Saltar navegación

O despoboamento rural e os seus efectos

 

Glosario

Despoboamento rural

A imaxe amosa unha aldea

Despoboamento rural.

É o resultado dun éxodo continuo desde as zonas rurais cara ás grandes cidades. Comeza a mediados do século XX e os seus efectos chegan ata os nosos días. 

Exemplo:

O despoboamento rural deixa 1.895 aldeas despoboadas en Galicia.

Densidade de poboación

A imaxe mostra un grupo de persoas

Densidade de poboación.

É o número de habitantes que ten unha zona, (barrio, cidade, país), en relación coa súa superficie. Dáse en habitantes / Km2, habitualmente.

Exemplo:

Galicia ten unha densidade de poboación de 91.1 hab/km2

Estatísticas

A imaxe mostra unha gráfica

Definición:

Conxunto de datos numéricos que se recollen, organizan e analizan para obter información fiable sobre un fenómeno ou realidade.

Exemplo:

As estatísticas mostran que a poboación da aldea diminuíu nas últimas décadas.

A situación no rural actual

O cambio de actividades económicas

A sociedade actual, é moi diferente á dos vosos pais e nais e moito máis diferente aínda á dos vosos avós e avoas. Pensade, cantos de vós vos imaxinades traballando do sector primario e vivindo no mundo rural, de aquí a 5 anos? Se a túa resposta é "Non", non te preocupes, pensas o mesmo que calquera galego ou galega da túa idade. As estatísticas así o reflicten.

O normal é que a sociedade demande de vós actividades no sector terciario ou secundario que se concentran maioritariamente nas cidades.

casas abandonadas da aldea de O Salgueiro, Prado de LImia

Na actualidade a industrialización e a expansión do sector servizos xeraron empregos máis cualificados e mellor remunerados, o que favoreceu a saída de poboación dos núcleos rurais e intensificou o seu despoboamento. Hoxe en día esta dinámica mantense en Galicia, onde a perda de habitantes no rural é aínda máis marcada ca no conxunto do Estado. Un dos factores principais é que a mocidade accede a estudos superiores e, ao rematalos, non regresa ás súas localidades de orixe debido á escaseza de oportunidades laborais.

O poboamento rural caracterízase pola presenza predominante de paisaxes agrarias e de núcleos de pequena dimensión. Nos países desenvolvidos, estas zonas afrontaron dous problemas principais:

  • Despoboamento: causado pola histórica migración do campo á cidade, acentuado pola falta de incentivos para a xente nova, como a escaseza de emprego ou unha oferta limitada de servizos.
  • Envellecemento da poboación: ao emigrar a mocidade ás cidades, descende a taxa de natalidade. A predominancia de persoas maiores aumenta a demanda de servizos sociais, como atención sanitaria, pensións e coidados para persoas dependentes.. Como consecuencia, algúns dos concellos rurais galegos  presentan as porcentaxes máis baixas de xente nova de toda España.

As causas desta despoboación adoitan ser económicas. A busca de mellores condicións de vida leva ás persoas das zonas rurais a emigrar.
Entre os factores que inflúen destacan:

  • A escaseza de servizos públicos, como hospitais
  • A falta de centros educativos ou as longas distancias para acceder a eles
  • A carencia de emprego
  • O difícil acceso a comercios
  • A falta de actividades de lecer
  • A mecanización do campo

Os efectos do despoboamento

O efecto deste abandono das zonas rurais máis evidente é o envellecemento da poboación que ten un forte impacto social, económico e demográfico:

Un grupo de persoas maiores sentadas nun banco
  • Pérdese poboación activa: Ao marchar a mocidade cara ás cidades, a traballar ou estudar, diminúe o número de persoas en idade laboral, o que afecta á produtividade e á economía local.
  • Prodúcese un aumento da dependencia social: Ao haber máis persoas maiores que precisan atención médica, pensións e coidados de longa duración, fai que se precise de máis  servizos sociais, relacionados con idades avanzadas.
  • Perda de servizos coma transporte público, centros de ensino e de saúde...
  • Un descenso da natalidade: A falta de xente nova, en idade fértil,  reduce o número de nacementos, facendo máis evidente o a diminución da poboación total.
  • Risco de despoboamento e abandono de núcleos: As pequenas vilas poden quedar case deshabitados, o que tamén pode levar ao abandono de terras cultivables e do mantemento do patrimonio rural.
  • Debilitamento do tecido social e das relacións comunitarias: Ao desaparecer a poboación nova, redúcese a organización, a dinamización e a participación en actividades culturais, educativas e sociais.

Lectura facilitada

    Hoxe a sociedade é moi diferente á de antes.

    A maioría da xente nova de Galicia non imaxina vivir nin traballar no rural.
    Os empregos concéntranse sobre todo nas cidades, na industria e nos servizos.

    Por este motivo, moitas persoas marchan do campo.
    A mocidade estuda fóra e moitas veces non regresa
    porque non atopa traballo no seu lugar de orixe.

    O rural ten dous grandes problemas:

    • Despoboamento: a poboación diminúe porque a xente marcha ás cidades.
    • Envellecemento: hai poucas persoas novas e cada vez máis persoas maiores.

    As principais causas son:

    • falta de traballo
    • poucos servizos, como hospitais ou centros educativos
    • poucos comercios e actividades de lecer
    • a mecanización do campo, que reduce a necesidade de traballadores

    Esta situación ten varias consecuencias:

    • Menos poboación activa: hai menos persoas en idade de traballar.
      Baixa a produtividade e prexudica a economía local.
    • Máis dependencia social: aumenta a necesidade de atención médica, pensións e coidados.
      Aumenta a necesidade de servizos sociais.
    • Perda de servizos básicos: poden pechar escolas, centros de saúde ou liñas de transporte.
    • Descenso da natalidade: nacen menos nenos e nenas.
    • Risco de despoboamento: algunhas aldeas e vilas poden quedar case baleiras.
      Pode causar abandono de terras e do patrimonio rural.
    • Debilitamento da vida comunitaria: hai menos actividades culturais, educativas e sociais.
      Pérdese parte da identidade e da vida do lugar.

    ```

    Apoio visual

    Esquema da situación actual do rural galego

    Estuda a situación e reflexiona

    Nesta nova da TVG recóllese a alarmante situación das aldeas en Galicia.

    Preme aquí para vela. 

    Reflexiona

    Na noticia podes ler que "se percibe certo cambio de sentido dos fluxos migratorios: emigrantes que retornan e persoas da cidade que agora buscan unha vida máis tranquila nas zonas rurais". Pensas que esa tendencia se vai manter ou é algo puntual?

    "Frear o envellecemento, ocupar o territorio de xeito racional, e crear igualdade de oportunidades nas zonas rurais, son algúns dos principais retos que marca a Unión Europea para os próximos anos". Cres que se está a cumprir? 

    No rural a xente foise pola ausencia de oportunidades e servizos, ou os servizos desapareceron por mor da perda de xente?

    Dálle ao "play" e visualiza o envellecemento da poboación

    Duración:
    10:00
    Agrupamento:
    Individual

    A evolución da poboación europea, española e galega. Preme nesta ligazón da web da Unión Europea, verás un mapa da poboación da UE, por rexións. Na parte inferior hai un eixe cronolóxico desde o 2014 ao 2024. Dálle ao PLAY e fíxate no proceso de envellecemento xeral de Europa, especialmente en Galicia.

    Podes ver algunha excepción a esta situación?

    Feito con eXeLearning (Nova xanela)