Saltar navegación

3. Entender para actuar

 

Glosario

Demografía

Imaxe que representa moita xente

Definición:

A demografía é a ciencia que analiza, a través de técnicas estatísticas, como está formada a poboación (sexo, idade, estado civil, profesión e outros aspectos), como se distribúe no territorio e como evoluciona co paso do tempo.

Exemplo:

A demografía axúdanos a coñecer cantas persoas viven nun lugar e como cambia a poboación co tempo.

O camiño cara a Aldea Vella

No mundo, cada día nacen e morren persoas, aparecen novos veciños e veciñas, nas vosas localidades, algúns deixaron a súa casa para instalarse noutro lugar e iniciar unha vida distinta, outros chegan ao voso concello, aldea ou barrio buscando unha vida mellor. Todo isto fai que a poboación de calquera territorio estea en continuo movemento e transformación: nacementos, migracións, oportunidades laborais e profesionais que inflúen na maneira na que a poboación se distribúe polo territorio.

O percorrido para acadar o reto de Aldea Vella

Neste novo reto empregarás a demografía, a ciencia que estuda a poboación. Con ela non só saberás cantos habitantes ten un lugar, senón que serás capaz de comprender as sociedades rurais e urbanas, as súas características e os comportamentos das súas poboacións: de onde veñen e cara onde van. Con toda esa información, chegarás a conclusións que che permitirán prever a súa evolución e estudar as necesidades que lles xurdan no futuro.

Cando chegues ao final, poderás chegar a responder preguntas coma estas:

  • Por que nalgunhas zonas hai moita xente e noutras hai poucas?
  • Por que en Galicia a poboación abandona o campo?
  • Terá un futuro viable o rural galego?

Moitas preguntas, que precisan moitas respostas e unha aldea que precisa dos vosos coñecementos e da vosa axuda. Tedes moito que descubrir e reflexionar para redactar o voso propio bando municipal.

Adiante! Imos aló!

Lectura facilitada

No mundo pasan cousas todos os días. Nacen persoas e outras persoas morren.

Hai xente que marcha da súa casa. Marchan a outro lugar para empezar unha nova vida. Outras persoas chegan ás vilas, barrios ou cidades.

Todo isto fai que a poboación cambie sempre. A poboación móvese e transfórmase.

Os cambios prodúcense por:

  • nacementos
  • migracións
  • traballo
  • oportunidades de vida

Neste reto ides traballar coa demografía. A demografía estuda a poboación.

Grazas á demografía poderedes:

  • saber cantas persoas viven nun lugar
  • entender como viven
  • coñecer como son as zonas rurais e urbanas
  • saber de onde vén a xente e a onde vai

Con esta información poderedes:

  • entender os cambios da poboación
  • pensar no futuro
  • coñecer as necesidades das persoas

Ao final do reto poderedes responder preguntas como:

  • Por que nalgúns lugares vive moita xente?
  • Por que noutros lugares vive pouca xente?
  • Por que en Galicia a xente marcha do campo?
  • Ten futuro o rural galego?

Hai moitas preguntas. E unha aldea que precisa axuda.

Vós tedes moito que aprender e pensar. Co que descubrades, escribiredes o voso bando municipal.

Adiante! Imos aló!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)