Precoñecemento
Os diferentes tramos xeográficos polos que pasará o/a protagonista da nosa historia serán os seguintes, desprázate coas frechas polas diferentes etapas para amosar o contido, precisarás os datos para avanzar no traballo.
Tramo pirenáico
Tramo pirenáico
De Sant Jean Pied de Port a Puente la Reina (de 0 a 88 km apróx.)
Este primeiro tramo do Camiño en España caracterízase por un relevo montañoso. Atravesamos unha das principais cordilleiras peninsulares, os Pireneos. Despois de subir ata Roncesvalles o tramo será en descenso ata Puente la Reina, o punto no que se une o noso camiño co que ven dende Aragón.
Dende o punto de vista bioclimático atravesamos unha típica zona de montaña onde atoparemos frecuentemente bosques. Son especialmente interesantes os bosques de faias, aínda que tamén existen de piñeiro silvestre e mesmo dos abetos que podemos encontrar máis ao sur de Europa.
A paisaxe diste tramo presentanos un habitat bastante disperso con poboacións moi pequenas ou caseríos espallados pola montaña. En ambos casos a ocupación agrícola gandeira e forestal farase presente en cada recodo do camiño que atravesamos .
O clima do tramo anima a ir ben protexidos, sobre todo en inverno, da choiva e do frío. Estamos atravesando un clima de montaña polo que as temperaturas medias serán máis baixas e amplitude térmica entre o día e a noite pode ser importante.
Tramo Val do Ebro
Tramo Val do Ebro
De Puente la reina a S. Juan de Ortega (de 88 a 260 km apróx.)Como corresponde a un tramo polo val dun río, primeiro teremos unha zona de descenso (Puente la Reina ata Logroño) ata chegar ao río Ebro e despois unha de subida (Logroño ata San Juan de Ortega) cando atravesemos as estribacións do Sistema Ibérico.
Tratase dunha zona intensamente humanizada. Por tal motivo as formacións vexetais naturais serán escasas no noso percorrido pero serán as características dun bosque mediterráneo: carrascos, aulagas... Por iso o noso camiño vai transcorrer sobre todo entre campos de cultivo e un habitat concentrado en pequenas poboacións. Nas zonas más próximas ao río Ebro ou aos seus afluentes ( Najerilla, Oja...) atoparemos unha rica agricultura de regadío con froitas e hortalizas. Nas zonas de secano algo de ceral que cada vez mais está cedendo o posto a un monocultivo da vide. Non en vano atravesamos La Rioja, unha das principais zonas de producción de viño en España.
O clima será un clima claramente mediterraneo aínda que a distancia ao mar introduce algún rasgo continental como é unha amplitude térmica maior do habitual no Mediterraneo costeiro
Tramo Meseta
Terra de Campos
De San Juan de Ortega a Astorga (de 260 a 500 km apróx)
Unha vez cruzado polos Montes Oca o Sistema Ibérico afrontamos un tramo que dende o punto de vista do relevo é claramente unha chaira. Pero esta chaira atópase a unha altitude media arredor dos 800 metros polo que podemos concluir que estamos nunha meseta. Efectivamente, este tramo atravesa a Submeseta Norte da Península Ibérica, a que corresponde ao val do Douro ( rio este que non cruzaremos nunca pero sí os seus afluentes polo norte: Arlanza, Esla, Pisuerga, Porma, Órbigo)
A zona está poboada nun habitat concentrado de poboacións de pequeno tamaño rodeadas de grandes campos de cultivo de secano, especialmente cereal e nalgunhas zonas estase recuperando o cultivo da vide. Hai de todos xeitos dúas zonas neste tramo. A primeira parte, a partir de Burgos e ata a provincia de Leon corresponde a terras máis ricas que dan boas produccións do dito cereal. A segunda zona que atravesa a provincia de León son terras máis pobres, menos productivas. Ë o que se coñece como o Páramo leonés.
O clima que atravesaremos é característico do clima mediterraneo ( temperaturas medias, escasas precipitacións e seca no verán) pero modificado con claros rasgos continentais (temperaturas extremas entre día e noite, entre verán e inverno). A modo de chiste dise de moitas das cidades que atravesaremos neste tramo que só teñes dúas estacións, o inverno...e a do ferrocarril.
Tramo Bierzo
Tramo Bierzo
Astorga_ O Cebreiro (de 500 km a 600 km apróx)
Deixando atrás Astorga atravesamos os Montes de León e abandonamos a meseta. Entremos nunha paisaxe totalmente diferente. O relevo deixa de ser plano (atravesamos unha zona montañosa) e imos entrar nun grande val, o do río Sil. Esta rexión, en conxunto, é coñecida como O Bierzo. Como dixemos no tramo do Ebro o noso percorrido ten dúas partes claras: a primeira en descenso ata o Sil en Ponferrada e a segunda en ascenso dende o Sil ata o Cebreiro.
Fronte ao paisaxe da meseta entramos agora nunha zona máis verde, con abundantes zonas naturais pouco humanizadas cubertas de prados e bosques atlánticos : castiñeiros, carballos... O poboamento humano se distribúe en poboacións pequenas pero, en xeral, está concentrado. Outra cousa que nos vai chamar a atención é a cantidade de restos da actividade mineira da zona.
O clima é máis suave que o da meseta con características, en temperaturas, máis mediterráneas pero con precipitacións que se achegan ao modelo oceánico que atoparemos en Galicia. Estamos, pois, nunha clara zona de transición.
Tramo Galicia
Tramo Galicia
O Cebreiro- Santiago de Compostela (de 600 km a 772 apróx.)
O tramo galego do camiño francés a Santiago de Compostela reflexa ben o que significa atravesar un relevo de macizo. Neste caso estamos diante dunhas montañas bastante envellecidas polo que non atravesaremos relevos escarpados. Máis ben será un percorrido de constantes subidas e baixadas pero nunca en grandes desniveis nin a grande altura. Despois de todo estamos percorrendo un camiño que vai descendendo cara ao Atlántico.
Dende o punto de vista bioclimático este tramo é característico dos bosques atlánticos con especies como castiñeiros e carballos aos que se suman zonas de piñeiros e de repoboación de eucaliptos. Se a isto lle sumamos os prados de utilización gandeira e un habitat moi disperso con pequenas aldeas e lugares que ocupan boa parte do territorio, temos a paisaxe característica de Galicia. Ben é certo que a porcentaxe de paisaxe natural é máis pequeno conformo nos achegamos a Santiago onde a urbanización vai acadando niveis cada vez máis altos.