucionaron ata converterse en estruturas moi complexas e ornamentadas. Os arquitectos posteriores trasladaron o deseño simétrico e o exterior con columnas a unha gran cantidade de edificios gobernamentais, educativos e relixiosos ao longo dos séculos para transmitir unha sensación de orde e estabilidade.

4. A maioría das obras estaban orixinalmente policromadas, pintadas con cores vivas. As estatuas de tamaño natural e os frisos enteiros dos templos estaban brillantemente pintadas con numerosas cores e decoracións.

Unha mostra da escultura grega: o doríforo de Policleto

Escultura en mármore branco dun varón, que no orixinal portaba unha lanza
Doríforo

Esta obra do escultor grego Policleto, coñécese como o Doríforo (portador da lanza), e representa a un guerreiro espido e musculoso. Mentres dá un paso adiante, a súa cabeza vira lixeiramente cara á dereita e a súa man esquerda tería preparada unha lanza que orixinalmente descansaba sobre o seu ombreiro esquerdo. O realismo anatómico da figura transmite unha sensación de movemento a través dunha complexa interacción de músculos tensos algúns e relaxados outros. Con case dous metros de altura, a obra transmite unha impoñente sensación de beleza heroica masculina, que pode prantar cara o que veña cunha calma desapasionada, como mostra o rostro serio pero inexpresivo.

O que se sabe do orixinal baséase na excepcional calidade das copias posteriores, incluída esta. Policleto pensaba que esta obra era un exemplo magnífico do seu Canon, un tratado de principios escultóricos baseado en proporcións matemáticas. Aínda que o seu tratado perdeuse, sobreviviron referencias a el en relatos posteriores, como o de Galeno, un escritor grego do século II, que escribiu que a súa "beleza consiste nas proporcións, non dos elementos, senón das partes, é dicir, de dedo a dedo, e de todos os dedos á palma e a boneca, e destas ao antebrazo, e do antebrazo á parte superior do brazo, e de todas as demais partes entre si".

O Doríforo representou durante moitos séculos o ideal masculino universal. Esta copia de mármore, atopada nun ximnasio de Pompeia, converteuse na obra máis admirada da República romana, da que os aristócratas romanos encargaron numerosas copias.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)