Algunhas das construcións tradicionais están relacionadas coa industria téxtil. Dous son os lugares preto dos ríos que aproveitando a súa forza motriz traballaron o sector téxtil: batáns e curtidurías.
O batán, tamén chamado folón ou pisón, é unha máquina movida pola acción da auga que coa axuda duns mazos bate en mollado os tecidos, de lá ou liño , para conseguir lavar, desengraxar e apretar os entramados da tea. O abatanado entrecruzaba máis as fibras dos tecidos e o resultado era un tecido máis uniforme, resistente e agradable de levar. Os batáns son na súa orixe unha construción da Idade Media. Antes desta época o abatanado facíase pisando os panos nunha gran pía por parte de persoas que calzaban uns grandes zocos de madeira (de aí o nome de “pisón” para os batáns nalgúns lugares). Os batáns do Mosquetín en Vimianzo (A Coruña) son un exemplo deste traballo.
Outra das construcións tradicionais presentes na arquitectura popular galega é o hórreo. O uso do hórreo esténdese por toda Galiza, recibindo diferentes nomes segundo a zona: hórreo, cabazo, cabaceiro, canizo, piorno ou canastro, entre outros. Son unha das construcións tradicionais máis xenuínas de Galicia. O seu uso orixinario era o de gardar, secar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais para mantelos nun bo estado para o seu consumo (caso do millo e outros produtos da terra). Porén, coa desaparición progresiva da agricultura tradicional foise perdendo a súa funcionalidade orixinaria para converterse en elementos de decoración. Na actualidade a lei ampara a súa conservación.
Arquitectonicamente trátase dun edificio de pequeno tamaño, alongado e de planta rectangular con cuberta a dúas augas. As súas dimensións, os seus materiais e os aparellos empregados na súa construción son moi variados, sempre dentro dos parámetros da arquitectura popular: cantería ou cachotería, madeira de castiñeiro, cuberta de tella cerámica, pedra granítica, lousa de xisto...