2.2.- Que?
Reflexión
Programar semella acotío unha labor escura e pertencente a un mundo pechado. Cando visualizamos o feito de programar, facémolo imaxinando a unha persoa especialista diante dun ordenador introducindo unha serie de inintelixibles códigos, con símbolos específicos e para propósitos descoñecidos.
Con todo, na unidade anterior xa aprendemos que non era así exactamente. Ou dito doutro xeito: nós tamén podemos programar. Pero o primeiro que necesitamos saber é: para que programamos?. A resposta é sinxela: programamos para resolver problemas. Calquera problema, cotián ou non, pódese analizar empregando a programación. E moitos deles se poderán solucionar coa informática.
O primeiro que debemos facer é identificar claramente o problema para, a continuación, plasmar e definir a súa solución.
O que deprenderemos nesta unidade é un método gráfico e intuitivo para plasmar os problemas e as posibles solucións que podemos darlle. Empregaremos un pequeno grupo de símbolos e unhas regras moi básicas para crear esta representación: O diagrama de fluxo ou fluxograma.
Veremos tamén os diagramas de fluxo que especificamente se empregan para a programación informática: os diagramas de fluxo de datos ou DFD
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0