Saltar navegación

1.3. O centro I+D+i

O centro de I+D+i

Benvido ao centro I+D+i dos deportes colectivos!

Sabes o que é iso? Pois é o centro onde investigamos (I), desenvolvemos (D) e innovamos (i) sobre este tipo de deportes, tanto convencionais coma alternativos. Neste centro, estamos a descubrir a esencia dos deportes de equipo, concretamente, o seu ADN. Axúdasnos?

Para facelo da mellor maneira posible, iremos pouco a pouco seguindo estas fases:

Fases I+D+i

Fase 1. Analizar o que sabes sobre os deportes

Unha persoa pensando en deportesAcabamos de comezar este reto, así que imos coñecernos. Cóntanos: que sabes sobre os deportes colectivos e alternativos? Cando xogas a deportes de equipo, que che din os teus compañeiros e compañeiras?

Fase 2. Investigar (I) deportes de equipo coñecidos 

Unha persoa mirando por un microscopioXogamos a moitos deportes na clase e no recreo. Todos parecen diferentes, pero tamén teñen algo en común, non? Imos investigalo…

Fase 3. Desenvolver (D) o ADN de novos deportes colectivos

Debuxo do ADNNesta fase, vas destripar o ADN de novos deportes de equipo e buscar eses puntos en común que che permitan ser un/unha crack en todos e cada un deles. Xogarás moito, pero sempre tentando conseguir a chave para descifrar os segredos que agochan no seu ADN.

Fase 4. Innovar (i) un novo deporte

Vemos unha fábricaUnha vez destripado o ADN, poderás xogar con el para experimentar e "fabricar" un novo deporte e poñelo en práctica cos teus compañeiros e compañeiras. Seguro que é divertidísimo!

Fase 5. Valora a túa investigación

Unha persoa leda mostrando o seu polgarQue tal foi todo? Conseguimos un deporte divertido, onde todos e todas poden xogar en igualdade de condicións, onde os valores están por diante dos resultados, onde todo o mundo quere e pode participar? Pois o obxectivo está cumprido. De seguro que pronto será olímpico!

Lectura facilitada

Benvido ao centro de deportes!

Aquí aprendemos e probamos deportes de equipo.
Queremos descubrir o ADN dos deportes.
Podes axudarnos?

Imos facelo en pasos:

  1. Pensar no que sabes de deportes.
  2. Investigar deportes coñecidos.
  3. Crear o ADN de novos deportes.
  4. Inventar un deporte novo.
  5. Valorar o que fixeches.

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Fin da fase 1!

En cada fase desta misión terás que cubrir o teu diario de aprendizaxe, unha ferramenta persoal de reflexión que che axudará a detectar os teus progresos e superar as dificultades que atopes durante o reto.

Lembra: aquí non hai respostas correctas ou incorrectas, só reflexións máis ou menos honestas. Tómate o teu tempo para plasmar o que pensas con claridade; esa será a chave que che abra as portas ao mundo deportivo.

Comecemos coa túa primeira secuencia de reflexión:

  • Escolle 3 deportes de equipo que parezan moi diferentes entre si e reflexiona sobre que teñen en común. Fíxate na forma de xogar, no obxectivo, no uso do móbil ou no sistema de puntuación. Que ADN cres que comparten?

Lectura facilitada

Fin da fase 1!

Usa o teu diario de aprendizaxe para pensar e escribir. Non hai respostas malas.

Escribe con calma. Escolle 3 deportes diferentes. Pensa que teñen en común.

  • Como se xoga?
  • Cal é o obxectivo?
  • Como se puntúa?
  • Que ADN teñen?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)