Saltar navegación

5.2. O asubío final

Resumo do aprendido

Esquema que representa aos deportes colectivos, dentro deles os colectivos-alternativos, e cunha flecha se explican os elementos de ataque e defensa explicados no REA: conservación, progresión e finalización

Transcrición da infografía

A estas alturas, seguro que xa es quen de distinguir os deportes colectivos dos deportes de adversario ou individuais: os colectivos son todos aqueles nos que hai que formar equipos de varias persoas para poder xogar.

Dentro dos deportes de equipo (colectivos), podemos distinguir á súa vez entre deportes alternativos e deportes convencionais. Os alternativos son eses novos deportes que buscan modificar o regulamento tradicional para fomentar a igualdade e a participación, sendo moitas veces pouco coñecidos (como o twincon, o floorball ou o ultimate). Pola súa banda, os convencionais son esas disciplinas que practicamente todo o mundo coñece e que levan con nós moitos anos (o fútbol, o baloncesto, o rugby...).

Porén, tanto os deportes alternativos como os convencionais, polo feito de seren deportes de equipo, seguen unha serie de características comúns á hora de entender como se xogan. En todos eles podemos distinguir tres fases no xogo onde, en función de se es do equipo atacante ou do defensor, deberás realizar unha acción ou outra:

  • Situacións de conservación do móbil (ataque) ou recuperación (defensa).
  • Situacións de progresión e avance (ataque) ou temporalización (defensa).
  • Situacións de finalización (ataque) ou bloqueo da finalización (defensa).

Todas estas situacións, adaptadas á normativa específica de cada deporte, forman o ADN dos deportes colectivos, é dicir, son a súa esencia.

Lectura facilitada

Transcrición da infografía:

Xa sabes diferenciar deportes:

  • Colectivos.
  • Individuais.
  • De adversario.

Nos deportes de equipo hai dous tipos:

  • Alternativos: novos e pouco coñecidos.
  • Convencionais: coñecidos e antigos.

Todos teñen cousas en común, tres fases:

  • Conservar ou recuperar o móbil.
  • Avanzar ou parar.
  • Finalizar ou bloquear.

Estas situacións forman o ADN dos deportes colectivos.

É a súa esencia.

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Fase 5 superada de sobra! Misión cumprida!

Parabéns! Conseguiches descifrar e ensamblar todas as pezas do ADN dos deportes colectivos. Agora que coñeces e dominas o código, é o momento de facer un control de calidade final sobre todo o proceso de creación e responder por última vez a este diario de aprendizaxe. 

  • Escribe os dous aspectos que máis che gustaron de todo este reto e os dous que menos ou que che resultaron máis difíciles.
  • Se o ano que vén tiveses que volver traballar nestes contidos, que cambios farías? Explica que engadirías ou quitarías para que a experiencia de aprendizaxe fose aínda mellor.

Lectura facilitada

Fin da fase 5!

Xa coñeces o ADN dos deportes colectivos.

Agora escribe no diario de aprendizaxe:

  • Que che gustou máis?
  • Que che gustou menos ou foi difícil?
  • Que cambios farías?
  • Que engadirías ou quitarías?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)