Saltar navegación

3.3. O espazo rural: a Galicia despoboada

 

Glosario

O Eixe Atlántico

Tráfico

Definición:

O Eixe Atlántico é a gran faixa urbana e económica que percorre a fachada atlántica de Galicia e conecta as cidades de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo.

É a zona máis poboada e dinámica do país: concentra industria, servizos, universidades, portos, centros de transporte e boa parte da actividade económica e cultural galega.

Exemplo:

O Eixe Atlántico facilita a comunicación e o intercambio económico entre A Coruña e Vigo.

Relevo xeracional

Carreira de relevos

Definición:

O relevo xeracional é o proceso polo cal as xeracións máis novas van substituíndo ás máis vellas nos distintos ámbitos da sociedade: no emprego, nas responsabilidades familiares, na participación social e política e no mantemento do estado do benestar.

Exemplo:

Sen relevo xeracional, moitos servizos esenciais como escolas, centros de saúde ou pequenos comercios non poden manterse nun territorio.

A evolución da poboación en Galicia

Titular da Voz de Galicia que recolle a información de que no 40% do territorio de Galicia non hai habitantes
La Voz de Galicia. Envorcado de pantalla de artigo en "La Voz de Galicia" (Envorcado empregado baixo dereito de cita)

Fíxate no titular da prensa. Este é só un exemplo da realidade galega a comezos deste século. Unha tendencia que veredes que non é nova. O século XX foi unha época de cambio na realidade social galega. O abandono do campo, a industrialización, a emigración cara o exterior... fixo que a poboación se desprazara desde as provincias interiores, Lugo e Ourense cara as exteriores, A Coruña e Pontevedra.

Sempre foi así? Galicia sempre foi un territorio despoboado? Imos ver!

Fagamos un breve repaso. En 1787 levouse a cabo o primeiro censo considerado fiable na historia de España, coñecido como o Censo de Floridablanca, e nel Galicia destacaba polo seu gran peso demográfico. As catro provincias galegas eran zonas moi poboadas e profundamente rurais. Só tres cidades superaban os 10.000 habitantes: Ferrol (24.993, grazas á base naval), A Coruña (13.500) e Santiago (15.600). O resto do territorio estaba formado por unha extensa rede de aldeas e pequenas vilas que cubrían toda Galicia, de forma moi similar a como ocorre hoxe, aínda que naquela época con moita máis poboación.

A Coruña era, segundo os datos, a provincia máis poboada de toda España, con 426.539 habitantes (considerando os límites actuais, non os do censo orixinal, cando Galicia se dividía en sete provincias). Superaba con fartura a Madrid, Barcelona e Valencia, a pesar de que a propia cidade da Coruña apenas era unha vila, mentres que as capitais mencionadas contaban con 165.000, 100.000 e 93.000 habitantes, respectivamente.

No seu conxunto, Galicia chegaba aos 1.355.299 habitantes, o que representaba o 13,02 % da poboación total de España, que segundo o censo de Floridablanca (1787-1789) era de 10.409.879 persoas.

Noutras palabras, un de cada oito españois era galego.

Non obstante na actualidade Galicia ten unha das poboacións máis envellecidas de España e de  Europa. Os concellos rurais galegos, sofren a despoboación, xa que a maioría da mocidade marcha a estudar ou a traballar noutras cidades ou mesmo países. Así mentras as cidades (Santiago, Vigo, A Coruña) manteñen ou aumentan habitantes, o rural ve como as seus escasos nacementos marchan, engrosando outros padróns municipais. 

  • A imaxe mostra 20 persoas das cales 5 son maiores de 65 anos e só 2 nenos ou nenasMáis dun 26 – 27 % das persoas teñen 65 anos ou máis. (Fonte: IGE, podes consultalos aquí)
  • A poboación infantil (0–14 anos) é arredor do 10–11 %, unha porcentaxe moi baixa, que non garante o relevo xeracional.
  • A natalidade leva anos diminuíndo de xeito continuado, moito máis intensamente desde mediados do século pasado, como podes comprobar co lido neste apartado.

Cal pode ser o motivo deste cambio en menos de 250 anos?

Mapa coa división histórica de Galicia en sete provincias (do século XV a 1833)

Dende o século XV ata 1833, Galicia estivo dividida en 7 provincias:  Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui.

Lectura facilitada

No ano 1787 realizouse en España o primeiro censo fiable.
Chamouse Censo de Floridablanca.

Naquela época, Galicia estaba moi poboada.
A maior parte da poboación vivía no rural.

Só tres cidades superaban os 10.000 habitantes:

  1. Ferrol
  2. Santiago de Compostela
  3. A Coruña

O resto da poboación vivía en aldeas e pequenas vilas.

Galicia era un dos territorios máis poboados de España.

  • Tiña máis de 1.300.000 habitantes.
  • Unha de cada oito persoas de España vivía en Galicia.

Hoxe a situación é moi diferente.

Galicia é unha das rexións máis envellecidas de España e de Europa.

Moitos concellos rurais perden poboación porque a xente nova marcha:

  • a estudar
  • a traballar
  • ou a vivir noutros lugares

Ao mesmo tempo, as cidades concentran cada vez máis habitantes.

Hai poucos nacementos e cada vez hai máis persoas maiores.

Por iso, Galicia perde poboación e moitas zonas do interior quedan cada vez máis baleiras.

Por que cambiou tanto a poboación de Galicia nos últimos 250 anos?

Apoio visual

Esquema evolución da poboación en Galicia

Feito con eXeLearning (Nova xanela)