Saltar navegación

3.2. Dende o local cara o global

 

Glosario

INE

Logo INE Instituto Nacional de Estatística
INE Logotipo INE
(Empregado baixo dereito de cita)

Definición:

Fundado en 1843, o Instituto Nacional de Estatística (INE) é unha entidade pública encargada de recompilar, rexistrar e publicar as estatísticas oficiais do Estado. Entre a información que produce inclúense tamén os datos demográficos.

Exemplo:

Segundo o INE, a natalidade en Galicia volveu baixar no último ano.

Inverno demográfico

Pictograma que representa dous avós

Definición:

É un termo que se utiliza para describir unha situación na que unha sociedade experimenta unha forte caída da natalidade e un envellecemento progresivo da poboación.

Exemplo:

Galicia é un dos territorios europeos onde o inverno demográfico é máis acusado.

Saldo vexetativo

Resta

Definición:

É a diferenza entre os nacementos e as defuncións nun territorio durante un período determinado.

Exemplo:

O saldo vexetativo de Galicia é negativo porque morre máis xente da que nace.

Unha ollada á demografía actual

A demografía é a ciencia que estuda cantos e como somos, e como cambiamos e vivimos as persoas que habitamos un determinado territorio. Non é algo afastado nin aburrido: inflúe no funcionamento da sociedade, nas decisións económicas, nos servizos que existen e que terá unha rexión. Para iso, faremos un breve percorrido desde o global, o mundo ata o teu concello, o máis próximo a ti.

persoas desenfocadas pasando por riba dun paso de cebra

Hoxe, a poboación mundial supera os 8.200 millóns de persoas, pero… medra igual en todas partes?
A resposta é non. Cada rexión do planeta segue un ritmo diferente:

  • África é o continente que máis rápido aumenta a súa poboación grazas a altas taxas de natalidade.
  • Asia tamén ten un grande crecemento de poboación, con zonas onde está estabilizándose como China ou Xapón, e India que xa é o país máis poboado do mundo
  • En Europa, a maior parte da poboación vive en núcleos urbanos e intermedios, isto provoca a despoboación progresiva das zonas rurais e agrarias do interior do continente.

Pensa, por que ocorre isto?

Como é posible que haxa tantas diferenzas en como se ocupa a superficie do planeta?

Planisferio onde se representa a distribución da poboación mundial

Os seres humanos, tendemos a buscar, en xeral, as mesmas condicións á hora de establecernos nun lugar. É o que chamamos factores de poboamento. Así por exemplo:

  • As zonas con climas temperados adoitan estar máis densamente poboadas ca zonas moi frías, moi cálidas ou extremadamente húmidas.
  • Tamén as chairas e ás beiras dos ríos son lugares historicamente moi poboadas,  as montañas dificultan a vida e as comunicacións.
  • As terras fértiles atraen poboación, xa que nelas se desenvolve a agricultura.
  • A existencia de auga, minerais, recursos naturais bosques ou enerxía  e o desenvolvemento económico dunha zona favorece a chegada de novos poboadores.
  • Hai tamén un factor histórico, a xente vive nos lugares que xa foran poboados anteriormente. Tendemos a vivir onde vivía a nosa familia e antepasados.

Así, a poboación do planeta concéntrase en zonas que cumpren, en xeral, estas características, zonas temperadas do planeta, o Leste de Asia, Europa, e as costas de América do Norte; e deixan grandes baleiros de poboación, desertos cálidos e fríos, o Sáhara ou a Antártida, zonas sen recursos naturais ou non industrializadas, zonas de altos cumes como o Himalaia.

Relacionado con estes factores, a poboación rural defínese como aquela que vive nunha vila, un asentamento ou comunidade de carácter rural; un núcleo habitado ou entidade de poboación máis pequena ca unha cidade e dedicada, sobre todo, ás actividades económicas propias do ámbito rural, o sector primario (agricultura, gandería, explotación forestal, pesca...). 

O río Miño desde Louredo

Segundo datos da ONU en 2024, case a metade da poboación mundial vive no ámbito rural, onde catro de cada cinco persoas se atopan por debaixo do limiar da pobreza. A maioría depende da agricultura para sobrevivir, produce os alimentos que consumimos. Con todo, malia o seu papel esencial, a poboación do rural afronta importantes dificultades: o cambio climático, a inseguridade alimentaria, as desigualdades sociais e a carencia de infraestruturas adecuadas, boa conexión, educación, servizos sanitarios e outros recursos básicos.

As explotacións agrícolas familiares xeran arredor do 80 % dos alimentos que se consomen no mundo , datos da FAO. As mulleres constitúen aproximadamente o 43 % da man de obra agraria, pero seguen atopando importantes obstáculos para acceder á terra, ao financiamento e ás innovacións tecnolóxicas.

Por outra banda, as áreas rurais son as máis vulnerables fronte ao cambio climático, pois padecen con maior intensidade fenómenos como as secas, as inundacións e as ondas de calor extrema.


Preme nesta ligazón: Worldmeters . Abre en nova xanela 

Este é un simulador de crecemento da poboación mundial, non é un rexistro científico, pero serve para mostrar ese ritmo de crecemento.... impresiona, non si?

Lectura facilitada

A demografía é a ciencia que estuda cantas persoas somos,
como vivimos e como cambiamos nun lugar.
A demografía inflúe na sociedade, na economía e nos servizos que ten unha rexión.

A poboación no mundo

Hoxe, no mundo viven máis de 8.200 millóns de persoas.
Pero a poboación non medra igual en todos os lugares.

África é o continente onde a poboación medra máis rápido,
porque nacen moitos nenos.
Asia tamén ten moita poboación.
Nalgúns países, como China ou Xapón, a poboación está máis estable.
India é agora o país máis poboado do mundo.
En Europa, moitas persoas viven en cidades.
Isto provoca que as zonas rurais do interior se vaian despoboando pouco a pouco.

Por que a xente vive nuns lugares e non noutros?
As persoas buscamos condicións parecidas para vivir.
A isto chámaselle factores de poboamento.

Algúns exemplos son:

  • As zonas con climas temperados teñen máis poboación.
  • Os lugares moi fríos, moi quentes ou moi húmidos teñen menos xente.
  • As chairas e as zonas preto dos ríos adoitan estar máis poboadas.
  • As montañas dificultan a vida e as comunicacións.
  • As terras fértiles atraen poboación porque permiten cultivar alimentos.
  • A presenza de auga, recursos naturais, enerxía e traballo fai que chegue máis xente.
  • Tamén inflúe a historia: vivimos onde xa viviron antes as nosas familias.

Por iso, a poboación do planeta concéntrase en zonas como:
o Leste de Asia, Europa e as costas de América do Norte.

En cambio, hai zonas con moi pouca poboación, como:
os desertos, as zonas moi frías ou as montañas moi altas.

A poboación rural

A poboación rural é a que vive en vilas pequenas ou comunidades rurais.
Estas persoas traballan, sobre todo, no sector primario:

  • agricultura
  • gandería
  • explotación forestal
  • pesca

Segundo os datos da ONU (2024), case a metade da poboación mundial vive no rural.
De cada cinco persoas pobres do mundo, catro viven no rural.

A maioría destas persoas depende da agricultura para vivir.
Elas producen moitos dos alimentos que comemos.

Porén, a poboación rural ten moitas dificultades:

  • O cambio climático.
  • A falta de alimentos.
  • As desigualdades sociais.
  • A alta de boas estradas, conexión a Internet.
  • Poucos servizos educativos e sanitarios.

Agricultura e cambio climático.

As explotacións agrícolas familiares producen arredor do 80 % dos alimentos do mundo.
As mulleres representan aproximadamente o 43 % das persoas que traballan no campo.
A pesar diso, teñen máis dificultades para acceder á terra, ao diñeiro e á tecnoloxía.
As zonas rurais son tamén as máis afectadas polo cambio climático.
Sofren máis:

  • as secas
  • as inundacións
  • as ondas de calor extrema

Apoio visual

Mapa conceptual sobre demografía e rural a nivel mundial

O caso de España

O caso de España que supera xa os 49 millóns de habitantes, segundo datos do INE de 2025. Isto sitúaa como o cuarto país máis poboado da Unión Europea e o número trinta, (30) a nivel mundial. Cunha  poboación masculina e feminina  moi igualada, cun 49 % de homes e un 51 % de mulleres.

Destas cifras, un total de 7.521.475 residen en zonas rurais. Isto quere dicir que só o 15,5 % da poboación ocupa o 83,8 % do territorio do país, repetindo os factores de poboación que vimos a nivel mundial, zonas de clima suave, terras fértiles e con recursos, zonas costeiras e dinámicas economicamente.

Gráfica lineal da evolución do número e superficie das explotacións agrícolas en España

A evolución da poboación rural é  bastante evidente:

  • Entre 2014 e 2023, a poboación rural experimentou unha caída do 4,4 %, en contraste co aumento do 2,6 % da poboación total de España, o que indica que a nova poboación non se dedica ao mundo rural, concéntrase no mundo urbano.  Este descenso é máis pronunciado nos municipios rurais grandes, que perderon un -5,2 % da súa poboación que nos pequenos, nos que a perda foi do -3,9 %.
  • O medio rural conta cunha poboación máis envellecida e cun maior predominio de homes. En 2024, a taxa de mocidade —é dicir, o número de menores de 15 anos por cada 100 persoas de 65 anos ou máis— sitúase en 47,7 nos municipios rurais, fronte aos 68,7 que se rexistran nas áreas urbanas.
  • Ao analizar o emprego, obsérvase que a taxa de ocupación no medio rural é do 47,8 %, un valor notablemente inferior ao 52,6 % rexistrado nas zonas urbanas en 2024.
  • Cinco Comunidades Autónomas españolas, reúnen máis do 65 % dos habitantes que viven no medio rural en España: Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Galicia e Cataluña. 

Como podes ver, o proceso de perda de poboación e abandono do rural, é algo común no marco europeo, e español. Propio das sociedades postindustriais como a nosa, que tenden cara un mundo urbano e unha terciarización da economía. O peso do PIB dos países recae maioritariamente sobre o sector terciario. 

Que está a pasar en Galicia?

Coñecer a demografía galega é moi importante, xa que é a nosa realidade máis inmediata e ademais, presenta unha situación delicada. Como vimos no caso de España no seu conxunto é un dos territorios que destaca por ter aínda taxas de natalidade  e mortalidade moi baixas, do que resulta un crecemento vexetativo moi baixo ou incluso negativo. A alta esperanza de vida da sociedade galega tradúcese nunha poboación con idade alta envellecida. Isto é a causa de que Galicia, perda poboación de xeito case continuado.

Galicia ten unha poboación de 2.705.833 habitantes (datos do Instituto Galego de Estatística de 2024) cun saldo vexetativo, isto é a diferencia entre os nados e os que morren de -19.392 habitantes. E cunha marcada asimetría en canto aos nacementos: no mundo rural os nacementos son cada vez máis escasos, mentres nas cidades cada vez hai máis persoas

As áreas litorais, especialmente A Coruña e Vigo, concentran as maiores densidades de poboación. Pola contra, nas zonas rurais do interior, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, os valores son moi baixos; un caso destacado é o concello da Veiga, que apenas alcanza os 3,1 habitantes por quilómetro cadrado. A Coruña, como se aprecia na imaxe, é o municipio máis densamente poboado de Galicia, con preto de 6.500 habitantes por km².

Mapa de concellos de Galicia máis densamente poboados

Como podes ver con estes datos, ademais dunha perda de poboación constante, só atenuada coa chegada de poboación migrante a Galicia, a poboación galega concéntrase nas sete cidades (A Coruña, Lugo, O Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) e no eixe Vigo-Ferrol que aglutina a cinco destas cidades. Queda así un gran baleiro poboacional no interior de Galicia.

Lectura facilitada

O caso de España

España ten máis de 49 millóns de habitantes.
Homes e mulleres representan unha porcentaxe moi semellante da poboación.

A maior parte da poboación vive nas cidades.
No medio rural vive unha pequena parte da poboación,
aínda que ocupa gran parte do territorio.

Nos últimos anos, a poboación rural diminuíu.
Cada vez menos persoas viven e traballan no campo.

O medio rural ten unha poboación máis envellecida ca as cidades.
Moitas persoas marchan ás zonas urbanas en busca de traballo e servizos.

Este proceso é habitual en España e noutros países europeos.

Que está a pasar en Galicia?

Galicia ten algo máis de 2,7 millóns de habitantes.

Nacen poucas persoas e morren máis das que nacen.

Por iso, Galicia perde poboación de forma continua.

A poboación galega está moi envellecida.

As cidades e as zonas da costa concentran a maior parte da poboación.
Pola contra, moitas zonas do interior teñen poucos habitantes.

As provincias de Lugo e Ourense son as máis afectadas pola perda de poboación.
Na actualidade, a maior parte da poboación galega concéntrase nas cidades e no eixo atlántico.
Por iso, o interior de Galicia presenta un importante baleiro demográfico.

Apoio visual

Mapa conceptual demografía España e Galicia

Completa os datos que faltan!

Le as seguintes frases e escribe os datos que faltan.

A poboación mundial supera hoxe os millóns de habitantes.
O continente onde a poboación medra máis rápido é
En Europa, a maioría da poboación vive en áreas
Os factores que explican por que a poboación se concentra nuns lugares e non noutros chámanse factores de
As rexións con temperados adoitan ser máis habitadas.
As e as beiras dos ríos foron zonas moi poboadas ao longo da historia.
España conta con máis de millóns de habitantes segundo o INE de 2025.
Só o % da poboación española vive en zonas rurais, a pesar de ocupar case todo o territorio.
Entre 2014 e 2023 a poboación rural diminuíu un %, mentres que a poboación total aumentou un 2,6 %.
O rural español ten unha poboación máis e con maior presenza de
A taxa de mocidade no rural é de menores por cada 100 maiores de 65 anos.
As áreas urbanas teñen unha taxa de ocupación do %, fronte ao 47,8 % do rural.
Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Galicia e Cataluña reúnen máis do % da poboación rural española.
O proceso de abandono do rural é un fenómeno típico das sociedades

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)