Saltar navegación

6. Lanzar e equipo de campo

Carmen García e Manuel Mato. Lanzadora (CC BY-NC-SA)

A lanzadora pertence ao equipo de campo.

A súa función é lanzar a pelota cara á bateadora.

NON pode saír da súa área de lanzamento.

Unha vez bateada a pelota, a lanzadora:

  • Pode coller a pelota sen saír da súa área.

    • Se a colle no aire, a bateadora é eliminada.

    • Se a colle despois de que toque o chan, todas as corredoras teñen que parar e ir á seguinte base.

  • Ten que estar atenta ao xogo, xa que pode recibir a pelota dunha compañeira. Se isto sucede, todas as corredoras teñen que parar e ir á seguinte base.

Carmen García e Manuel Mato. Lanzando a pelota (CC BY-NC-SA)

Hai algúns aspectos a ter en consideración para que o lanzamento se execute correctamente.

  • A pelota NON pode ser lanzada demasiado rápido ou con moita potencia.

  • A pelota ten que ser lanzada por riba dos xeonllos e por debaixo da cabeza da bateadora.

  • A pelota NON pode botar ou tocar o chan antes de ser bateada.

  • A pelota NON pode ir dirixida directamente cara ao corpo da bateadora.

  • En todo momento a lanzadora ten que estar dentro da súa área, sen tocar ningunha liña.

  • Hai 3 oportunidades para facer un bo lanzamento. En caso contrario, o equipo bateador gaña ½ rounder.

Se a bateadora solicita un cambio de lanzadora, o cambio ten que producirse e a lanzadora pasaría a ser unha xogadora máis de campo.

No seguinte vídeo están algunhas das accións mencionadas neste punto.

Olládeo con atención!

Carmen García e Manuel Mato. Rounders: lanzar e equipo de campo (CC BY-NC-SA)