Saltar navegación

TAREFA PUNTUABLE. Microbioloxía e matemáticas

Tarefa análise e interpretación de datos

Duración:
1 hora
Agrupamento:
Individual

Terás que aplicar conceptos matemáticos básicos, como porcentaxes e aritmética, ao estudo da microbioloxía.

Actividade: Calculando a eficacia dos antibióticos. 

Materiais Necesarios:

  • Calculadora
  • Folla para realizar os cálculos matemáticos
  • Gráficos en papel milimetrado
  • Lapis e regla
  • Acceso a internet ou enciclopedias para investigación adicional (opcional)

Introdución da tarefa: O Efecto dos Antibióticos nas Poboacións Bacterianas

Os antibióticos son medicamentos que se utilizan para tratar infeccións bacterianas. Funcionan destruíndo as bacterias ou inhibindo o seu crecemento. Cando se administra un antibiótico, este afecta a poboación bacteriana presente no organismo de varias maneiras:

  • Destrución das Bacterias: Os antibióticos poden atacar as paredes celulares das bacterias, rompéndoas e provocando a súa morte. Este efecto leva a unha redución inmediata na cantidade de bacterias.
  • Inhibición do Crecemento: Algúns antibióticos impiden que as bacterias se reproduzan ou fabriquen proteínas esenciais para a súa supervivencia. Sen a capacidade de medrar e dividirse, a poboación bacteriana diminúe gradualmente.

A eficacia dun antibiótico adoita medirse en termos de porcentaxe de redución da poboación bacteriana. Por exemplo, se un antibiótico elimina un 30% das bacterias presentes nunha hora, a poboación bacteriana total diminuirá progresivamente co paso do tempo. Supoñamos que comezamos cunha poboación de 1000 bacterias. Despois dunha hora de tratamento cun antibiótico que elimina o 30%, quedarán 700 bacterias. Despois doutra hora, o antibiótico eliminará outro 30% das bacterias restantes, reducindo a poboación aínda máis.

Esta capacidade dos antibióticos para reducir a poboación bacteriana de maneira eficiente é crucial para tratar infeccións e evitar que se propaguen no corpo. Entender como os antibióticos afectan ás bacterias axuda a usar estes medicamentos de maneira adecuada e a combater as enfermidades infecciosas de maneira eficaz. 

Contextualización da tarefa: 

No laboratorio de microbioloxía estamos probando varios medicamentos para salvar o corpo humano dunha invasión bacteriana. Tes a poderosa arma dos antibióticos ao teu dispor.

Escolle a poboación de bacterias que vas investigar:

Imaxe dunha bacteria 

Nome da bacteria Escherichia coli Staphilococcus aureus Clostridium bolinum
Poboación inicial 5.000 2.500 3.000

Escolle o antibiótico en fase de probas que desexas valorar: 

imaxe dun antibiograma

Nome do antibiótico BacterioBlaster MicroZap Germinator
Porcentaxe de redución 30% 25% 20%

O teu obxectivo é calcular como estas bacterias son derrotadas hora tras hora grazas á eficacia do antibiótico. Poderás ver como a poboación bacteriana diminúe significativamente, demostrando o poder dos tratamentos médicos na loita contra as infeccións.

Esta é a túa oportunidade  para utilizar as túas habilidades matemáticas para visualizar a batalla entre os antibióticos e as bacterias. ¡Prepárate para entrar no fascinante mundo da microbioloxía e ver como a ciencia e as matemáticas se combinan para salvar vidas!

Exercicio 1. Busca de información previa. (20 minutos aproximadamente)

Busca información na rede sobre a bacteria do teu estudo no laboratorio (forma, enfermidades que provoca, lugares nos que se atopa, etc) para elaborar unha pequena ficha informativa. 

Recorda empregar un mínimo de 2 fontes de información que sexan veraces e con información fiable, que deben ser indicadas na tarefa. 

Exercicio 2: Cálculo da redución de bacterias. (20 minutos aproximadamente)

Tendo en conta a poboación inicial de bacterias e o tipo de antibiótico que vas analizar, calcula a poboación bacteriana que queda despois de varias horas de tratamento (mínimo 10 horas de tratamento). 


Exercicio 3: Gráfico da Redución de Bacterias (15 minutos aproximadamente)

A partir dos cálculos anteriores, elabora unha táboa con datos do tempo en horas e da poboación de bacterias presente.

Elabora a gráfica e marca os puntos para cada hora. Conecta os puntos para amosar a redución das bacterias ao longo do tempo.

Exercicio 4. Reflexión final (5 minutos)

Responde ás seguintes preguntas: 

  1. Como te sentes ao aplicar as matemáticas á microbioloxía? Que aprendizaxes destacadas gardas desta actividade?
  2. Por que cres que é importante respectar os tempos nas tomas de antibióticos, despois do que sabes sobre o modo de actuación destes medicamentos?

Avaliación da actividade. 

Esta tarefa será avaliada mediante unha lista de cotexo e pondera o 30% na nota correspondente a esta unidade didáctica. 

Na aula virtual, na sección corresponte á entrega da tarefa, poderás ver a lista de cotexo coa que se avaliará a actividade. 

Formato de entrega da actividade. 

Os exercicios deberán entregarse en formato pdf, nun único arquivo. 

Nesta ferramenta dixital (gratuíta, sen rexistro e en liña) poderás transformar arquivos (imaxes, documentos) a pdf e incluso unir varios documentos pdf nun só arquivo. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)