Centramos os termos da reivindicación e preparamos e compoñemos o borrador da nosa reportaxe.
Unha das formas de protesta máis directas son as consignas que podemos apreciar en manifestacións, en folletos, nos muros, etc. Velaquí unha vintena.
Explicade o significado de cada unha, sinalando o conflito ao que apuntan, e definide a seguir os termos REIVINDICACIÓN, INTEGRACIÓN, CORRUPCIÓN, VIOLENCIA, PRECARIEDADE, EXPLOTACIÓN, SUBEMPREGO, MOBILIZACIÓN, NEOLIBERALISMO, RECORTES, DESAFIUZAMENTO, SOLIDARIEDADE e MANIPULACIÓN. Para esta última parte, evitade o uso de eufemismos que ocultan a realidade (como flexibilidade laboral en vez de despedimento de traballadores, redistribución dos ingresos por empobrecemento dos traballadores), desaceleración económica no canto de crise, regulación de emprego en vez de despedimentos, etc.
· Non ao racismo, si á integración
· Non hai pan para tanto chourizo
· Non hai leite para tanto mamón
· Detrás dun corrupto, seis tertulianos
· Violencia é cobrar 500 euros
· Mans arriba, isto é un contrato
· Se loitas, podes perder; se non loitas, estás perdido
· A hipoteca vai para adiante, os soldos, para atrás
· Non podemos apretar o cinto e baixar os pantalóns ao mesmo tempo
· Mexan por nós e dinnos que chove
· Antes eran grises, agora son azuis
· Casas sen xente, xente sen casa
· Sóbranos mes ao final do soldo
· Non falta diñeiro, sobran ladróns
· Se non te meneas, non se notan as cadeas
· Se tocan a unha, respondemos todas
· Coa violencia, nin un gramo de paciencia
· @s mestr@s, loitando, tamén están ensinando
· Non somos catro, non somos cen. Prensa vendida, cóntanos ben
· Tirade os vosos rosarios dos nosos ovarios
Como sabedes, coa reportaxe poderemos debullar o como e o por que duns feitos noticiables. Para preparala, lembrade antes de nada o tipo de reportaxe que decidistes crear, recuperade a información organizada na segunda actividade de Con sentido e apuntade as cuestións seguintes. Tedes un documento base no cadro de Apoio.
- Posible título (orixinal, pero apuntando ao tempo ao tema da reportaxe).
- Aspectos que nos interesa desenvolver máis (consecuencias dos feitos, diferentes perspectivas sobre o tema, casos parellos, etc.).
- Datos extraídos de fontes que nos permitan documentarnos e profundar no tema, como novas da prensa, informes, manifestos, anotacións nas redes sociais... Anotaremos as fontes de información en cada caso.
- Datos tomados de especialistas no tema cos que sería interesante contar. Formularémoslles preguntas refrentes sobre todo ás posibles solucións.
- Algunha visión distinta do asunto tomada doutras partes implicadas, a maiores das entidades e persoas coas que xa contactamos, como por exemplo representantes das institucións.
- Inicio do corpo da reportaxe: unha revelación de algo oculto na noticia, a narración dun caso persoal, algunha suposición intrigante, unha anécdota que ilustre o tema...
- Material gráfico (imaxes, táboas...) que podemos obter ou elaborar directamente para incluír e complementar o texto.
Para confeccionar o borrador da reportaxe escrita, atenderemos as notas da planificación, combinaremos os datos dos que dispomos e aplicaremos os recursos para organizar, captar a atención, citar e expresar opinión. Así:
- Ordenamos a información e opinións recolleitas. Desbotamos o repetido e organizamos as ideas clave nun esquema con distintos apartados e posíbeis parágrafos.
- Na apertura centraremos o tema e intentaremos que capte a atención. Iso podémolo facer cun resumo actualizado dos feitos, coa revelación de algo oculto na noticia, con algunha suposición intrigante, cunha anécdota que ilustre o tema...
- No desenvolvemento do corpo recolleremos ordenadamente o contido e as interpretacións xurdidas na investigación. Abordaremos cada un dos subtemas integrando información e opinión: aspecto 1 –> datos – citas – valoracións + Aspecto 2 –> datos – citas – valoracións ...
- Escollemos os fragmentos máis significativos das entidades ou persoas implicadas e introducímolos en distintos momentos empregando as aspas (“...”) e indicando quen o di. Por exemplo:
- Se hai informacións contraditorias, deixamos claro quen defende cada postura e por que.
- Incluímos valoracións propias con recursos lingüísticos de modalización.
- Finalizaremos cun parágrafo de peche que conecte coa idea central: unha conclusión, unha proposta...
- Situamos o material gráfico e poñemos algún pé de imaxe explicativo.
- Redactamos seguindo este esquema:

No caso de ser unha reportaxe audiovisual:
- Soe durar de 5 a 10 minutos. Axustaremos, logo o material que precisaremos.
- Ordenamos a información e opinións recolleitas. Desbotamos o repetido e organizamos as ideas clave nun esquema con distintos apartados e posíbeis parágrafos.
- Recrearemos ambientes con efectos sonoros ou intervencións no lugar dos feitos (descricións, recolleita de testemuños...). Podemos incluír tamén música de fondo axeitada.
- Comezaremos atraendo a audiencia e mostrando o que motiva a reportaxe: cun testemuño importante, cun interrogante, cunha dramatización dos feitos, etc.
- Deixaremos claros os bloques (partes) da reportaxe, desenvolvendo en cada un deles un aspecto do tema e combinando datos e declaracións.
- Precisamos testemuños variados (afectados, expertos...) e distibuír ben as súas intervencións, sempre presentándoos.
- O locutor-narrador debe ir establecendo as relacións entre as partes.
- Coidaremos de facer un peche cunha conclusión, unha reflexión ou unha proposta que enlace co anterior; tamén podemos, para iso, reformular a apertura.
En esquema:

Ademais:
- Utilizaremos unha linguaxe coidada pero próxima á fala. Leremos en voz alta o escrito para apreciar se soa natural. Non será o mesmo "Fundamentalmente adquirimos, nesta nosa vila, os artigos de alimentación nos supermercados" ca "Na nosa vila cómpranse os alimentos sobre todo nos supermercados".
- Empregaremos oracións curtas, son máis doadas de seguir.
- Evitaremos a voz pasiva. É mellor "Os mariñeiros viron unha balea preto do porto" ca "Unha balea foi vista polos mariñeiros preto do porto".
- Subliñaremos as palabras e expresións que fai falta ler/dicir con maior énfase e tamén marcaremos onde é preciso facer pausas.
- Interviremos, á hora de gravar, con soltura, ton e volume adecuados e naturalidade.