Saltar navegación

2.1.1 Sistema Windows XP: funcións e ventás

Antes de traballarmos con programas, cómpre familiarizármonos co sistema operativo. Estudaremos Windows XP, o máis estendido, sen prexuízo de aprender outros.

Funcións

O sistema operativo ten varias funcións: servir de interlocutor entre maquina e usuario, executar programas, organizar cartafoles e ficheiros, ou configurar o computador.

Poderemos recoñecer os elementos da pantalla, dispor a barra de tarefas ao noso gusto e personalizar o noso computador.

Ventás

O sistema Windows traballa con ventás, que poden ser de aplicación ou de documentos, e cadros de dialogo e de axuda.

  • Escritorio: ventá de arranque de Windows.

  • Apuntador: aspecto do rato na pantalla.

  • Aplicación: conxunto de programas que permiten a realización dunha tarefa (procesador de textos, folla de cálculo, base de datos, creación e deseño de presentacións, navegadores de internet, creación de sitios web, xestión de correo, etc.).

  • Cartafol: localización virtual en que se gardan ficheiros ou aplicacións.

  • Ficheiro: produto elaborado cunha aplicación, susceptible de ser gardado, modificado, enviado a outra localización ou a unha impresora, para o pasar a papel.

Cando accedamos ao escritorio, comparable a unha mesa de traballo onde disporemos dos elementos que utilizamos con máis frecuencia, teremos unha imaxe como esta:

 

Dentro do menú Iniciar, centro de operacións do sistema operativo, veremos as aplicacións máis usadas.

Ao despregarmos o menú Todos os programas,aparecen os programas que temos instalados, así como as ferramentas e os cartafoles que á súa vez teñen un menú despregable, premendo no triángulo final. Cando acedemos a unha ventá, veremos nela diferentes elementos que convén coñecer.

  • Barra de menús: contén as opcións do menú dispoñibles para a aplicación.
  • Barra de ferramentas: permite acceder con botóns ás opcións máis usadas.
  • Barra de título: amosa o nome da aplicación
  • Barras de desprazamento: permiten ver as partes do documento ocultas na pantalla.
  • Minimizar, maximizar, restaurar e pechar: funcións co documento aberto
 

 

 

Actividade resolta

Que é un sistema operativo? Para que serve?

Solución

O sistema operativo é un conxunto de programas que nos permiten a comunicación co computador, serven para realizar a execución de programas, para organizar a información en cartafoles e ficheiros e permiten configurar o computador.

 

Actividades propostas

S1. Acenda o computador; ao iniciarse o sistema operativo, presenta as contas de usuario que permiten o inicio da sesión a cada usuario do PC. Acceda á súa conta. Agora xa está no escritorio, que vén sendo como unha mesa, na que dispón de todo o necesario para traballar. Abra o menú Iniciar,que se atopa na barra de tarefas, e analice os programas que aparecen, comprobando para que serven os triángulos finais. Analice as iconas que aparecen.

 

 

 

 

A barra de tarefas está na parte de abaixo da pantalla e indica o que se atopa nela. Verá o botón Iniciar, aplicacións residentes, na parte dereita, aplicacións activas, se ten algún programa aberto, e barra de inicio rápido, coas ferramentas e as aplicacións máis usadas, ao lado do botón Iniciar.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0