Saltar navegación

1.3. Agrupamentos emocionantes!

As emocións a través da arte

Aristóteles, filósofo grego do século IV a.C., afirmaba que o obxectivo final da arte non é representar a aparencia externa das cousas, senón o seu significado interior.

A arte está totalmente vencellada ás emocións e sentimentos.

De xeito individual, escolle un dos catro cadros seguintes, e realiza no caderno as actividades que o complementan:

Pintando o medo

Cadro O berro de Edvard Munch. Unha persoa coa boca aberta e as mans agarrando a cabeza.

  • Busca información sobre Eduard Munch.
  • A través dunha distorsión de figuras, o artista representa a desolación humana: o medo, a angustia, a saudade...
  • Actividade "Pintando o medo". Como te sentes ao observar a obra? Pensa nunha situación na que experimentaches medo e represéntaa a través dun debuxo no que te amoses. Non esquezas identificar o espazo, as cores, a túa postura, tamaño...

Se fose un animal

Cadro A vaca marela de Franz Marc. Unha vaca marela saltando nun campo e montañas ao fondo.

  • Busca información sobre Franz Marc.
  • A través de cores vivas e rechamantes, o artista plasma a felicidade do amor cara á vida na natureza.
  • Actividade "Se fose un animal". Como te sentes ao observar a obra? Pensa nun animal co que te identifiques e debúxao nunha actitude que amose ledicia. Non esquezas identificar o espazo, as cores, a postura, o tamaño...

Escollendo cores

Cadro de Picasso etapa azul. Un home, con barba e pelo branco, sentado á mesa, diante dun prato baleiro.

  • Busca información sobre Pablo Picasso.
  • A "serie azul" de Picasso expón unha sensibilidade especial tras un conflito emocional vivido. A traxedia marca dun xeito singular a tristeza do artista.
  • Actividade "Escollendo cores". Como te sentes ao observar a obra? Escolle unicamente dúas cores que representen para ti a pena. Pensa nunha situación na que experimentaches tristura e represéntaa a través dun debuxo no que empregues soamente as dúas cores escollidas.

Calma


Cadro de Claude Monet “Nenúfares e ponte xaponesa”. Un regato cuberto de nenúfares e unha ponte de medio arco que o cruza.

  • Busca información sobre Claude Monet.
  • O artista pasou toda a súa vida na procura da fermosura da natureza, ata que se decatou de que podía atopar todo o universo no seu propio xardín.
  • Actividade "Calma". Como te sentes ao observar a obra? Pensa nunha situación que che xere calma e represéntaa a través dun debuxo. Non esquezas identificar o espazo, as cores e os elementos que achegan esa tranquilidade.

Lectura facilitada

Aristóteles é un filósofo grego.

Aristóteles di algo importante.

A arte non serve só para representar o aspecto das cousas.

A arte mostra o que hai dentro das cousas.

A arte relaciónase coas emocións e os sentimentos.

Agora traballas ti.

Escolle un dos 4 cadros.

Despois fai as actividades no caderno.


Cadro O berro de Edvard Munch. Unha persoa coa boca aberta e agarrando a súa cabeza coas dúas mans

  • Busca información sobre Eduard Munch.
  • Este artista usa figuras deformadas.
  • Coas figuras mostra emocións.
  • Actividade "Pintando o medo".

Pensa como te sentes ao mirar a obra.

Agora pensa nun momento da túa vida no que sentiches medo.

Debuxa esa situación.

No debuxo apareces ti.

No debuxo indica o espazo, as cores, a túa postura e o tamaño.


Cadro A vaca marela de Franz Marc. Unha vaca marela saltando por un campo e unhas montañas ao fondo.

  • Busca información sobre Franz Marc.
  • Este artista usa cores moi vivas.
  • Coas cores mostra felicidade.
  • Actividade "Se fose un animal".

Pensa como te sentes ao mirar a obra.

Agora pensa nun animal co que te identificas.

Debuxa o animal mostrando felicidade. 

No debuxo indica o espazo, as cores, a postura e o tamaño.


Cadro de Picasso etapa azul. Un home con pelo e barba branca, sentado á mesa diante dun prato baleiro.

  • Busca información sobre Pablo Picasso.
  • Picasso ten unha etapa que se chama serie azul.
  • Nesta etapa usa principalmente cores azuis.
  • Esta serie nace dunha dor persoal.
  • A tristura marca as obras do artista. 
  • Actividade "Escollendo cores".

Pensa como te sentes ao mirar a obra.

Escolle só dúas cores.

As cores representan a pena para ti.

Agora pensa nun momento da túa vida no que sentiches tristura.

Debuxa esa situación coas cores escollidas. 


Cadro de Claude Monet “Nenúfares e ponte xaponesa”. Un regato cheo de nenúfares e unha ponte de medio arco que o cruzal

  • Busca información sobre Claude Monet.
  • Este artista observa a natureza.
  • Monet entende algo importante.
  • No seu xardín ve todo o universo.
  • Actividade "Calma".

Pensa como te sentes ao mirar a obra.

Agora pensa nun momento que che dá calma.

Debuxa esa situación.

No debuxo indica o espazo, as cores e os elementos que dan tranquilidade.

Proxecto Thyssen

O Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, xunto coa Universidad Rey Juan Carlos e un hospital, levou a cabo un proxecto de investigación no que fixeron unha análise obxectiva sobre as emocións xeradas a través da contemplación de obras de arte. No seguinte vídeo podes ver como se fixo esta investigación.

Tamén podes acceder aos resultados do estudo: Que obras son as que máis emocionan? Descúbreo.

Lectura facilitada

Hai un proxecto de investigación levado a cabo por tres organismos:

  • O Museo Nacional Thyssen-Bornemisza. 
  • A Universidad Rey Juan Carlos.
  • Un hospital.

Nese proxecto faise unha análise.

Esta análise é sobre as emocións que xorden ao ver obras de arte.

No vídeo explícase como se fixo este estudo.

Tamén podes acceder aos resultados do estudo.

Organizámonos!

Agora que xa coñeces mellor a relación entre arte e emocións é o momento de decidir sobre que emoción vas crear a túa obra de arte. 

Malia que este reto require dunha implicación persoal importante, o traballo en grupo será fundamental ao longo de todas as actividades. 

Por este motivo, a elección da emoción non se fará de maneira individual, senón en grupo. Deberedes organizarvos en cinco grupos que se manterán ao longo desta situación de aprendizaxe.

Cada un destes grupo representará unha das cinco emocións básicas.

Ledicia

Tristura

Enfado

Medo

Amor

Lectura facilitada

Agora xa coñeces a relación entre arte e emocións.

Elixe unha emoción para a túa obra de arte. 

Este reto precisa de implicación persoal.

O traballo en grupo é unha parte importante nas actividades. 

Por iso tomas a decisión en grupo.

Agora formas o grupo.

Hai 5 grupos.

Cada grupo representa unha emoción básica. 

Hai 5 emocións básicas.

Que imos aprender aquí?

  • Identificar as emocións básicas como base dunha boa xestión emocional.
  • Definir con claridade os conceptos de identidade, diferenza e dignidade.
  • Valorar a arte como expresión de sentimentos e enriquecemento cultural.
  • Respectar as intervencións dos demais, valorándoas e recollendo ideas que enriquezan as achegas propias.
  • Resolver dilemas morais de xeito autónomo.
  • Participar en debates cunha actitude aberta e dialogante.

Lectura facilitada

Identificas as emocións básicas. 

Aprendes que significa identidade.

Aprendes que significan as diferenzas persoais.

Aprendes que significa dignidade.

Valoras como a arte expresa sentimentos.

Valoras como a arte enriquece culturalmente.

Respectas as intervencións doutras persoas.

Aprendes a resolver dilemas morais soa.

Participas en debates cunha actitude aberta.

Descubre!

A través deste REA irás descubrindo distintos cadros e artistas. Nas distintas fases, presentarase unha obra artística para que reflexiones sobre a irmandade arte-emoción.

Non esquezas ler a reflexión do noso Lenzo en branco! Segundo avanza o reto, el tamén incorpora novos coñecementos á súa personalidade.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)