A poboación: individuos que forman comunidades diferentes
Observando ao noso redor

Se observamos ao noso redor, podemos ver persoas diferentes a nós, como nesta imaxe. Que vedes a simple vista? Polo aspecto dos individuos, poderiades afirmar de que continente son orixinarios? Todos son do mesmo sexo? Todos teñen a mesma idade? Todos son da mesma raza ou etnia?
As respostas a todas esas preguntas son o tema de estudo das fontes demográficas.
Fontes demográficas
- Os padróns municipais: son rexistros administrativos que acreditan a residencia habitual dos habitantes dun concello. Actualízase diariamente e recolle os datos persoais e o domicilio de todos os veciños e veciñas.
- Os censos de poboación: reconto estatístico, realizada cada 10 anos en España, para recompilar información sobre a poboación dun país (inclúe o seu número, a súa distribución demográfica (idade, sexo, estudos, estado civil), a súa distribución territorial, as condicións socioeconómicas, culturais e de vivenda. Resposta a cuestións de cantos somos, como vivimos e como nos distribuímos no territorio. O organismo encargado de elaboralos, a nivel nacional, é o INE (Instituto Nacional de Estatística) e, a nivel autonómico, o IGE (Instituto Galego de Estatística)).
- Os rexistros civís: son organismos públicos encargados de rexistrar, oficialmente, os feitos vitais de cada cidadán. Falamos de nacementos, adopcións, matrimonios, pasamentos que serven de proba do seu estado civil. Os rexistros civís atópanse en concellos, en xulgados de primeira instancia e oficinas de Rexistro Civil Central. Tamén hai rexistros consulares.
- Os rexistros eclesiásticos: documentos históricos que, durante séculos, recollían nas parroquias ou nos arquivos diocesanos eventos vitais da vida relixiosa (bautismos, matrimonios, pasamentos....) que, en épocas anteriores á aparición dos rexistros civís, permitía e permite coñecer as características da poboación dunha parroquia ou dunha diocese.
As pirámides de poboación: tipoloxías que falan de pobreza ou riqueza
As pirámides de poboación son gráficas de barras ou histogramas para representar datos estatísticos dun país, nun ano concreto, por sexo e idade. As pirámides de poboación permiten comparar as poboacións de distintos países e de percibir, rapidamente, fenómenos demográficos relevantes como o equilibrio ou desequilibrio entre sexos en determinadas franxas de idade; catástrofes, andazos ou guerras; envellecemento da poboación; alta ou baixa natalidade etc.
Imos repasar o traballo o curso pasado sobre as pirámides de poboación, coa axuda deste vídeo do Instituto Español de Estatística (INE)
As taxas demográficas achegan información
A poboación é o conxunto de persoas que habitan nun lugar ou área xeográfica concretos. Para o seu estudo empregamos as taxas, é dicir, medidas demográficas que indican a frecuencia de certos feitos, como nacementos ou mortes, en relación coa poboación total nun período de tempo.
Os números de habitantes que habitan a terra cambia constantemente. Queredes saber cantos somos agora? Preme na imaxe

As principais taxas, para o estudo da poboación son:
- A natalidade: indicador do número total de nenas e nenos que nacen nun lugar preciso durante un ano. A natalidade estúdase a través da taxa de natalidade e da taxa de fecundidade.
- Taxa de natalidade (TN): indicador demográfico que relaciona o número de nacementos por cada mil habitantes coa poboación total dun territorio nun ano concreto.
\(TN = \frac{\text{Número de nacementos}}{\text{Poboación total}} \times 1000\)
-
- Taxa de fecundidade (TF): indicador demográfico que relaciona o número de nacementos por cada mil habitantes coa poboación feminina en idade fértil (é dicir, entre 15 a 49 anos).
\(TF = \frac{\text{Número de nacementos}}{\text{Mulleres de 15 a 49 anos}} \times 1000\)
- A mortalidade indicador do número total de persoas que falecen nun lugar concreto ao longo dun ano. A mortalidade analízase a través da taxa de mortalidade e da taxa de mortalidade infantil.
- Taxa de mortalidade: indicador demográfico que reflicte o número de persoas falecidas, nun momento concreto, por cada mil habitantes, respecto á poboación total dun territorio.
\(TM = \frac{\text{Número de falecementos}}{\text{Poboación total}} \times 1000\)
-
- Taxa de mortalidade infantil: indicador demográfico que relaciona o número de nenos e nenas que faleceron antes de cumprir un ano, por cada mil habitantes, en relación co total de nados vivos nun territorio.
\(TMI = \frac{\text{Número de falecementos de menores dun ano}}{\text{Número de nados vivos}} \times 1000\)
- Esperanza de vida: indicador demográfico que expresa a media de idade que unha persoa pode chegar a vivir no momento de nacer. A esperanza de vida varía dos países desenvolvidos (máis alta) ao países subdesenvolvidos (máis baixa) e entre sexos (as mulleres viven menos anos nos países subdesenvolvidos e máis anos nos países desenvolvidos).
- As migracións son os desprazamentos xeográficos, temporais ou definitivos, que realizan as persoas dun lugar a outro.
- O saldo migratorio é o resultado da diferenza entre o número de inmigrantes e o número de emigrantes.
\(\text{Saldo migratorio} = \text{Inmigrantes}-\text{Emigrantes}\)
Os movementos migratorios
Os movementos migratorios son os desprazamentos de individuos, dun lugar a outro, cun cambio de residencia de xeito temporal ou permanente. A motivación pode ser diversa: por causas políticas (guerras, persecucións...), ambientais, económicas (pobreza, fames...) etc.
Démoslle un repaso ao aprendido sobre este tema, en cursos anteriores, ollando este esquema.
Preme na imaxe e abrirá en PDF nunha nova xanela.

- Texto da imaxe
-
MOVEMENTOS MIGRATORIOS
- CONCEPTO
- EMIGRACIÓN
- INMIGRACIÓN
- TIPOS DE MIGRACIÓNS
segundo o...
- CARÁCTER
- FORZADAS
- Traslado escravos África-América
- VOLUNTARIAS
- As económicas
- FORZADAS
- TEMPO
- TEMPORAIS
- Recollida Agrícola Temporeiros
- Volta ao país de orixe.
- DEFINITIVAS
- TEMPORAIS
- O ESPAZO
- INTERIORES ou NACIONAIS
- Éxodo Rural
- Desprazamentos vinculados á xubilación
- EXTERIORES ou INTERNACIONAIS
- Fluxos de países subdesenvolvidos a desenvolvidos
- Fluxos entre países desenvolvidos
- Fluxos entre países pouco desenvolvidos
- INTERIORES ou NACIONAIS
- CARÁCTER
- CAUSAS
- Demográficas
- Económicas
- Políticas
- Culturais
- Relixiosas
- Lecer
- Outras
- CONCEPTO
Lectura facilitada
As fontes demográficas son documentos e rexistros que nos proporcionan información sobre a poboación.
As principais fontes demográficas son:
- Padrón municipal: rexistro das persoas que viven nun concello.
- Censo de poboación: reconto da poboación dun país. En España realízase cada 10 (dez) anos.
- Rexistro civil: rexistro dos nacementos, matrimonios e pasamentos.
- Rexistros eclesiásticos: documentos das parroquias que recollen bautismos, matrimonios e pasamentos.
As pirámides de poboación son gráficas que representan a poboación dun lugar segundo a idade e o sexo.
A forma das pirámides de poboación permite comparar a poboación de diferentes países.
A poboación é o conxunto de persoas que viven nun lugar.
Para estudala empregamos diferentes taxas demográficas.
As principais son:
- Natalidade: número de nacementos nun lugar durante un ano.
- Mortalidade: número de persoas que morren nun lugar durante un ano.
- Esperanza de vida: número medio de anos que pode vivir unha persoa ao nacer.
- Migracións: desprazamentos das persoas dun lugar a outro.
As migracións poden ser temporais ou permanentes.
As persoas migran por diferentes motivos: guerras, persecucións, desastres naturais ou busca de traballo.
Accede ao teu