Áreas implicadas
Lingua galega e literatura. A segunda secuencia pode conectar con contidos de Xeografía e historia (Causas do desenvolvemento desigual no mundo) e de Valores éticos (Riscos de democracias que violen os dereitos humanos. Xustificación das normas xurídicas).
Nivel
3º da ESO
Tema e contextualización da proposta
Elaboración de reportaxes sobre as necesidades da nosa vila, barrio ou parroquia, para contribuír a dar voz ás demandas existentes. Permite establecer conexión cos movementos sociais para a aprendizaxe servizo. Intégrase a literatura para tratar o papel social dos e das creadoras.
· Elaborar reportaxes, previa planificación e de acordo cuns criterios establecidos.
· Identificar, coñecer e empregar os trazos e recursos lingüísticos propios das reportaxes para compoñer o texto final.
· Desenvolver usos lingüísticos apropiados e precisos.
· Empregar as TIC para a planificación, textualización, revisión e difusión das producións.
· Encamiñar a participación activa e con actitude colaborativa e responsable nas tarefas.
· Usar estratexias para conseguir combinar obxectividade e valoración nos xéneros xornalísticos mixtos.
· Fomentar a revisión e mellora axeitada dos textos creados de acordo con determinados criterios.
- Comprensión e interpretación de textos propios dos medios de comunicación e distinción dos contidos informativos e das opinións en entrevistas, crónicas e reportaxes.
- Produción, en soporte impreso ou dixital, de textos propios dos medios de comunicación, fundamentalmente, entrevistas, crónicas e reportaxes.
- Uso das TIC como un medio de comunicación e interrelación social a través da escritura.
- Uso reflexivo da puntuación en relación coa cohesión textual.
- Identificación da estrutura dun texto, a construción dos parágrafos e a vinculación e progresión temáticas en textos alleos e propios. Elaboración de textos tendendo a estes valores.
- Lecturas expresivas e comprensivas, audicións e lecturas dramatizadas de textos narrativos, poéticos, teatrais e ensaísticos representativos da literatura galega desde a Idade Media ata 1916.
- Uso de técnicas de análise do contido e estratexias que facilitan a lectura comprensiva e crítica de textos.
- Recoñecemento, explicación e uso de léxico amplo e preciso, con incorporación de fraseoloxía e de vocabulario temático.
- Planificación, produción e revisión do texto con adecuación, coherencia, cohesión e respecto polas normas morfolóxicas, ortográficas e tipográficas.
Estes materiais son froito dunha aposta por un modelo didáctico na liña traballo por proxectos, baseado na construción de coñecemento dentro dun proceso de elaboración de xéneros textuais vehiculado a través de tarefas conectadas. Preténdese que o alumnado sexa axente activo da súa aprendizaxe ao planificar, pescudar, procurar, tratar e reelaborar información, elaborar textos para o uso social e traballar cooperativamente.
As propostas de produción parten dun reto, desenvólvense a través dun itinerario (fases e actividades para cada unha delas) e dispoñen de recursos e apoios. Non se trata, logo, tanto de ofrecer contidos como de posibilitar o avance no desenvolvemento de destrezas.
Esa procura do protagonismo do alumnado e do desenvolvemento da reflexión non se limita á composición de produtos finais ou intermedios. Tamén é a causa de propoñer nalgunhas secuencias a extracción de características textuais ou a composición de infografías por parte do alumnado a partir dunha serie de imaxes escollidas, no canto de ofrecer a información directamente.
Consecuentemente, o modo de traballo predominante é en pequenos grupos. Só en certas actividades se recomenda, tal como se indica, o labor individual ou en parellas.
Os proxectos ou secuencias seguen unhas fases constantes. Son as seguintes:
1. Conectad@s? Activación e motivación desde as emocións. Cómpre ter en conta as ideas previas e valorar a produción inicial para axustar o labor. Así mesmo, é importante negociar co alumnado a orientación do proxecto (como perfilar o xénero?, como valorar o labor?, etc.) para que a implicación e o sentido do que haberá que facer sexan máximos.
2. Situámonos. Traballo coa información. Para iso, débese orientar a planificación da tarefa de procura e escolla e ampliar as técnicas de traballo e análise do contido, así como as estratexias de comprensión. Sería interesante aquí especialmente achegar cuestións breves previas ás lecturas, cuestións clave durante a lectura e cuestións finais de extracción, inferencia ou valoración. Contémplanse fontes orais e multimedia, das que se achega transcrición só no caso de ter que evitar o audio.
3. Con sentido. Manexo da información: recollela e incorporala. Cumprirá desenvolver destrezas no tratamento da información e realizar unha parada para reflexionar e extraer conclusións (relato da aprendizaxe).
4. Obradoiro de comunicación. Desenvolvemento das habilidades lingüísticas esixidas polo xénero textual. Reflexiónase sobre os usos en textos reais modelo: trazos do xénero textual e cuestións gramaticais asociadas.
5. Temos a palabra. Planificación do produto e textualización. Inclúese de xeito máis ou menos específico a fixación e ampliación do léxico do ámbito traballado.
6. A lingua precisa. Corrección dos borradores. Será preciso revisar as propiedades textuais e aplicar estratexias de mellora.
7. O que damos de nós. Exposición e difusión do traballo realizado, ben sexa unha recompilación de producións intermedias, ben sexa o produto final. Reflexionarase tamén sobre a aprendizaxe e realizarase a avaliación final.
Combínanse tarefas iniciais de sensibilización cara ao tema e de activación de coñecementos previos, tarefas que esixen manexar información, tarefas de reflexión sobre a lingua e tarefas de produción textual.

a) Estándares e indicadores
- Comprende e interpreta textos xornalísticos, fundamentalmente reportaxes.
- Distingue entre os contidos informativos e as opinións que se expresan nos textos xornalísticos.
- Produce, en soporte impreso ou dixital, reportaxes axeitadas.
- Utiliza as TIC para intercambiar opinións sobre escritos e escribir e dar a coñecer os propios en blogs e redes sociais.
- Revisa os textos para puntuar correctamente.
- Determina o tema, delimita a estrutura e identifica a progresión temática en producións propias e alleas.
- Le expresiva, comprensiva e/ou dramatizadamente textos representativos da literatura galega ata 1916.
- Participa con proveito de audicións de textos representativos da literatura galega ata 1916 e escribe argumentadamente sobre aspectos literarios básicos destes.
- Participa activamente nas interaccións, respecta as regras, manifesta as súas opinións e atende as dos demais.
- Avalía atinadamente as intervencións propias e alleas.
- Respecta as quendas de palabra, escoita activamente os demais e usa fórmulas de saúdo e despedida.
- Colabora co grupo e interésase por avanzar.
- Participa na procura e tratamento da información e sabe manexala.
- Resolve con acerto as actividades de análise e reflexión lingüística propostas.
- Contribúe na planificación dos textos e na súa mellora.
- Coavalía con criterio e autoavalíase.
b) Instrumentos
O apartado "O que damos de nós" inclúe unha grella de autoavaliación e na fase anterior achégase unha rúbrica de auto ou de coavaliación.
Alén diso, boa parte das actividades conectan directamente coas adxacentes, de xeito que se impulsa unha avaliación formativa durante o proceso, que culmina na tarefa final.
En todo caso, podería engadirse unha autoavaliación por bloques de actividades con criterios máis específicos (como: Ben, comprendín …, etc.; ou ben Vou ben?, Que aspectos quedaron confusos?...), o que implicaría realizar paradas para reflexionar.
Ao final ofrécese, ademais, un cuestionario dirixido á valoración da secuencia por parte do alumnado, cuestión importante para a súa posterior adecuación e mellora.
