3.2. Progresión na xogada / temporización defensiva
Glosario
Defensor do xogador ou da xogadora sen balón
Definición:
É o/a opoñente directo/a dun xogadora/a que non ten a posesión do móbil nese momento.
Exemplo:
Ten coidado cando o/a xogador/a sen balón se está achegando á canastra. Pode ser que lla pasen rápido e enceste.
Xogador ou xogadora sen balón
Definición:
É o/a xogador/a que non ten a posesión do móbil, pero que buscará os espazos para poder recibilo na mellor situación posible.
Exemplo:
Desmárcate para que o teu compañeiro / a túa compañeira poida pasarche o móbil sen que o teu defensor poida interceptalo.
O ADN na progresión da xogada / temporización defensiva
Progresión na xogada / temporización defensiva
Tes asegurada a posesión; agora toca achegarse ao obxectivo para puntuar. Debes avanzar, pero lembra que ás veces a liña recta non é o mellor camiño. Colabora cos teus compañeiros e as túas compañeiras para atopar en conxunto a situación idónea para marcar.
Se che toca defender, tenta impedir que avance o adversario ou a adversaria. Colócate diante, atrasa o seu movemento e diríxeo a zonas menos perigosas.
O ADN, letra a letra:
Comprobemos cal é o ADN detrás da progresión da xogada e da temporización defensiva nos deportes colectivos. Para iso, analizaremos os puntos máis importantes en ataque (A) e defensa (D), ademais de poñer exemplos concretos de como aplicalos ás normas (N) dalgúns deportes.
🔴 A
A de Ataque
Xa tes asegurada a posesión do móbil de xogo e parece que podes ir cara ao obxectivo. Toca avanzar.
Podes avanzar de xeito individual conducindo, botando ou levando o móbil de xogo, pero tamén podes progresar de xeito colectivo a través do pase.
A túa intelixencia táctica e o teu coñecemento do deporte axudaranche a escoller a mellor opción.
A condución do móbil
É a acción de levar o móbil de xogo cara ao obxectivo. Podes levalo co pé en fútbol ou coa man botando en baloncesto ou balonmán. Non se pode conducir en deportes como o ultimate, xa que non se permite avanzar co disco en movemento.
O pase (de progresión)
Neste caso falamos do pase de progresión, que pretende avanzar co móbil e que implica facer pases a compañeiras e compañeiros que están máis preto do obxectivo ca nós, ou pases ao espazo para que o noso compañeiro ou a compañeira reciba o móbil en zonas máis avanzadas.
O desmarque (de ruptura)
Moverse estando marcado a un lugar libre de rivais para poder recibir o móbil con vantaxe.
Para facer un desmarque, teño que buscar un espazo baleiro e correr cara a el para que o meu compañeiro ou a miña compañeira me vexa libre e poida pasarme o móbil.
O desmarque pode ser de apoio cando nos achegamos ao que ten o móbil ou de ruptura cando nos afastamos buscando progresar cara ao obxectivo. Nesta fase utilizamos máis o segundo.
🔵 D
D de Defensa
Non parece o mellor momento para recuperar o móbil así que terás que atrasar o ataque do teu adversario/a.
Debes dominar as técnicas defensivas para ser quen de marcar o ritmo de xogo do partido, aínda que non teñas a posesión do móbil.
Isto require certo esforzo, capacidade defensiva e moito traballo. E saber a onde non queres que chegue o teu / a túa rival.
A temporización
É a acción de atrasar o avance do meu / da miña rival, mantendo unha posición defensiva de alerta por se podo arrebatarlle o móbil. Tamén é interesante para que poidan chegar compañeiros e compañeiras a axudarme a defender.
Temporizamos en deportes coma o fútbol ou baloncesto, pero non podemos facelo en voleibol pois o móbil está ao lado da rede.
A interceptación
É a acción defensiva de cortar a traxectoria do móbil cando viaxa entre dous opoñentes.
Para interceptar, teño que estar atento/a e ser rápido/a: en canto o/a rival lanza o móbil, meto a man ou o corpo no medio para quedar eu coa posesión.
🟢 N
N de Normas
En canto á progresión, os diferentes regulamentos determinan como podemos avanzar. Nuns podemos correr co móbil libremente, coma no fútbol sala, no floorballou no rugby; noutros temos que botar, coma no baloncesto ou no balonmán; e noutros só podemos avanzar con pases, coma no ultimate, no twinconou no colpbol. Hai veces que podemos correr co móbil, pero só un determinado número de pasos, coma no baloncesto (2), no balonmán (3) ou no fútbol gaélico (4) antes de botar ou golpear o balón.
Deporte convencional: rugby
É un deporte colectivo onde dous equipos se enfrontan para levar a pelota, neste caso ovalada, á zona de marca contraria. Podemos avanzar correndo ata que nos paren mediante a “placaxe”, aínda que a nivel escolar usamos o “tocado” no rugbito ou as cintas no rugbi tag. Colocar o balón na zona de marca é un ensaio e vale 5 puntos. Ademais, podes facer unha patada que sumaría 2 puntos máis. Se marcamos na portería en forma de H, valería 3 puntos, pero só podemos facelo cun golpeo co pé. Ollo, non podemos pasar cara adiante xa que sería fóra de xogo.
Deporte alternativo: ultimate
É un deporte colectivo alternativo onde se xoga cun disco voador ou frisbee. O obxectivo é chegar á zona de marca contraria e atrapar o disco sen que caia ao chan. Xogan 7 contra 7 e só se pode interceptar o móbil, nunca arrebatalo das mans. Pódese xogar por tempo ou a un número determinado de puntos. Cada vez que se marca, cámbiase de campo para empezar de novo cun “pull”, que consiste nun pase longo ao equipo contrario. Como curiosidade, non hai árbitro, polo que son os propios xogadores e xogadoras quen deciden o que pasa no xogo, utilizando a negociación cando é preciso.
Lectura facilitada
O ADN na progresión da xogada / temporización defensiva
Cando tes o móbil:
Xa o controlas.
Agora tes que achegarte á meta.
Para iso:
Avanza, pero non sempre en liña recta.
Colabora co equipo.
Busca o mellor momento para marcar.
Cando defendes:
Evita que o/a rival avance.
Ponte diante del/dela.
Fai que vaia máis lento/a.
Lévao/a a zonas menos perigosas.
O ADN do xogo consta de:
A = Ataque
Condución.
Pase (de progresión).
Recepción.
D = Defensa
Temporización.
Interceptación.
N = Normas
Deporte convencional: rugby.
Deporte alterativo: ultimate.
Audio
Apoio visual
Pincha na imaxe para ampliar e ver con maior detalle.
A practicar!
Duración: 1 sesión Agrupamento: individual, en parellas e grupal
Instrucións
Neste vídeo poderás ver como aplicar o principio de progresión / temporización da xogada nun deporte alternativo colectivo: ultimate frisbee.
Tarefa individual:
Autopase: lánzate o disco voador e recólleo antes de que caia. Mándao cada vez máis lonxe ou con diferentes traxectorias para mellorar na progresión.
Tarefa en parellas:
Pases en profundidade: fai pases cun compañeiro ou cunha compañeira para dominar a recepción do disco voador, pero que vos permitan avanzar. Proba con diferentes tipos de pases para aumentar a dificultade.
Tarefa grupal:
Ataques (con defensa): tes que superar, xunto ao teu equipo, unha zona determinada. Os teus / as túas rivais só defenden. Cambiaredes roles despois dun determinado número de intentos.
Lectura facilitada
Vídeo de progresión / temporización da xogada en ultimatefrisbee
Tarefa individual:
Autopase: lánzate o disco voador e recólleo antes de que caia.
Tarefa en parellas:
Pases en profundidade: fai pases cun compañeiro ou cunha compañeira para avanzar.
Tarefa grupal:
Ataques (con defensa): supera unha zona determinada.
Audio
A practicar!
Duración: 1 sesión Agrupamento: individual, en parellas e grupal
Instrucións
Neste vídeo poderás ver como aplicar o principio de progresión / temporización da xogada nun deporte alternativo colectivo: rugbi.
Tarefa individual:
Circuito combinado: fai un recorrido levando o balón nas túas mans onde teñas que facer fintas, esquivas, xiros...todo o necesario para poder escapar do teu / da túa rival. Neste propoñemos empezar tumbado/a cara abaixo, levantarse e coller o balón, facer un cambio de dirección nun cono, facer un "infinito" entre dous conos, unha finta de xiro entre outros dous conos e rematar colocando o balón no chan.
Tarefa en parellas:
1 vs. 1: co balón nas túas mans tenta superar o teu / a túa rival e colocar o balón nunha zona determinada. Podes cambiar a forma de defender para facilitar o ataque: tocar as costas, un xeonllo, agarrar, placar...
Tarefa grupal:
3 vs. 3: tes que superar, xunto o teu equipo, unha zona determinada. Os teus / as túas rivais só defenden. Cambiaredes roles despois dun determinado número de intentos. Lembra, en rugbi só podedes pasar cara atrás.
Lectura facilitada
Vídeo de progresión / temporización da xogada en rugby
Tarefa individual:
Circuíto combinado: fai un recorrido levando o balón nas túas mans con fintas, esquivas e xiros.
Tarefa en parellas:
1 vs 1: tenta superar o teu / a túa rival e colocar o balón nunha zona determinada.
Tarefa grupal:
3 vs 3: tes que superar, xunto o teu equipo, unha zona determinada.