Metrópolis e colonias
Entre o 750 a.C. e o 550 a.C moitos gregos emigraron das súas cidades para fundar outras polis ao longo do Mar Negro e o Mediterráneo. Os gregos que marcharon e os que se quedaron sempre mantiveron o sentimento de pertenza ao pobo helénico (panhelenismo), aínda sendo completamente independentes da metrópole (cidade nai da que partiran).
Os historiadores falan de diversos factores que influíron nestas ondadas de colonizacións gregas: problemas sociais, como o exceso de poboación e o endebedamento dos agricultores, revoltas políticas que provocaban o desterro de cidadáns, ou mesmo outros factores como a expansión do comercio, da artesanía e a construción de factorías marítimas.
O procedemento habitual de fundación dunha colonia consistía no nomeamento dun oikistés ou fundador, que tiña que contar coa aprobación da vontade divina; para o que se consultaba ao oráculo (adiviño) habitual da cidade (o máis famoso era a pitonisa de Delfos). Desta forma, creábase un forte vínculo relixioso entre a metrópole e a futura colonia.
Eran habituais dúas clases de colonias: as colonias agrarias eran asentamentos de agricultores, que cultivaban os territorios adxacentes á colonia; as comerciais dedicábanse ao intercambio de bens non só coa Grecia continental, senón con outras cidades e pobos do Mediterráneo e Mar Negro (Véxase o mapa das colonizacións).