Saltar navegación

2.2. Expansión de Roma

Roma pasou de ser unha das moitas cidades-estado no 340 a.C. a ser a dona de toda a península no 264 a.C.

No 340 a.C., Roma entrou en conflito cos seus antigos aliados, os veciños latinos, e someteunos no 338 a.C. A partir do 326 a.C. Roma loitou contra os samnitas no leste, un conflito que continuaría esporadicamente ata a vitoria romana no 282 a.C.

Roma tamén librou batallas esporádicas con etruscos e galos ao norte durante este período. Dirixiu logo a súa atención aos gregos no sur de Italia, librando unha guerra co rei grego Pirro. Pirro gañou dúas grandes batallas contra os romanos en 280 e 279 a.C., pero sufriu tantas baixas nesas batallas que acabaría perdendo a guerra, o que deu lugar ao termo "vitoria pírrica".

 

Conquista romana de Italia (218 a.C.)
Conquista romana de Italia (218 a.C.)

Así pois, no ano 200 a.C., a República Romana tiña conquistado Italia e, nos dous séculos seguintes, Grecia e España, a costa norte de África, gran parte de Oriente Medio, a actual Francia e mesmo a remota illa de Gran Bretaña. No ano 27 a. C., a república converteuse nun imperio, que perdurou durante outros 400 anos. O Imperio Romano alcanzou o seu maior tamaño baixo o reinado de Traxano no ano 117 d.C.

Para facilitar a administración, este extensísimo territorio dividiuse en provincias. O número de provincias foi cambiando co tempo, a medida que se gañaban ou perdían territorios e que as provincias máis grandes dividíanse noutras máis pequenas. Baixo Traxano había 46, cifra que aumentaría a 96 no reinado de Diocleciano (285-305). En tempos de Traxano, as provincias do interior do país eran dirixidas por gobernadores elixidos polo Senado, un órgano lexislativo onde tiña o poder a aristocracia.

En cambio, as provincias fronteirizas eran dirixidas por gobernadores nomeados directamente polo emperador. Isto era unha medida de seguridade. As provincias fronteirizas necesitaban exércitos para defenderse das invasións, e aos emperadores preocupáballes que se estas tropas se poñían baixo o control de alguén que non fóra persoalmente leal ao emperador, esa persoa podería tentar facerse co poder e proclamarse emperador. Esta non era unha preocupación menor: os golpes de estado e as guerras civís eran un problema recorrente para o imperio.

Extensión do Imperio Romano
Extensión do Imperio Romano

Finalmente, os custos de manter unha área tan vasta foron demasiado elevados. Roma dividiuse gradualmente nas metades oriental e occidental, e no ano 476 a metade occidental do imperio foi destruída polas invasións das tribos xermánicas. A metade oriental do imperio, con sede en Constantinopla, continuou durante moitos séculos despois.

No seu apoxeo, cara ao ano 100, o Imperio Romano estendíase desde Gran Bretaña, no noroeste, ata Exipto, no sueste. O Mediterráneo era unha gran axuda para desprazarse: podíase chegar á maioría das localidades costeiras do Mediterráneo occidental en menos dunha semana, e mesmo ás cidades costeiras afastadas como Alexandría e Xerusalén podíase chegar en dúas semanas. Pero viaxar ao interior era máis difícil. Chegar aos puntos máis lonxe do imperio, como Gran Bretaña, podía levar preto dun mes. E, por suposto, ir dun extremo a outro do imperio podía levar aínda máis tempo. Os investigadores calculan que se tardaba sete semanas en viaxar desde Constantinopla, no extremo oriental do imperio, ata Londinium (Londres), no extremo occidental.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)