Unha construción tradicional é aquela na que se empregan materiais e recursos da propia contorna na que a edificación é construída. Nesta arquitectura tradicional ou popular non hai arquitectos nin planos, son construcións realizadas polos propios usuarios delas ou persoas da contorna, artesáns con escasa instrución, que constrúen diversos tipos de edificios, basicamente as vivendas das áreas rurais, así coma diversos tipos de edificacións ou elementos auxiliares (muros, estradas, pontes, muíños, lavadoiros, fontes, hórreos, pozos, palleiras, pendellos etc.). Normalmente relaciónase esta arquitectura co mundo rural agrícola. Galicia conta cunha riqueza enorme deste tipo de construcións, de feito é das zonas de Europa con máis representación, en parte grazas á durabilidade e calidade do granito. O estilo vén marcado polas condicións climáticas, a historia e a dispoñibilidade de materiais.
É polo xeral unha arquitectura caracterizada por ser forte e funcional, porén é fermosa, e cun impresionante dominio da cantaría. Este concepto de arquitectura tradicional abrangue non só as edificacións, senón tamén a totalidade das transformacións do medio natural realizadas polo home para lograr unhas mellores condicións de vida: desde os camiños, muros ou construcións agrícolas, até a propia vivenda. Exemplos de construcións tradicionais son: fontes, lavadoiros, pallozas, hórreo (canastro, cabaceira, cabaceiro, cabaz, cabazo, calostra, calustra, caustra, piorno), pontes. palleiros, pendellos, fornos, batáns, muíños, pesqueiras ou casas, entre outras.